Curso en Silleda sobre cultivo do castiñeiro para froito

Publicidade
Curso en Silleda sobre cultivo do castiñeiro para froito

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), programou para o vindeiro luns, día 6 de setembro, un curso sobre castiñeiro de froito en Silleda (Pontevedra). Esta acción formativa desenvolverase no local social de Abades en horario de tarde (entre as 18:00 e as 22:00 horas).

O obxectivo principal é capacitar aos alumnos para que sexan quen de planificar as plantacións destas árbores en función das zonas e do destino final do produto. Trátase tamén de complementar a formación impartida para manter ao día aos produtores de castaña sobre as novidades de investigación, tratamentos ou tendencias técnicas do mercado. O programa deste curso inclúe materias como a planificación, a repoboación, a plantación, o peche perimetral e outras recomendacións, caso do rego ou a fertilización.

A acción formativa vai dirixida a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

Todos os interesados poderán anotarse neste curso cubrindo a solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse ao correo electrónico formacion.agacal@xunta.gal ou info@castanadegalicia.org. Tamén poden chamar ao número 881 997 279 para máis información.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información