Curso en Monforte de Lemos sobre xestión das ganderías de vacún de leite

Curso en Monforte de Lemos sobre xestión das ganderías de vacún de leite

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza o vindeiro mércores, 13 de outubro, un curso sobre a eficiencia da xestión das explotacións de vacún de leite no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Monforte de Lemos. A acción formativa celebrarase en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas.

O obxectivo da iniciativa é transmitir os coñecementos mínimos suficientes para levar a contabilidade dunha explotación e calcular os índices que poidan utilizarse como indicadores da boa marcha da granxa, mediante o análise de casos reais de explotacións de vacún de leite.

Así, o programa inclúe contidos sobre a xestión técnico-económica, analizando os ingresos, custos fixos e variables, as amortizacións técnicas, o cálculo do custo de produción e da marxe neta, entre outros. A idea é que os asistentes poidan elaborar a súa propia conta de resultados, tendo tamén en conta o custo da recría e das forraxes. Ademais, os alumnos poderán familiarizarse co emprego da aplicación Conta Láctea, posta en marcha pola Xunta no marco da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego para facilitar o cálculo dos custos de produción destas granxas de cara a acadar unha xestión empresarial axeitada e aumentar o poder negociador dos gandeiros sobre o prezo do leite.

Canto aos participantes, a acción están dirixida en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

Para inscribirse pódese descargar a solicitude nesta ligazón e remitila cuberta ao enderezo electrónico ceca.monforte@edu.xunta.gal. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 982 889 105.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información