Curso en Moeche sobre normativa e procesos de transformación e comercialización de produtos hortofrutícolas e mel

O curso está organizado pola Agacal e ten previsto desenvolverse en horario de tarde os días 20, 21 e 22 de setembro

Publicidade
Curso en Moeche sobre normativa e procesos de transformación e comercialización de produtos hortofrutícolas e mel

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto organizar un curso de operador de transformación e comercialización de produtos hortofrutícolas e do mel. A acción formativa está programada para os días 20, 21 e 22 de setembro no campo da feira de Moeche, en horario de 17:00 a 21:00 horas.

O obxectivo principal deste curso é impartir os coñecementos teóricos e prácticos que se precisan sobre a normativa e procesos de produción, transformación e comercialización de produtos agrarios da horta e da apicultura, para que os titulares das explotacións -especialmente as máis pequenas- poidan engadir máis valor ao acceder a novos canais de comercialización.

Ademais, este curso deséñase tamén para darlle un apoio formativo ao persoal que vaia a empregar as instalacións do novo Centro de Transformación de produtos agrarios de Moeche, que contou cunha axuda da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a través da medida Leader.

Así, ao longo das 12 horas de formación, a acción combinará unha parte teórica cunha práctica. Na parte teórica abordaranse temas como a normalización e comercialización de froitas e hortalizas, o seu etiquetado e a venda directa. Tamén se tratarán aspectos como a seguridade e a hixiene alimentaria, a trazabilidade e os rexistros; así como as diferentes marcas de garantía e o novo decreto de Artesanía Alimentaria. Mentres, na parte práctica aplicaranse os coñecementos previamente adquiridos ensinando aos alumnos a elaborar diferentes produtos a partir do mel, das froitas e das hortalizas, tales como conservas, zumes ou marmeladas, entre outros.

De tódolos xeitos, o curso está dirixido en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este. Os interesados poden inscribirse a través do formulario de asistentes dispoñible en https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/formacion-continua/plan-de-formacion-2021, enviándoo posteriormente cuberto ao enderezo electrónico area.seca.ferrol@xunta.gal. Para obter máis información poden chamar ao número de teléfono 981337098.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información