Data inicio: 27/06/2022
Data fin: 09/07/2022
Lugar: Centro Cultural Francisco Piñeiro, AC-862, España
A Oficina Agraria Comarcal de Ferrol acollerá dende o 27 de xuño un curso de formación e adquisición de competencias sobre as diferentes alternativas aos minifundios e as producións de froitos alternativos aos principais cultivos. A acción formativa levarase a cabo ata o 9 de xullo e terá unha duración total de 45 horas ao longo de 7 días, con horarios tanto de mañá coma de tarde.
O obradoiro aborda aspectos teóricos e prácticos sobre diferentes áreas de coñecemento relacionadas co sector forestal, o minifundio e o aproveitamento de soutos, maceiras e plantacións de arandos, incluíndo unha serie de viaxes os días 2 e 9 de xullo a diferentes tipos de producións forestais. Esta iniciativa está dirixida ás persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, e tamén ás persoas con expectativa de incorporación, en concreto a xuventude do medio rural.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Consellería do Medio Rural), a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende mostrar solucións e alternativas ao minifundio, ademais de dar a coñecer cultivos alternativos ás principais especies forestais coma os arandos, as mazás de sidra ou as castañas, e que os participantes adquiran coñecementos para saber aproveitalos.
Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse nesta web. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico, comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 981 33 70 49, ou enviarse un correo a oac.seca.ferrol@xunta.gal.