Curso en Lugo para o persoal das granxas de porcino

A formación, que arrancará o próximo venres 4 de novembro no edificio multiusos da Xunta na cidade lucense, terá unha duración de 20 horas -tanto teóricas como prácticas- distribuídas en catro xornadas

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar en Lugo un curso de capacitación para o persoal de granxas de gando porcino. Impartirase no edificio multiusos da Xunta na cidade lucense, ao longo de 20 horas distribuídas nos próximos días 4, 5, 11 e 12 de novembro.

Os obxectivos da iniciativa son que os gandeiros coñezan as normas básicas para a ordenación zootécnica e sanitaria das explotacións porcinas intensivas, as condicións mínimas de infraestrutura, equipamento, manexo, localización e bioseguridade ou as condicións hixiénico-sanitarias e requisitos medioambientais.

Deste xeito, o programa comezará dando a coñecer a normativa do sector porcino e a formación en benestar animal, nocións sobre a morfoloxía e fisioloxía porcina, sobre sanidade animal e sobre hixiene e enfermidades de declaración obrigatoria. Tamén se abordará a bioseguridade, diversos rexistros e requisitos de documentación, a alimentación porcina, o manexo en todas as fases de produción e a normativa e xestión ambiental, tanto desde o punto de vista teórico como práctico, mesmo con proba final neste último caso.

Esta acción está dirixida á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira.

A inscrición pode facerse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolles se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 294 933, ou enviarse un correo a oac.svo.lugo@edu.xunta.es

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información