Curso en Lugo de xuíces gandeiros da raza Rubia Galega

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza a semana vindeira en Lugo un curso de xuíces gandeiros da raza Rubia Galega. Previsto dende o xoves 30 de setembro no edificio multiusos da Xunta, os servizos veterinarios da Oficina Agraria Comarcal (OAC) de Lugo serán os encargados de impartilo en horario de 9,00 a 13,00 horas, en colaboración coa Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga).

O obxectivo da iniciativa é que os gandeiros coñezan a cualificación lineal como método de selección de futuros reprodutores da raza, o esquema do programa de mellora xenética e os conceptos básicos para xulgar os animais de aptitude cárnica, formándose así sobre o prototipo racial para poder valorar eles mesmos os exemplares.

Nesa liña, o primeiro día centrarase na materia teórica, con contidos sobre a anatomía do gando vacún de carne, os programas de mellora xenética, a valoración lineal dos animais en vivo e dos canais ou sobre o manexo produtivo en gando vacún e a súa influencia na calidade da carne. O segundo e o terceiro día as sesións serán eminentemente prácticas, acudindo a unha explotación o venres 1 de outubro e a Expolugo A Rural 2021 o sábado 2, onde os alumnos poderán facer as súas propias valoracións no marco do concurso e exposición de gando de raza Rubia Galega que terá lugar neste certame que acollerá o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.

Canto aos participantes, a acción están dirixida en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

Para inscribirse pódese descargar a solicitude na web de Medio Rural  e remitila cuberta ao enderezo electrónico jesus.juan.cantalapiedra.alvarez@xunta.es. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 982294933.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información