Curso en Boqueixón sobre fruticultura ecolóxica

Publicidade
Curso en Boqueixón sobre fruticultura ecolóxica

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto celebrar no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude, en Boqueixón, un curso sobre fruticultura ecolóxica. Esta acción formativa terá unha duración de 24 horas, repartidas ao longo de seis xornadas. Ten previsto comezar este venres, 15 de outubro, e rematar o día 30 deste mesmo mes.

O obxectivo principal deste curso é introducir os alumnos nos conceptos básicos e principios que rexen a fruticultura ecolóxica. Trátase tamén de facilitar o coñecemento técnico sobre este tipo de cultivo, así como de fomentar a produción a partir das necesidades dun mercado de proximidade que está en crecemento en toda Galicia e especialmente na comarca de Santiago de Compostela.

A acción formativa vai dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

Programa do curso

O programa deste curso céntrase en aspectos como o deseño e a realización da plantación, os coidados posteriores, a poda e formación de froiteiras e a súa multiplicación e propagación. No primeiro caso, abordarase a escolla do sistema de formación, a preparación do chan, o sistema de rega ou a época de plantación. Nos demais casos, trataranse, entre outras, temáticas como a fertilización ou a protección do cultivo fronte pragas e enfermidades.

Para inscribirse pódese descargar a solicitude nesta ligazón e remitila cuberta ao enderezo electrónico cursos.agacal.sergude@xunta.gal. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 881 86 73 31.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información