Curso de verán na USC sobre “O mundo dos viños galegos”

Publicidade
Curso de verán na USC sobre “O mundo dos viños galegos”

Vendima na DO. Rías Baixas. Foto: Arquivo

A Universidade de Santiago de Compostela impartirá dentro dos seus cursos de verán un sobre “O mundo dos viños galegos. (II) X Foro do Albariño: Reflexión sobre a sostenibilidade: os aspectos medioambientais, sociais e de goberno corporativo”.

A formación, que se impartirá os días 29,30 de xuño e 1 de xullo de 2022, foi presentada esta semana pola directora de cursos de verán da USC e profesora desa universidade, Elisa Rubí; o presidente da Asociación Adegas do Salnés, Germán Martínez; e o Presidente-Conselleiro delegado de Adegas Terra de Asorei, Xosé Ramón Durán – Roque.

O curso impartirase en Adegas Terra de Asorei, en San Martiño de Meis, no centro Comarcal Exposalnés en Cambados e o acto de clausura será no Pazo de Ulloa, en Cambados.

Este curso está dirixido alumnos, profesores universitarios ou de formación profesional, institutos, profesionais do sector do viño ou público xeral que queira acercarse ao mundo do albariño actual e ás tendencias e novidades do sector, contemplado dende varios puntos de vista. O prazo matricula é ata o 17 de xuño.

O Presidente-Conselleiro delegado de Adegas Terra de Asorei, Roque Durán, avanzou que parte dunha xornada formativa dedicarase á recuperación de variedades autóctonas, en concreto, a recuperación do viño tinto Espadeiro, unha uva senlleira do Val do Salnés que fai un viño tinto galego de calidade.

Tamén destacou que este curso foi deseñado seguindo catro liñas. Unha, escoitar experiencias que están facendo fora de Galicia, como os representantes da Asociación de Bodegas Familiares de Rioja, o sociólogo catalán Lluis Tolosa, e traer a unha das persoas que máis está estudiando o enoturismo e as Rutas do Viño.

A segunda liña é a economía circular, a viticultura e as empresas-adegueiras sostibles, do que van falar profesores catedráticos da Universidade de Santiago de Compostela e de A Coruña. Como terceira liña, poñer en valor a recuperación dunha uva senlleira e autóctona galega como é o Espadeiro, símbolo da biodiversidade e as oportunidades que da unha uva galega para elaborar un viño de calidade. E a cuarta, dar a coñecer investigacións e estudos que se están a facer na viticultura sostible e de precisión.

Pola súa parte, a directora do curso, Elisa Rubí, salientou que no curso falarase da importancia dos criterios medioambientais na viticultura. A idea é dar a coñecer as investigacións/innovacións máis actuais para adaptar o sector do viño os cambios xerados polo cambio climático.

Nestas liña, presentarase un exemplo práctico, o proxecto “ALGATERRA: Nuevos insumos agrícolas para la mejora de cultivos en ecológico elaborados con algas marinas de Galicia.” O obxectivo de este proxecto é elaborar novos insumos agrícolas cos descartes de algas mariñas que se producen na industria alimentaria, e probar a súa eficacia para ser utilizados tanto en agricultura ecolóxica, como en reconversión e tamén para agricultura convencional sostible.

Consulta aquí o programa e como inscribirte

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información