Os sistemas de aeronaves non tripuladas (UAS, polas súas siglas en inglés), ofrecen múltiples posibilidades de uso cando se lles engaden distintos tipos de sensores, activos ou pasivos, para a captura de datos sobre o terreo.
Unha actividade formativa organizada polo Colexio Oficial de Enxeñaría Técnica Forestal de Galicia abordará a súa aplicación ó sector da industria forestal – madeira, no que os drons poden contribuír á monitorización dos recursos forestais e do medio natural, así como axudar á ordenación do territorio, entre outras posibilidades.
Os equipos non tripulados presentan unha serie de vantaxes, como facilitar o traballo en orografías complicadas ou axilizar os tempos de execución de traballos técnicos.
A formación abordará unha parte teórica, que permitirá coñecer a normativa e funcionamento dos distintos equipos, así como unha xornada práctica, na que se realizará a captura de datos para un posterior procesado dos mesmos en aula.
O curso está dirixido a profesionais da industria forestal-madeira (preferentemente profesionais en activo), así como estudantes de formación profesional e estudantes universitarios vencellados ao ámbito forestal-madeira.
A inscripción, de carácter gratuíto, pode realizarse ata o día 8 de abril ás 15 horas (ou fin de prazas). A actividade conta con 17 horas de formación en aula, que se desenvolverán en Santiago na sede do COETFG, e con 4 horas de xornada de campo.
As sesións presenciais do curso desenvolveranse o 11, 18 e 25 de abril, e o 9 de maio. A saída de campo con dron está prevista para o 25 de abril.
A actividade formativa está impartida por Juan Luis Rodríguez Somoza e encádrase no proxecto ‘Accións formativas e divulgativas dirixidas ó impulso do coñecemento e a competitividade da industria forestal – madeira de Galicia. COETFG 2025 – 2026’, que conta co apoio da Axencia Galega da Industria Forestal XERA.
Pódese obter máis información e proceder a inscripción na web do COETFG.
Galego







Control OJD