Curso de selección e mellora xenética da abella negra autóctona galega

A acción formativa realizarase en Becerreá e busca a profesionalización do sector da apicultura. Será os días 9 e 10 de maio e terá 10 horas lectivas

Publicidade
Curso de selección e mellora xenética da abella negra autóctona galega
Data inicio: 09/05/2022
Data fin: 10/05/2022
Lugar: Centro de Formación y Experimentación Agroforestal de Becerreá, España

A Consellería do Medio Rural -a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria- organiza un curso de mellora xenética e selección da abella negra autóctona galega. A acción realizarase a vindeira semana, os días 9 e 10 de maio, no Centro de formación e experimentación agroforestal de Becerreá (Lugo), en horario de 9:00 a 14:00 horas.

A iniciativa constará de 10 horas lectivas, a metade teóricas e a outra metade prácticas. Deste xeito, para abordar a selección de exemplares, nas sesións tratarase a poboación de abellas, a cría, o comportamento de defensa, a tendencia á enxamia e a produción de mel. Tamén a mortandade natural por varroase, o nivel de infestación da varroa e como acometer tests de hixiene, co establecemento dunha colonia de ensaio a partir dun núcleo.

Seguidamente, instruirase sobre a preparación da nova colmea, a súa forza e saúde, a selección de cadros de abellas, a transferencia de cadros na nova colmea e a comprobación do volume de abellas en comparación co alimento necesario. Por último, de cara á fase de reprodución, formarase sobre a cría de raíñas, a fecundación natural e a fecundación artificial.

Máis aló do obxectivo concreto do curso, a acción persegue fomentar a competitividade e a eficiencia dos recursos apícolas contribuíndo á sustentabilidade da economía rural, así como impulsar o desenvolvemento de pequenas explotacións que poidan ser viables economicamente, facilitando a entrada no sector de apicultores adecuadamente formados. Nesa liña, quérese fomentar tamén a transferencia de coñecementos e innovación aos produtores para alcanzar os obxectivos da Estratexia Europa 2020 dun crecemento intelixente, sustentable e integrador. Ao tempo, perséguese apoiar a prevención e a xestión de riscos nas explotacións apícolas e restaurar, preservar e mellorar os ecosistemas relacionados coa apicultura.

Esta iniciativa está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

As persoas interesadas en participar neste curso poderán atopar aquí máis información e as solicitudes de preinscrición correspondentes que deberán remitir cubertas ao enderezo electrónico mercedes.fra.perez@xunta.gal. Os interesados tamén poden obter información adicional no teléfono 982 828 370.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *