Curso de Mestría en compostaxe, con participación do Plan Revitaliza

Curso de Mestría en compostaxe, con participación do Plan Revitaliza

Unha das sesións sobre compostaxe comunitario impartidas no Plan Revitaliza. // Foto de arquivo.

O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra para a xestión do lixo está a formar parte dun curso de Mestría en compostaxe promovido por Amigos da Terra e financiado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Fondo Social Europeo dentro do programa ‘Emprega Verde’. Unha das mestras composteiras da Deputación, Beatriz Fernández Lorenzo, visitará os centros de compostaxe comunitaria existentes en Caldas de Reis e supervisará as prácticas que se realizarán alí.

O Curso de Mestría en Compostaxe ten como intención formar a persoas técnicas especializadas en compostaxe de residuos orgánicos, especialmente persoas en situación de desemprego e preferentemente mulleres de menos de 35 e máis de 45 anos co fin de achegar saídas laborais. Forma parte dos seis ciclos que se están a realizar entre Madrid (2) e Galicia (1 por provincia).

O obxectivo xeral dos cursos é formar a persoas e preparalas tecnicamente para os próximos anos, nos que os municipios terán que separar a fracción orgánica dos seus residuos municipais e xestionalos principalmente mediante compostaxe. Nos cursos abórdase o ciclo completo da xestión do lixo orgánico de forma que o persoal técnico poida realizar labores como poñer en marcha programas de compostaxe individual, facer promoción e campañas educativas, xestionar iniciativas de agro-compostaxe, centros de compostaxe comunitaria ou realizar tarefas auxiliares en plantas de compostaxe.

A implicación do Plan Revitaliza da Deputación nestas xornadas vén dada pola súa política de xeración de emprego local. Hai que lembrar que o plan provincial é un modelo de xestión do lixo baseado na proximidade e na economía circular que aposta polo coñecemento técnico máis que por utilizar alta tecnoloxía, co que iso supón para a xeración e dinamización local do emprego e o asentamento no rural, en moitos casos.

O Plan Revitaliza

En canto á formación, e ante a ausencia de persoal técnico cualificado, a Deputación puxo en marcha a ‘Facultade da Compostaxe’, un curso de formación especializado en compostaxe e homologado pola UVigo que xa leva varias edicións, no que se formou a práctica totalidade da xente que despois foi contratada para o propio Revitaliza, con profesorado galego, do resto do estado español e tamén internacional, especialistas na materia.

En canto á xeración de emprego, o Revitaliza realizou ata o de agora 74 contratos de bolseiros ou en prácticas (en catro edicións), contratou a 20 interinos por execución de programa, e facilitou a contratación de 27 interinos nos concellos da provincia.

A partir da formación adquirida na ‘Facultade da Compostaxe’, o persoal técnico da Deputación está a formar a outras persoas, como neste ciclo de cursos de Amigos da Terra. Tamén fan labores divulgativos de colaboración con outros países, como é o caso de Illa de Príncipe, que quere replicar o modelo pontevedrés e precisa persoal formado, polo que agora mesmo están en Pontevedra 4 persoas da illa africana que terán 2 meses de aprendizaxe.

Dende a Deputación, reivindican que o plan Revitaliza, ademais de apostar por un modelo sustentable de xestión de lixo, está a potenciar un nicho de emprego que vai ter moita saída dadas as indicacións en materia de medio ambiente e sustentabilidade da Axenda 2030 e das obrigas da UE en materia de tratamento de lixo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información