Data inicio: 24/08/2020
Data fin: 27/08/2020
Lugar: Mondariz, España
O concello de Mondariz (Pontevedra) acollerá este mes de agosto un curso de iniciación e mellora para as ganderías de ovino e cabrún. A formación está orientada tanto para gandeiros que xa conten con rabaños destes animais como para aquelas persoas que estean interesadas en comezar a traballar con este gando.
O curso terá unha duración de 24 horas lectivas e celebrarase os días 24, 25, 26 e 27 de agosto. A acción formativa está incluída dentro do Plan de Formación ao Agro Galego 2020, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), da Consellería de Medio Rural.
A formación será impartida por persoal da empresa de asesoramento e xestión de ganderías Beealia. A dinámica dos cursos busca propiciar a participación dos asistentes, para que poidan aplicar os contidos que se aborden dun xeito directo e práctico ás súas propias ganderías ou ós seus proxectos. Inicialmente, as sesións estarán centradas nas ganderías de ovino e cabrún de carne, aínda que tamén se poderán abordar as de leite en función dos intereses dos participantes.
Deberá haber un mínimo de 10 inscritos para que se imparta a formación. As prazas serán limitadas para garantir a seguridade dos asistentes por mor do Covid-19 e dada a dinámica das sesións, cun carácter participativo. As persoas interesadas poderán tramitar a súa inscrición ou solicitar máis información no teléfono 986 664 306 ou no correo electrónico info(arroba)concellodemondariz.com.
Próximas edicións
Este será o primeiro curso doutros tres que ten programado impartir Beealia ó longo dos próximos meses. Así, está previsto que esta mesma temática se aborde en Abegondo (A Coruña), do 19 ó 22 de outubro, en Monforte de Lemos (Lugo) o 4 de novembro e na Pobra de Trives (Ourense), en data por confirmar.
Ademais, dentro do Plan de Formación ao Agro Galego, Beealia tamén se encargará de impartir varios seminarios sobre a convivencia da gandería co lobo e sobre a xestión dos pastos. Estes cursos celebraranse ó longo dos próximos meses e por toda Galicia.