Curso de iniciación á apicultura en San Sadurniño

A acción formativa, que se encadra no convenio de colaboración entre Casa do Mel e o Concello, desenvolverase nas dúas primeiras fins de semana de abril e ofrece 25 prazas

Curso de iniciación á apicultura en San Sadurniño

O Concello de San Sadurniño e a Asociación Casa do Mel asinaron un convenio para promover a apicultura como unha actividade con grande potencial económico no rural, ademais de ser un tipo de gandaría que reporta tamén grandes beneficios ambientais facilitando a polinización.

Neste sentido, o acordo recolle a organización dun curso de iniciación para novas abelleiras e abelleiros ou para aquelas persoas que xa levan tempo manexando colmeas e queiran mellorar os seus coñecementos. A acción formativa, que é gratuíta para a veciñanza de San Sadurniño e para persoas socias da entidade, vai desenvolverse nas mañás dos días 4, 5, 11 e 12 de abril.

Ao longo destas catro sesións, o alumnado adquirirá coñecementos fundamentais sobre a bioloxía das abellas e o funcionamento do enxame, ademais de abordar o rol da persoa apicultora tomando contacto cos elementos básicos que compoñen unha explotación apícola.

Un dos bloques centrais do curso estará dedicado precisamente a como se debe instalar e organizar un apiariodun apiario, tocando cuestións clave como a elección do lugar axeitado, a importancia da flora melífera do contorno e os procesos naturais de reprodución das colonias.

A estes aspectos esenciais para garantir a produtividade e o benestar das abellas sumaráselle o repaso a cuestións que inciden na saúde das abellas. Os ataques da avespa asiática e a presenza de varroa ou loque son só algunhas das ameazas ás que se enfrontan as colmeas e para as que son necesarias accións preventivas e de control que aseguren un enxame forte e produtivo.

O curso tamén permitirá coñecer en detalle os distintos produtos da colmea, como o mel, o pole, a própole, a xelea real ou a cera, así como as súas características e posibilidades de aproveitamento. Completarase a formación cunha introdución ás boas prácticas apícolas, co fin de fomentar unha actividade sostible e respectuosa co medio.

A matrícula é totalmente gratuíta para a veciñanza de San Sadurniño e para as persoas asociadas á Casa do Mel, que terán prioridade na obtención das 25 prazas dispoñibles. Para o resto de solicitantes, o prezo do curso serán 45 euros. Para inscribirse, hai que contactar nestes días co Concello chamando polas mañás ao 616 332 919 ou enviando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información