Do mesmo xeito que en anos anteriores, o Centro de Promoción Rural – EFA Fonteboa, coa colaboración do CFEA Pedro Murias (Ribadeo) convoca un curso de elaboración de queixos para os próximos días 10, 11 e 12 de marzo. Nesta edición participan 15 estudantes do Ciclo Formativo de Grao Medio de Produción Agropecuaria.
Con esta acción formativa preténdese adquirir os coñecementos básicos sobre os procesos de transformación do leite en derivados lácteos de amplo consumo: distintos tipos de queixo e iogures.
Durante o tres días os asistentes terán oportunidade de experimentar e aprender a elaborar queixos das denominacións Arzúa – Ulloa, Tetilla, Burgos, Requeixo e iogures, baixo a direción de José López Fernández, docente do CFEA Pedro Murias.
As actividades da queixería realizaranse polas mañás, mentres que polas tardes estarán dedicadas ao estudo de iniciativas agropecuarias innovadoras na zona: produción de leite na modalidade ecolóxica en Tapia de Casariego, Centro de Alimentación de Vacún Irmandiños (hoxe integrado en Clun), e a gandaría Mantoño Holstein, unha granxa espcializada en xenética.
Por outra banda, no programa tamén se contemplan coloquios e encontros con profesionais e con mozos emprendedores. Asi, Javier Barcía Gallo, director de Relacións Insitutucionais de CLUN disertará cos estudantes sobre xestión cooperativa. Pola súa banda, José Cuadrado, presidente da Cooperativa Terras da Mariña, explicará a xestión do cultivo da Faba de Lourenzá e os procesos de envasado e comercialización baixo a modalidade cooperativa.
En canto aos mozos emprendedores, participarán tres antigos alumnos de Fonteboa que están a iniciar a súa singradura profesional na comarca da Mariña: Mario Nieto (vacas de carne da raza Asturiana de los Valles,con transformación e venda directa), David Fernández (especilaización na produción de leite) e Antonio Gómez (produción de carne, porcino e fabas).
Normalmente a estes cursos asisten estudantes e profesionais, pero nesta ocasión, polas circusntancias do Covid, asisten só alumnos. Para finais de maio está convocada un novo curso cun formato similar.