Curso de análise sensorial dos queixos galegos

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto organizar un curso de formación complementaria á iniciación da análise sensorial dos queixos galegos con denominación de orixe protexida (DOP). A acción formativa desenvolveríase os días 30 de agosto e 1 de setembro no Centro de formación e experimentación agrogandeira (CFEA) de Sergude en horario de 16:00 a 21:00 horas.

O obxectivo principal deste curso é continuar coa formación na análise sensorial dos queixos galegos con DOP, polo que se dirixe especialmente a todos aqueles que asistiron á formación do pasado ano ou que xa teñen nocións neste eido.

De todos xeitos, o curso está dirixido en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

Así, ao longo das 10 horas de duración, a programación combinará unha parte teórica cunha práctica. Na parte teórica abordaranse temas como a identificación, as características ou as calidades dos sabores, aromas e regustos dos queixos. Do mesmo xeito, na parte práctica aplicaranse os coñecementos previamente adquiridos ensinando aos alumnos a recoñecer os queixos segundo as distintas características específicas de cada unha das variedades.

Todos os interesados poderán anotarse no curso cubrindo a solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse finalmente ao correo electrónico formacion.agacal@xunta.gal. Tamén poden chamar ao número 881 997 279 para máis información.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información