“A cuncha de mexillón podería empregarse para encalar as terras e os montes”

Galicia xera cada ano unas 90.000 toneladas dun residuo mariño con propiedades beneficiosas para os solos agrícolas e forestais polo seu alto contido en carbonato cálcico

Vertedoiro de cunchas de mexillón (www.iPacuicultura.com)

Vertedoiro de cunchas de mexillón (www.iPacuicultura.com)

Os solos en Galicia son ácidos, o que provoca un menor aproveitamento dos nutrintes por parte das plantas e cultivos. Para correxir a acidez, utilízanse habitualmente distintos produtos comerciais existentes no mercado elaborados a base de calizas.

Pero nas leiras das zonas de costa galegas utilizábanse tradicionalmente cunchas de moluscos e crustáceos para subir o pH do solo. Por iso, a catedrática do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC e coordinadora da unidade de xestión ambiental e forestal sostible UXAFORES propuxo nunhas recentes xornadas organizadas por SEIAF na Escola Politécnica de Lugo a utilización de cunchas de mexillón como emenda agrícola.

A principios do século XX as calizas comerciais empezaron a substituir ás cunchas e ás cinsas como produtos encalantes tradicionais

Galicia é a segunda produtora mundial de mexillón, despois de China. É, xa que logo, un residuo mariño abundante que é rico en carbonato de calcio e, polo tanto, con propiedades beneficiosas tanto para os solos agrícolas como forestais.

Economía circular

Nas 3.300 bateas distribuidas polo litoral galego prodúcense unhas 270.000 toneladas de mexillón ao ano e o seu procesado na industria conserveira xera uns residuos de perto de 90.000 toneladas de cunchas.

O mexillón cultivado desde os anos 70 nas costas galegas pertence á especie Mutilus Galloprovincialis e a cuncha representa aproximadamente un terzo do peso do molusco.

A composición da cuncha de mexillón está formada en máis dun 95% por carbonato cálcico

En ocasións, estes residuos acumúlanse en zonas poco acondicionadas e crean un efecto visual e olfativo indesexado, con graves prexuizos desde o punto de vista ambiental, polo que a súa valorización agrícola entraría dentro das actuais estratexias de economía circular fomentadas desde Europa.

Desde o punto de vista normativo, as cunchas de mexillón catalóganse como subprodutos animais non destinados ao consumo humano (SANDACH), o que plantexa certas dificultades e limitacións legais para a chegada ao mercado de produtos derivados.

Uso en pradeiras, viñedos e montes

Esperanza Álvarez

A profesora da Politécnica Esperanza Álvarez

Un equipo universitario da Escola Politécnica Superior de Lugo (EPS) dirixido pola profesora Esperanza Álvarez Rodríguez, analizou hai xa 15 anos o potencial das cunchas de mexillón como emenda en solos tanto agrícolas como forestais. “Poderían empregarse para encalar”, asegura.

É un material de baixo custo, pero require dun procesamento previo para a súa utilización nas terras. “Fixemos ensaios con distintas mesturas en parcelas de raigrás da Pastoriza con cuncha moída en tamaño de 0,25 a 0,30, xa que a que se comercializaba machacada ten problemas nas fosas de purín”, explica Esperanza.

Analizouse a produción tanto en pratenses como en millo tres anos despois do encalado

Ademáis deste uso agrogandeiro, tamén tería utilidades en parcelas de viñedo que están recibindo sulfatos de cobre para o tratamento de enfermidades fúnxicas, indica.

A cuncha de mexillón é un material composto, cunha fase mineral constituida por carbonato cálcico (95 a 99% do peso da cuncha) e pequenas cantidades de outros elementos, tales como nitróxeno, azufre, fósforo, potasio ou magnesio. No proceso de valorización utilízaronse tamén outros materiais, como lodos de depuradoras ou cinsas de biomasa, que melloran as propiedades físicas da mestura final coas cunchas. 

Existen xa no mercado diversos abonos que inclúen cuncha de mexillón

Existen xa diversos produtos no mercado elaborados a partir de cunchas de mexillón, desde un abono a base de algas e cunchas de mexillón (Celtacal), fabricado por Ecocelta, a pastillas fertilizantes e un complemento alimenticio para aves producido por Abonomar

A acidez, un factor limitante da produtividade forestal

Outro dos posibles usos deste subproduto da industria mexilloeira sería a nivel forestal. Aínda que os montes galegos teñen unha elevada produtividade, un dos factores limitantes para algunhas especies é a acidez do chan e as altas concentracións de aluminio.

“Son solos ácidos, polo que van ter baixa dispoñibilidade de nutrintes básicos e de molibdeno, cun aluminio que pode estar saturado e en niveis de toxicidade. Sen embargo, non existe tradición de encalado de solos forestais”, explica Esperanza.

En ocasións hai problemas de crecemento pola saturación de aluminio

Nun ensaio levado a cabo en 128 parcelas forestais distribuídas por toda Galicia, con distintos tipos de solo, analizouse a produción de pinus pinaster. “O granito ten unha saturación de aluminio moi alta e o máis tóxico é o Al3+. As especies forestais, como o piñeiro, ás veces poden tolerar altas saturacións de aluminio sen sufrir toxicidade, pero outras veces hai problemas de crecemento pola saturación de aluminio. Se queremos cultivar eses solos temos que recurrir ao encalado para reducir a toxicidade por aluminio e aumentar a dispoñibilidade de nutrintes”, argumenta.

“Hai que coñecer ben o solo para poder manexalo correctamente e evitar así a súa perda”

mapa solos de GaliciaAs características do solo dependen, en primeiro lugar, da rocha da que procede. “En función da rocha que teñamos imos ter un tipo de solo ou outro. Por iso os solos que temos en Galicia son diferentes, aínda que fundamentalmente ácidos”, indica Esperanza.

Botando unha ollada ao mapa das propiedades do chan de Galicia, obsérvase que a fachada atlántica está dominada polo granito, seguida dunha faixa interior onde os xistos son predominantes, mentras na provincia de Lugo as protagonistas son as lousas. En Ourense, mestúranse zonas graníticas con zonas de lousas e xistos. 

Tan só temos pequenas zonas de rochas calizas de sedimentación en Meira, Mondoñedo, Triacastela ou Ourense; en Galicia son unha excepción

“Os materiais de partida van influir moito no solo e na súa fertilidade”, afirma Esperanza, que fai fincapé nun correcto manexo e laboreo á hora de traballar as terras.

As rochas ácidas, a partir de granito, por exemplo, van dar texturas máis permeables, con menos retención de auga e máis risco de seca, con saturación de aluminio e pouca retención de nutrintes.

Os solos graníticos son máis propensos á seca mentras as terras con arxila e limo sofren problemas de encharcamento

Pola contra, as rochas básicas da zona da Capelada, Bergantiños, Santiago, Melide, Lalín, Arzúa ou As Mariñas son solos profundos con alto contido en arxila e facilidade de encharcamento.

As pizarras e cuarcita da Fonsagrada dan solos limosos e en zonas como Monforte, A Limia, Verín, Sarria, Quiroga ou As Pontes son habituais tamén os encharcamentos.

As ensinanzas do ‘Dust Bowl’ dos anos 30 en EEUU

“Hai que coñecer ben o solo para poder manexalo correctamente e evitar así a súa perda”, concluíu Esperanza, e puxo o exemplo das grandes tormentas de polvo dos anos 30 nos Estados do centro de EEUU, un período coñecido como Dust Bowl.

Entre 1930 e 1939 sucedéronse tormentas de po que converteron as Grandes Chairas estadounidenses nun deserto. Foi o desastre ecolóxico máis perigoso da historia de Estados Unidos e debeuse en boa parte á acción do home, debido á transformación das praderías en terras de cultivo de cereal, que a prolongada seca e a acción do vento se encargaron de erosionar.

O Dust Bowl afectou a 400.000 km cadrados en Estados como Oklahoma, Colorado, Kansas, Texas ou Novo México. Calcúlase que tres millóns de persoas abandonaron as súas granxas e máis de medio millón emigrou a outros estados. As tormentas de po acrecentaron os efectos da Gran Depresión na zona, provocando 5 millóns de mortos como consecuencia da fame.

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información