“Cun bo programa de vacas secas o que logramos é reducir a perda de vacas recén paridas”

O consultor internacional de vacún leiteiro e socio dunha granxa en Wisconsin (EEUU) na que moxen 4.000 vacas Gordon Jones explica as claves do manexo e da alimentación do período seco da vaca para asegurar resultados produtivos satisfactorios e sen problemas na seguinte lactación

Gordon Jones xornadas Seragro1

Como conseguir a vaca recén parida perfecta? O veterinario americano Gordon Jones, asesor internacional de granxas leiteiras, puxo en marcha media ducia de explotacións desde cero. Deseñou, por exemplo, os establos dunha das maiores gandeirías do mundo, con 65.000 vacas. Despois decidiu crear a súa propia explotación en Wisconsin, con 4.000 vacas jersei en produción.

A finais do ano pasado estivo en Galicia por segunda vez para participar nas xornadas técnicas organizadas por Seragro. Aproveitou para visitar algunha explotación en Galicia e quedou sorprendido, dixo, da calidade das forraxes e das racións de alimentación do gando.

Pero reclamou máis atención á vaca cando está seca. “Normalmente fracasamos no periodo de secado e no de transición logo do parto”, afirmou. “Cun bo programa de vacas secas o que logramos é reducir a perda de vacas recén paridas”, engadiu.

Coidamos ás vacas unha vez paridas pero moitas veces descoidamos o periodo previo, con secados curtos e nos que mesmo lles damos a mesma ración que cando están dando leite

“Moitas veces aplicamos solucións unha vez paridas as vacas, vixiámolas durante 10 días despois do parto, poñémoslles calcio, facémoslles as probas da cetose, etcétera, pero non aplicamos medidas antes, durante o periodo seco, pois ás veces temos periodos secos curtos e nos que mesmo lles damos ás vacas a mesma ración que cando están en produción”, dixo.

45 días como mínimo

Este experto internacional recomendou que “como mínimo” o periodo seco debe durar 6 semanas, o que equivalería a 42-45 días. “A vaca necesita polo menos estar seca 45 días, por iso eu recomendo iniciar o proceso de secado aos 55 días, 60 no caso de aplicar o secado xusto antes dunha fin de semana”, dixo.

Unha vaca con 2 ou 3 meses en período seco practicamente é unha sentenza de morte para ela

Pero o periodo seco non debe tampouco alongarse en exceso, xa que iso ten consecuencias contraproducentes para o animal. “Unha vaca con 2 ou 3 meses en periodo seco practicamente é unha sentenza de morte para ela”, asegurou Gondon Jones.

Baixar a inxesta nos días previos ao secado 

O veterinario estadounidense é partidario de facer o secado de golpe, aínda que en casos de vacas de alta produción considera de axuda unha redución previa da alimentación. “Unha boa solución para o secado de vacas de alta produción é cambiarlles os últimos cinco días de muxido a ración das vacas de leite e darlles a ración das vacas secas, deste xeito reduces a enerxía da vaca, dá menos leite por si soa e é máis doado secala. Non debería haber problema para secar unha vaca que está dando moito leite”, dixo.

Unha boa solución para o secado de vacas de alta produción é cambiarlles os últimos cinco días de muxido a ración das vacas de leite e darlles a ración das vacas secas

Recomendou asimesmo unhas instalacións axeitadas nas que dispor cando menos de 75 centímetros de comedeiro por vaca na zona que acolle aos animais no periodo seco, que a vaca dispoña de auga dabondo neste tempo e que faga exercicio.

13 quilos de materia seca

Hai que atopar, pois, o punto medio perfecto entre o tempo de secado e a inxesta alimenticia neste periodo. “Se nos pasamos engordan de máis e se nos quedamos curtos non chegan ao peso”, argumentou. Pero pasarse é malo tamén porque “se damos demasiada enerxía en periodo seco iso fai que baixe a inxesta tamén unha vez parida”, asegurou.

“Cando a vaca leva unha semana seca o seu organismo xa se autorregula e sabe a cantidade de enerxía que ten que comer e a vaca adica as 5 semanas restantes até o parto a comer esa cantidade”, afirmou.

O único grao que debe haber na comida das vacas secas debe ser o do silo de millo, a ración non debe incluir ningún tipo de concentrado

En canto ao contido da ración, indicou que esta non debe conter nunca máis de 4 quilos de silo de millo e non debe incluir ningún tipo de concentrado. “Sen penso, o único grao que debe ter a ración debe ser o do silo de millo”, dixo. A maiores, explicou, debe incluir entre 3 e 4 quilos de materia seca procedente de palla picada e o resto, até chegar aos 12-13 quilos de MS pode ser herba seca, afirmou. A maiores destes 12 quilos de materia seca a ración debería incluir 6 quilos de fibra para encher o rumen da vaca.

Un bo picado

Outro aspecto no que incidiu Gordon Jones é no picado da ración. “Que a vaca non poida separar nunca os distintos elementos da ración, que non poida escoller o que come e o que non do que lle damos, porque senón busca os graos de millo como se fosen lacasitos e comerá menos fibra e logo terá problemas tralo parto”, dixo. Por eso, insistiu, “é importante ter un bo picado na ración das vacas secas, incluso ás veces é necesario tamén engadir un pouco de auga á ración porque é fundamental que a vaca non poida escoller para que coma a enerxía pero tamén estea obrigada a comer a fibra”, explicou.

É fundamental que a vaca non poida escoller para que coma a enerxía pero tamén estea obrigada a comer a fibra

Pola contra, mostrouse partidario de non engadir fibra á ración da vaca recén parida “porque a vaca agarda eses 6 quilos de fibra que lle damos no periodo seco pero con iso faremos que despegue máis lenta no leite, teña cetose e seguramente febre láctea”.

Intervención de Gordon Jones nas xornadas técnicas de Seragro

Intervención de Gordon Jones nas xornadas técnicas de Seragro

Non cambiar a ración en preparto

Unha das dúbidas máis frecuentes dos gandeiros é se cambiar ou non as racións entre vacas secas e lote de preparto. Gordon Jones recomendou non variar a ración a medida que a vaca se achega ao momento do parto, mantendo a mesma ración durante o periodo seco e o preparto. Non é bo, dixo, nin aumentar a inxesta nin reducila no momento previo ao parto, para que a vaca, unha vez parida (o día do parto non come), aumente a alimentación e a produción de leite sen problemas.

Se se sobe a enerxía da ración en preparto a vaca come menos, polo que en vez de 6 quilos de fibra no rumen vai haber menos e imos entrenala tamén a comer menos unha vez parida

“A xente segue dando enerxía ás vacas en preparto e iso é un erro porque fai que non despegue como debería despois, logras o efecto contrario ao buscado”, dixo. “Se se sobe a enerxía da ración en preparto a vaca come menos, polo que en vez de 6 quilos de fibra no rumen vai haber menos e imos entrenala tamén a comer menos unha vez parida”, razoou.

Por iso recomendou só unha única ración de vacas secas, sen alimentación diferenciada en preparto, e que o animal coma máis unha vez parida. Gordon Jones nega que o rumen deste xeito non estea preparado. “As bacterias que dixiren o alimento no rumen non necesitan preparación, só precisan almidón para dividirse e multiplicarse”, asegurou.

En outono hai que dar máis proteína porque a vaca usa proteína para fabricar o pelo que lle sae nos meses de inverno e eses ingredientes estallos roubando ao costro

Recomendou pola contra variar lixeiramente a ración das vacas secas en función da época do ano. “En outono hai que dar máis proteína porque a vaca usa proteína para fabricar o pelo que lle sae nos meses de inverno e eses ingredientes estallos roubando ao costro”, explicou.

Resultados

Aplicando este programa de secado na súa granxa “desapareceron os problemas de cetose e de desprazamento de abomaso”, asegurou. Na súa explotación, explicou, cun rabaño de 3.228 vacas recén paridas ao ano só tiveron nos últimos 12 meses 15 desprazamentos de abomaso, o que representa unha porcentaxe de só o 0,46%.

“O tamaño do rabaño das explotacións de leite en España duplicarase catro veces na vindeira xeración” 

Instalacións de Central Sands Dairy en Wisconsin

Instalacións de Central Sands Dairy en Wisconsin

Gordon Jones augurou que a evolución das gandarías de produción de leite en España seguirá o mesmo camiño emprendido fai décadas xa nos EEUU, cunha redución no número de granxas e un incremento exponencial do tamaño dos rabaños nas explotacións que queden.

A historia recente da produción láctea nos últimos 25 anos pode definirse coa palabra “cambio”, asegurou. “O tamaño dos rabaños segue duplicándose e duplicándose. O tamaño do rabaño en España duplicarase catro veces no periodo de vida laboral do gandeiro. Agora estades en 65 cabezas de media, así que pasaredes a 120, 250 e acabaredes en 500 vacas en produción. E na seguinte xeración pasarán a 1.000, 2.000 e 4.000 vacas. O número de explotacións vai seguir reducíndose mentres que o tamaño do rabaño vai seguir incrementándose, é unha cuestión de economía”, afirmou.

O tamaño do rabaño en España duplicarase catro veces no periodo de vida laboral do gandeiro

“Eu son de Wisconsin, nos EEUU, un Estado no que hai 1,2 millóns de vacas leiteiras. Pero antes había 60.000 ganderías e o mesmo número de vacas e agora quedan menos de 10.000. O rabaño promedio en Wisconsin segue sendo de pouco máis de 100 vacas por explotación pero hai xa outro tipo de granxas con máis de 700 vacas en produción de media”, explicou.

A súa explotación, Central Sands Dairy, moxe 3.500 vacas de raza jersei que producen 35 litros de leite ao día de media

A súa explotación, Central Sands Dairy, está situada en Nekoosa. “Cando a montei, fai xa 12 anos, pensei onde colocala e púxena onde non había ningunha outra granxa, nunha zona aburrida coñecida como Golden Sans (Areas Douradas), que non era a zona de produción de leite do Estado de Wisconsin, senón de patacas”, contou.

O tamaño non importa

Hoxe a súa gandeiría moxe 3.500 vacas, de raza jersei, e ten outras 600 secas. As instalacións de produción están distribuidas en 4 naves en estabulación libre e o patio de vacas secas está dividido en 6 filas. “Temos uns 100 partos ao mes e o reconto somático é dunhas 100.000 células en inverno e 140.000 no verán cando as humedecemos, porque o que facemos é empregar auga para enfrialas. As miñas pequenas jersei estanme dando neste momento algo máis de 35 litros, que se aplicamos o parámetro de corrección de enerxía son máis de 42 litros. Vendemos 5 camións cisterna de leite ao día e a granxa ocupa 35 hectáreas”, indicou.

Podemos atender igual de ben as nosas vacas tendo 50 ou tendo 500, porque o benestar animal non depende do tamaño do rabaño

Pero Gordon Jones asegurou que lograr a excelencia na produción leiteira consiste en ver, independentemente do leite que dá a vaca ou o promedio do rabaño, como podemos conseguir máis produción, polo que é un factor variable con obxectivos diferenciados en función das condicións e características de cada explotación.

“Dá igual que o tamaño da nosa explotación sexa este ou teña só 40 vacas, porque as regras son as mesmas: a primeira, lograr o benestar da vaca”, dixo. Por iso, este experto desenvolveu unha serie de aspectos prácticos de manexo que teñen que ver co benestar animal e que el considera claves para conseguir altas producións e eficiencia produtiva.

Aire fresco, ración e comodidade: o ABC do benestar das vacas

Unha das catro naves de produción da explotación de Gordon Jones en EEUU

Unha das catro naves de produción da explotación de Gordon Jones en EEUU

Para lograr a excelencia produtiva, asegurou, o gandeiro debe pensar só en tres letras: A, B e C. A de aire, B de bunk (comedeiro en inglés) e C de cow confort (confort das vacas). A primeira das letras referiríase á calidade do aire e á ventilación do establo porque, dixo, “as vacas teñen uns pulmóns diminutos en comparación co seu volume corporal, polo que canto máis limpo e máis frío estea o aire que respiran máis limpos están os seus pulmóns, mellor respiran e máis comen”, asegurou. “Que non vos preocupen as correntes, as vacas precisan aire fresco, polo que hai que manter baixa a temperatura da explotación”, recomendou aos gandeiros presentes nas xornadas.

Puxo un exemplo. “En Wisconsin, de onde eu son, cando un gandeiro se xubilaba e deixaba a actividade e quería vender a explotación facía tres cousas: primeiro limpaba e recollía a granxa, limpaba as vacas e facíalles os cascos, despois enchía as camas de palla limpa e finalmente abría as portas e ventás para que os veciños viran o fermosas que estaban as vacas e se animaran a mercar unha e levala para a súa granxa”, explicou.

A temperatura ideal das vacas é 4 grados, a dos gandeiros é 20 grados. Hai que manter ventilada a granxa para que a temperatura sexa baixa, que non vos preocupen as corrientes de aire

“E sen querelo -proseguiu-, lograban aumentar a produción, porque ao abrir as portas e ventás lograban que baixara a temperatura da granxa,  isto era o máis importante. A temperatura ideal para as vacas é de 4 grados centígrados, pero a ideal para os gandeiros é 20 grados, así que antes os gandeiros pechaban portas e ventás para estaren eles quentiños. E todos eses gandeiros vían entón que nese momento, xusto cando querían vender as vacas, era cando máis leite daban. Estaban limpas, ben ventiladas e tiñan boa cama. Entón eses gandeiros dicíanme: se soubera que esta vaca podía dar tanto leite non a tería posto á venda. Pero cando lles preguntaba, que foi o que aprendiche, a maioría respondíanme: que non me poido permitir poñerlles tanta palla na cama. Estaba visto que non aprenderan nada”, concluíu.

Alimentación

Outro dos aspectos nos que incidiu Gordon Jones foi na alimentación. Bunk (comedeiro en inglés) equivalería á B do ABC do benestar do gando. “Temos que pensar na ración, como se formula, como se mestura e como a están consumindo as vacas”, dixo.

A ración de produción, para este experto internacional, ten que ter máis do 50% de forraxe (na súa granxa a porcentaxe de materia seca procedente da forraxe está no 64%), para o que “as forraxes teñen que ser de moi boa calidade”, dixo. Indicou ademais que “non deben ter nunca menos de 4 quilos de penso co 40% de materia seca”. E recomendou finalmente que “para que funcionen as racións necesitamos rutinas para así lograr vacas que producen”, concluíu.

Para explicar cando hai que darlles de comer ás vacas botou a vista atrás 5.000 anos, porque, dixo, “a base do funcionamento do organismo da vaca segue vindo dese animal primitivo que domesticamos os humanos”. “A vaca era un animal lento que era atacado por depredadores (felinos e humanos), así que aprendeu que tiña que saír pola mañá cedo, cando había pouca luz, comer rápido e unha vez chea volver a un lugar seguro e vomitar esa comida que engulira pola mañá tan rápido para volver comela e facer a dixestión. E ese segue a ser a esencia do funcionamento da nosa vaca hoxe: aliméntanse pola mañá cedo e comen rápido até encheren o rumen. Polo tanto, nunca podemos ver formigón diante da vaca antes do mediodía”, indicou.

A vaca é un animal crepuscular que come pola mañá, así que cando menos o 60% da materia seca diaria debe estar xa no pesebre cando a vaca sae da sala de muxido

“A vaca é un animal crepuscular e necesitamos que polo menos o 60% da inxesta de materia seca diaria estea xa no pesebre cando a vaca sae pola mañá da sala de muxido, un 33% non é dabondo. A vaca tarda entre 18-26 minutos en comer, polo que se as tes trabadas máis dunha hora agardando pola comida mentres por exemplo acabas de muxir, estás perdendo diñeiro”, asegurou.

Se arrimamos máis veces ao longo do día para que nunca se vexa o cemento no pesebre podemos lograr catro litros máis de leite

“Se hai un 5% de sobras iso equivale a dous litros de leite, se arrimamos e non se ve o formigón do pesebre en ningún momento do día, son catro litros máis de leite. Na miña explotación dámoslles un 105% da ración diaria necesaria cando saen da sala de muxido e arrimamos cada 2 horas. A ración é a mesma que a dunha frisona aínda que correxida en canto ás vitaminas, minerais e oligoelementos, porque mentres a inxesta de materia seca dunha holstein está entre os 23-27 quilos diarios, nas jersei a media de inxesta é de 12 quilos. As jerseis non son máis que frisonas pequenas pero as holstein usan o 15% do que comen para mantemento, para sobrevivir, fronte ao 8% nas jersei, polo que a eficiencia alimenticia é mellor nas jersei”, explicou.

Outro asunto relevante é cantas racións diferentes facemos. “A resposta sería unha única ración feita coa forraxe da mellor calidade. O gandeiro que pense que pode amañar cunha ración baixa o único que vai conseguir é ter vacas gordas que non producen”, insistiu.

Cow confort: o leite equivale a ausencia de estrés

Gordon Jones expuxo un estudo do veterinario e nutrólogo español Alex Bach, que traballa en granxas de Minesotta. Analizou 47 rabaños equiparables en canto a xenética e que traballaban todos coa mesma ración. Polo tanto, dixo, “mesmas vacas e mesma alimentación” e sen embargo, explicou, “había unha variación importante en produción, desde os 20 aos 34 litros, o que significa que os factores non dietéticos supoñen unha variación do 56% na produción de leite”, asegurou.

O leite equivale a ausencia de estrés, cada hora que a vaca pasa deitada descansando co rumen cheo supón case dous litros máis de leite

“Como facemos o manexo diario e cando o facemos é tan importante como a calidade da ración que lles damos ás vacas”, dixo. Aspectos relevantes neste sentido serían a forma dos cubículos e como facemos as camas e que medidas adoptamos se a temperatura supera os 20 grados para paliar o estrés por calor das vacas. “Cada hora máis que a vaca pasa deitada descansando co rumen cheo supón case dous litros máis de leite e no caso de vacas recén paridas pode chegar a supoñer 2,5 ou 3 litros máis”, dixo.

Ás vacas non lles gusta mirar ás paredes, así que se diante dos cubículos teñen unha parede iso reduce o tempo que pasan deitadas

Hai catro motivos polos que os cubículos non funcionan, dixo: “o primeiro é que non sexan brandos dabondo; o segundo onde está situada a barra domadora, que marca o lugar onde a vaca se deita, porque moitos gandeiros colócana moito para atrás para evitar que as vacas caguen dentro do cubículo, sen embargo, o 85% das vacas debe poder estar dentro do cubículo coas catro patas, non só con dúas; o terceiro motivo é que as vacas non dispoñan de espazo dabondo para embestir cara adiante ao levantarse, as vacas teñen que poder embestir cara adiante e poder baixar a mandíbula, todo o que entorpeza ese movemento vainos facer perder leite, por exemplo se teñen diante unha parede; e finalmente precisan campo de visión, algo que cunha parede diante tampouco teñen”, enumerou.

Hai que conseguir que as vacas se deiten rectas nos cubículos para que estean limpas, polo que cando os ferros separadores dos cubículos teñen un oco moi grande polo que colle a cabeza da vaca, acostuman meter a cabeza e iso fai que se deiten atravesadas no cubículo e caguen dentro del, no lugar onde está o ubre. “Deste xeito é como aparece a mamite”, asegurou. O problema solucionaríase colocando un tableiro que impida á vaca meter a cabeza entre os ferros laterais de separación, dixo.

Coa area na cama sacamos dous ou tres litros máis de leite que con outros materiais

Segundo o seu criterio, a cama debe cumprir tres funcións básicas: amortiguar, absorber a humidade e evitar os rozamentos e as fricións da vaca contra o chan. “E para iso necesitamos profundidade, material dabondo”, dixo. O material empregado tamén inflúe na produción, segundo este experto. “Un estudo da Universidade de Wisconsin analizou 325 rabaños e 282.000 vacas. As que estaban en area producían 37,7 quilos cun reconto de 198.000 células; co serrín 34,5 litros e reconto de 220.000; e con compost 35,4 litros e 250.000 células. Demóstrase que coa area sacamos entre dous e tres litros máis que con outros materiais na cama”, asegurou.

A importancia de traballar con procedementos estándar

Gordon Jones falou da importancia e o valor de traballar con protocolos e procedementos operativos estándar. Puxo como exemplo a cadea de comida rápida McDonald’s, que funciona de igual xeito en todo o mundo. “Fan as cousas sempre igual e iso permite facelas con xente sen especial formación”, indicou.

Por iso destacou o valor de traballar de maneira protocolizada, sempre do mesmo xeito, para evitar equivocacións. “Se as nosas vacas teñen un problema ese problema ten sempre un nome e non é o da enfermidade, senón o do gandeiro, porque ese problema está motivado porque algún humano na granxa cometeu un erro e ese erro noso ten o seu reflexo na vaca”, afirmou.

“Só se usamos protocolos de traballo na nosa explotación poderemos lograr a excelencia”, opinou, para o que tamén defendeu a formación e especialización dos empregados nas tarefas que realizan. “A xente que está en cada posto de traballo ou responsabilidade ten que saber o que ten que facer e iso é máis doado se sempre fai o mesmo”, defendeu. Explicou que a todo o persoal que contrata para a súa explotación faille un exame sobre o seu traballo específico a desempeñar, porque “o que limpa o ubre das vacas ten que saber como limpalo e o que limpa as camas tamén ten que saber como facelo”, dixo.

Resolver os pescozos de botella

Para este experto é máis importante entender o gando que medir todos os seus parámetros diarios. “Non necesito un boletín de notas para xestionar un rabaño. Os datos só demostran que o fixeche ben ou mal. Eu puxen a andar media ducia de granxas desde cero, é dicir, sen rexistros previos. Non eran necesarios, porque sabiamos o que tiñamos que facer para lograr bos resultados. Hai que entender o rabaño e saber como funciona, os rexistros despois só serven para saber a onde queremos ir e identificar os distintos pescozos de botella que nos impiden acadar a capacidade máxima de produción que temos para ir resolvéndoos por orde de importancia. O 25% dos que eu me atopo teñen que ver co benestar animal, outro 30% ten que ver coa alimentación e o resto estarían relacionados coa recría, a calidade de ubre e a reprodución, pero nunca me atopei un pescozo de botella fundamental nunha granxa que estea relacionado coa xenética”, afirmou.

E recomendou fixar prioridades á hora de resolver problemas, comezando polos que dan resultados máis inmediatos. “Se soluciono os problemas de reprodución hoxe, o gandeiro tarda un ano en recuperar o investimento. Do mesmo xeito, se resolvemos as infeccións de ubre, tardamos tamén un ano en ver os resultados, porque hai que agardar que todas as vacas pasen polo periodo seco para eliminar as infeccións ocultas. Se evitamos que morran as crías, tardaremos dous anos en sacarlle rendemento a estas tenreiras. A conclusión é que curar unha vaca enferma non dá diñeiro inmediato”, dixo.

Se nos centramos na vaca seca, na nutrición e no confort obteremos resultados inmediatos na mellora da produción

“Eu decidín cambiar de estratexia. Se hoxe amaño as cuestións de alimentación os resultados son inmediatos, porque se á ración lle falta proteína e lla engadimos, obtemos máis leite mañá. Do mesmo xeito, se melloramos o confort das vacas, con mellores camas, máis aire fresco e menos estrés por calor, ao día seguinte xa lle sacamos máis rendemento, igual que se melloramos o protocolo de vacas secas nun mes xa vemos os resultados. Polo tanto, se nos centramos no periodo seco, a nutrición e o confort, en dous meses dámoslle a volta ao rabaño e mellora todo o demais: reprodución, calidade do leite, recría, reducción de enfermidades”, asegurou.

“Para atopar os pescozos de botella eu plantéxome o manexo en tres círculos temporais. O primeiro é que pasa na vida da vaca durante 1 día, o segundo sería un ano, o tempo no que se produce unha lactación completa, e o terceiro sería o tempo necesario para ter reemprazo, o que tarda a recría desde o nacemento da becerra até que pare, é decir, dous anos. Estes serían os tres círculos importantes na vida do gando, que nos axudan a deseñar as instalacións e a establecer os protocolos de manexo”, engadiu.

Reducir os tempos de espera

Vacas jersei de Central Sands Dairy na sala de muxido rotativa da granxa

Vacas jersei de Central Sands Dairy na sala de muxido rotativa da granxa

O primeiro ciclo a analizar, polo tanto, é que pasa na rutina da vaca nas 24 horas que ten o día. Cuestións como cantas veces se moxe ao día, canto tarda a vaca en ir á sala de muxido, canto tempo está alí e canto tarda en volver. “A primeira lección que todo gandeiro debería aprender é que a vaca non debe pasar nunca máis de 4 horas, das 24 que ten o día, alonxada da comida, a auga e a cama, é decir, como mínimo a vaca debe pasar 20 horas comendo, bebendo e descansando”, afirmou.

Das 24 horas que ten o día como mínimo a vaca debe pasar 20 horas comendo, bebendo e descansando, todo o que non sexa iso é perder cartos porque non nos está dando todo o leite que pode dar

“Debemos buscar que as vacas estean limpas, secas e cómodas. As vacas só teñen que facer tres cousas na súa vida: estar de pé para muxirse, estar de pé para comer e beber e, todo o resto do tempo, estar deitadas rumiando e descansando. Son as tres únicas cousas que nos dan diñeiro, calquera outra cousa que faga a vaca no día significa que non nos está dando o máximo de leite que pode”, dixo.

Facer os menos cambios de lote posibles

No círculo de análise dun ano é preciso estudar como chega a vaca ao momento do parto e como volve á parideira un ano despois, unha vez completado co ciclo de produción de leite, vendo en que momento se insemina, canto tempo permanece seca ou cantas veces cambia de patio. Na súa opinión, aspectos como cal é o percorrido da vaca polas distintas instalacións da granxa ou cantas veces ten que cambiar de lote son cuestións fundamentais a ter en conta neste segundo nivel de análise.

Cada cambio de lote para unha vaca en produción significa perder tres litros de leite

“Cada cambio de lote para unha vaca en produción significa perder tres litros de leite. Cos cambios de lote o que facemos é introducir cambios sociais no rabaño. Nese momento as vacas teñen que decidir quen manda e mentres o deciden ningunha come e ningunha dorme, porque as vacas fan todo xuntas, comen xuntas, dormen xuntas e desprázanse xuntas. Por iso é necesario que se fixen en determinados elementos e rutinas, porque a vaca é elementocéntrica, e hai que limitar e reducir os cambios de lote porque se descentran”, defendeu.

A recría

O terceiro nivel de análise temporal tomaría como referencia o periodo completo de recría, é decir, dous anos como escenario. Teríase en conta, polo tanto, circunstancias como o momento do nacemento, a toma do costro, o tempo que pasan as becerras nos boxes, o destete, cando se inseminan, etcétera, así as distintas etapas até completar os dous anos de recría.

Nos boxes nunca debe haber números impares de animais porque as becerras nacen sendo animais sociais e se as illamos teñen que volver a aprender a relacionarse

Contou que na súa explotación teñen 500 becerras en recría pero que “o importante para meter as becerras nos boxes é que sexan cifras pares”. “En función do tamaño dos boxes deben ser 2, 4, 6, etc, pero nunca 1, 3 ou 5, nunca números impares de animais, porque as becerras nacen sendo un animal social e se a illamos nun box ten que volver a aprender a ser un animal social”, explicou.

Simbiose entre o gandeiro e o seu gando

Gordon Jones rematou a súa ponencia destacando a simbiose que debe haber entre o gandeiro e o seu gando. “A vaca como animal naceu na Era Glaciar, vén da Idade o Xeo, da fauna do Pleistoceno. Os grandes animais desa época, como o mamut lanudo ou o rinoceronte peludo, desapareceron todos excepto a vaca”, dixo.

A vaca foi o cimento real da civilización humana, forneceu á humanidade de forza tractora, de proteína e de fertilizante

“Os primeiros agricultores -proseguiu- apareceron en Mesopotamia, entre os ríos Tigris e Éufrates, na actual Iraq. Cultivaban cereais como trigo e centeo e construíron os primeiros balados para manter a aqueles animais salvaxes separados dos cultivos. Pero un daqueles animais logrou entrar dentro e chegar a un acordo co agricultor: ti cóidasme e eu cóidote a ti. Foi o mellor acordo ao que chegou nunca a humanidade. A partir de entón temos vacas. De todos os animais domesticados, a vaca é a estrela: forneceu á humanidade de forza tractora, de proteína e de fertilizante. A vaca foi o cimento real da civilización humana”, considerou.

“Todos nós, como gandeiros, veterinarios ou nutricionistas temos como misión cumprir ese acordo inicial coas vacas e coidar delas. O único problema que lle vexo é ser veterinario, porque cando é un mal día para o gandeiro é un bo día para o veterinario”, bromeou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información