Falamos co director técnico en España e Portugal de ICL, José Antonio Martínez López, sobre as novas solucións nutricionais que ofrece a multinacional tanto para plantacións forestais, caso do eucalipto, como para viñedos e cultivos forraxeiros como o millo. Martínez ofrece tamén algunhas recomendacións coas que seguir mellorando a fertilización destes cultivos en Galicia.
– ICL é líder na fertilización de cultivos forestais. Que tipo de abonos recomendades en Galicia para as plantacións forestais, principalmente de eucalipto?
-En ICL levamos a cabo ensaios periódicos con distintos abonos para comprobar os resultados que ofrecen e poder proporcionar as mellores recomendacións. Para as plantacións forestais, e en especial para o eucalipto, estamos a recomendar novo fertilizante de liberación controlada con bioestimulantes e boro, totalmente encapsulado, que se aporta no momento da plantación. é o Agroblem V-Factor 8-20-27 +B + MgO, que conta con bioestimulantes que aumentan a resistencia á seca e melloran o aproveitamento do nitróxeno. Pero ademais, temos unha ampla gama doutros abonos que se foron probando ao longo dos anos con distintas doses.
-Houbo moitos cambios na fertilización dos eucaliptos nos últimos anos?
-Optimizouse moito o abonado. Hai 20 anos usábanse 200 gramos de abono por planta e agora estamos a empregar 50 gramos por exemplar e lógranse mellores crecementos que daquela. Isto permite un aforro do 75% do abono que se bota no monte, á vez que se logran mellores resultados, tanto de crecemento de raíz como de folla da planta.
– No caso do eucalipto, que nutrientes son importantes para o crecemento da planta?
-No eucalipto é importante que nos 6 primeiros meses a planta teña un aporte de boro, nitróxeno e fósforo, xa que son os que máis propician o crecemento nesta primeira etapa.
-Ademais do abonado no momento da plantación, cando se debe facer un novo aporte de abono?
-O ideal é facer o abonado de mantemento no ano seguinte á plantación, xa que é cando será máis efectivo e lograranse mellores resultados na árbore. Canto máis se tarde en facelo peor resultará, polo que o máis recomendable é facelo xa no primeiro ano. A composición do solo tamén podería facer que se poida realizar noutro momento e lograr resultados satisfactorios. Se o abonado se fai ao cabo do primeiro ano, sabes que vai ser efectivo, se esperas ao terceiro ou cuarto ano, pode haber máis dúbidas sobre a rendibilidade do investimento que se fai en abono.
-Cales son as claves para un bo abonado de mantemento?
-É fundamental aportar o abono adecuado e, sobre todo, facer ese aporte na época axeitada, no momento no que a planta vai precisar del. Por iso, a recomendación é abonar en coberteira no mes de abril, e sobre todo é preciso levar a cabo traballos de silvicultura previos, é dicir rozar a matogueira, para que ese abono sexa aproveitado pola árbore e non vaia a parar a outras plantas. A silvicultura é primordial para o desenvolvemento da plantación.
-En Galicia cóidase o abonado de mantemento ou é unha práctica aínda que non se valora o suficiente?
-Moitas veces a xente só ten en conta experiencias previas e pensa que sempre vai obter os mesmos resultados. Pensan que o eucalipto lles vai medrar igual que o fixo a primeira vez que plantaron esa parcela, aínda que xa vaian pola terceira plantación nese terreo, e pensan logralo sen achegarlle os nutrientes que precisa a planta.
Hai que ver que lle fai falta ao solo e cando aportarllo para que este abonado sexa efectivo. En Galicia faise abonado de mantemento, pero non é unha práctica estendida coma en Portugal, que levan moitos anos de dianteira en materia de xestión forestal, onde desde hai 15 anos fanse este tipo de abonados axustados ás necesidades do solo.
-Falabamos hai pouco cun técnico que nos dicía que Galicia podería aumentar un 30% a súa produción de eucalipto sen necesidade de aumentar a superficie, só cun bo manexo, incluíndo aí a fertilización (e planta con boa xenética). Coincide con esa opinión?
-Abonando e cunha boa silvicultura podes acurtar as quendas de curta e reducir o número de anos que precisas para producir a mesma madeira, recortando case dous ou mesmo tres anos.
“O polisulfato é unha solución a ter moi presente polos viticultores, ao ser ecolóxico, rendible e moi adaptado ás necesidades do viñedo en Galicia”
– No segmento de cultivos leñosos, tamén destacan as vosas gamas específicas para viñedo. Que tipo de produtos están a ter éxito en Galicia?
-En Galicia, os cultivos de viñedo para vinificación teñen carencias habituais de potasio, calcio, magnesio e xofre. Precisamente aí temos un produto ecolóxico, que producimos nunha mina de Reino Unido, que é o polisulfato: 14 de potasio, 6 de magnesio, 17 de calcio e 48 de xofre. É un produto que se pode aplicar no inverno e logo, en función de como vaia presentándose a tempada, pódese complementar con outros abonos. O polisulfato (comercializado baixo o nome de Polysulphate) creo que pode ser unha solución a ter moi presente polos viticultores, ao ser ecolóxico, rendible e moi adaptado ás necesidades do viñedo en Galicia.
-Como valora a situación de abonado dos viñedos en Galicia?
– Até agora os produtores só se preocuparon de facer abonados tradicionais, cun aporte NPK de 5-7-20, e é preciso ir un paso máis aló na profesionalización dos viñedos. Fai falta facer analíticas do solo e decidir despois que acporte se debe facer.
– En canto a gamas de abono, que posibilidades de mellora hai?
-Deberíanse de facer máis emendas durante o inverno e para o aporte que se faga na primavera débese optar por fertilizantes de liberación controlada. En viñedo adoita achegarse entre un 5 e 7 de nitróxeno e moitas veces ese aporte faise en febreiro, con baixas temperaturas e moita auga no terreo, de maneira que o que realmente se aproveita é moi pouco. A miña recomendación pasa por garantir a efectividade do abono que se proporcione, polo que no abonado de primavera non botaría nada que non estea recuberto.
-Como vai cambiar a fertilización para o agricultor e para o propietario forestal coas novas esixencias que marcará o Real decreto de Nutrición de Solos que prepara o Ministerio?
-Os cambios que se introducen veñen marcados por Europa e creo que o cambio xa se deu, en certa medida, na maneira de producir, enfocándose todo cada vez máis a unha produción máis sustentable e de respecto polo medio ambiente.
As novas xeracións xa nos están a esixir que se produza ese cambio, non entenderán que non fagamos as cousas o mellor posible. En ICL vimos a necesidade dese cambio hai xa moito tempo, o que se amosa nos produtos mellorados. Agora estamos a gastar 50 quilos por hectárea para abonar eucalipto, cando antes botábanse 200 quilos. O futuro vai nesa liña, aproveitar as novas tecnoloxías para conseguir prácticas cada vez máis sustentables.
-Que tecnoloxías está a impulsar ICL para reducir as perdas dos fertilizantes, ben por lixiviación por choivas, ou ben por perdas atmosféricas?
-En ICL estamos a usar dúas técnicas. Por unha banda empregamos E-MAX, unha tecnoloxía pola cal encapsulamos nitróxeno, urea, acompañado de polisulfato que tamén contribúe a que non se evapore a urea. Ademais temos tamén as resinas, nas que encapsulamos todo NPK. A nosa resina é moi uniforme, polo que actúa do mesmo xeito haxa 25 ou 15 graos. O gran éxito destas liñas é que levan 50 anos sen dar problemas, ofrecemos unhas garantías que non logran outras marcas e que ratifica o feito de que teñamos o 80% das vendas do mercado nestas gamas.
– E nos cultivos forraxeiros, que gamas de produtos ten dispoñible ICL para potenciar o crecemento do millo en Galicia?
-Levamos moitos anos facendo probas e procurando unha solución integral, non só un abono. Estamos a conseguir uns moi bos resultados coa combinación de distintos produtos adaptados ás necesidades do cultivo en cada unha das fases de crecemento e logramos rendibilidades que non se conseguen doutro xeito.
A nosa proposta é comezar o ciclo con Agromaster Start Mini (21-21-5), que nos proporciona un bo arranque no momento de sementeira, a dose de 50 quilos / hectárea, e achegando despois un Agromaster (27-10-10) a 500 quilos. Isto complementaríase con abonos foliares, Agroleaf, que podes mesturar co herbicida que escollas.
Con esa solución integral, que combina un Start Mini, Agromaster e Agroleaf, conseguimos grandes rendementos e ademais sendo competitivos en prezos por hectárea, xa que realmente o que nos interesa é ter un bo retorno de investimento e iso lógrase con bos prezos por hectárea e a seguridade de que o abonado funciona sempre.