Cultivos alternativos para o pago verde da PAC (VI): o centeo

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) presentou este ano unha serie de fichas de cultivos forraxeiros que poderían empregarse para cumprir cos requirimentos de diversificación do chamado pago verde. Seguimos a serie de cultivos de inverno co centeo.

Cultivos alternativos para o pago verde da PAC (VI): o centeo

Centeo

O centeo é un dos cultivos de máis arraigo na historia de Galicia, tanto para a alimentación humana como do gando. Hoxe en día o seu cultivo retrocedeu moito, aínda que se mantén nas zonas de montaña, sobre todo para alimentación animal. Os requirimentos do pago verde da PAC abren unha oportunidade para este cultivo.

Calendario de sementeira:

CENTEO_CALENDARIO_SEMENTEIRA_CIAM

Requirimentos edafoclimáticos e de fertilización:

O centeo é o cereal de inverno máis rústico, resistindo ben o frío e os períodos secos, sendo pouco esixente en precipitacións, polo que se cultiva en climas moi diversos, dende os temperados aos semiáridos. O centeo é un cultivo de solos pobres e pouco fértiles, propios de climas temperados, onde a miúdo consiste a única alternativa de cultivo de cereal, aínda que prefire os solos profundos.

A efectos de cálculo de fertilización, as producións medias de gran de centeo están comprendidos entre as 4 e as 6 toneladas por hectárea. Para un solo con niveis medios de fósforo e potasio e para unha produción estimada de 5 tn/ha de gran de centeo, deben aplicarse sobre 100 kg/ha de Nitróxeno, 65 de fósforo e 90 kg de potasio. O abonado de fondo incluirá todo o fósforo e o potasio, e un 25-30% do nitróxeno. O resto aplícase entre o afillado e o encanado.

Se a finalidade é obter forraxe, para unha produción de 5 toneladas de materia seca por hectárea de forraxe ao inicio do espigado, a recomendación é aplicar 100 kg de nitróxeno, 60 de fósforo e 130 kg de potasio. O abono nitroxenado repartirase nun 30% na sementeira e un 70% na saída do inverno.

Débese evitar o exceso de abono nitroxenado

O centeo é máis sensible ao encamado que o trigo e o triticale, polo que non se debe superar nunca os 150 kg de nitróxeno por hectárea. Con respecto á acidez do solo, recoméndase ter un solo con menos dun 10% de aluminio. Para doses de encalado consultar o díptico “A fertilización dos cultivos”.

Variedades:

Débese ter en conta a precocidade. As variedades máis tardías son as máis axeitadas para o aproveitamento forraxeiro, xa que desenvolven unha maior biomasa e permanecen máis tempo en estado vexetativo para que poidan ser pastoreadas.

Débense elixir variedades que se adapten ben ás condicións agroclimáticas da zona de sementeira e a data de aproveitamento que desexamos realizar.

Sementeira e preparación do solo:

O laboreo tradicional consta dunha labor profunda, a 20 ou 30 centímetros, para alzar a terra, enterrando os restos do cultivo anterior, e unha labra superficial cunha fresa, cun cultivador ou unha grade de discos en pase cruzado, para enterrar os fertilizantes e obter unha cama de sementeira axeitada.

Para obter unha boa nacenza, necesítase sementar nun leito fino e húmido. A preparación do terreo será máis coidadosa canto máis tarde se realice a sementeira.

Unha maior simplificación proporciónana as máquinas combinadas, que realizan varias labores nun mesmo pase, ou a sementeira directa, na cal non se realiza laboreo, e tan só se aplica un herbicida total contra as malas herbas, seguida da sementeira cunha sementadora especial.

 “Recoméndase realizar a sementeira entre o 15 de outubro e o 15 de novembro”

O momento da sementeira é esencial para acadar unha boa produción. Por tanto, recoméndase en altitudes baixas realizar as sementeiras entre o 15 de outubro e o 15 de novembro, xa que as sementeiras máis tardías poderían minguar os rendementos ou producirse danos por xeadas en estado de plántula.

Se o destino é para aproveitamento por pastoreo, a sementeira adiantarase o máximo posible. A maquinaria que se debe utilizar na sementeira é unha sementadora de liñas, con separación entre 12 e 17 centímetros e profundidade de 2 a 4 centímetros.

Centeo espigado

Centeo espigado

A dose de semente recomendada é de 250 sementes por metro cadrado. No caso de centeos híbridos, a dose de sementeira recomendada é de 150 sementes por metro cadrado. Estas doses poden variar segundo o tipo de solo, climatoloxía da zona, ciclo da variedade elixida e momento da sementeira, que afectará ao nivel de afillado da variedade. As doses de sementeiras temperás sempre serán menores que as tardías. Se a sementeira se realiza a voleo, a dose de sementeira terá que incrementarse nun 25-30%.

Utilización de herbicidas:

Non se utilizan regularmente herbicidas no centeo, xa que a súa precocidade e alto afillado fan que se defenda moi ben das malas herbas e, ademáis, hai moi poucos herbicidas autorizados para gramíneas (Clortolurón 25% + Diflufenican 4%+ Pendimet 30%, fenoxaprop-p-etil).

Para o control das malas herbas de folla ancha están autorizados os seguintes: bentazona 48, bromoxinil, carfentrazona etil, fluroxipir 20, tribenuron, bromoxinil + MCPP, tifensulfuron metil 50+ tribenuron metil 25. O máis importante é eliminar a competencia nos primeiros meses.

Manexo fitosanitario: enfermidades e pragas

O centeo, aínda que é menos sensible que a cebada e o trigo, pode verse afectado polas seguintes enfermidades: oídio, septoria, roia do talo, roia da folla, roia amarela, rincosporiose e cornezuelo. Para o tratamento das enfermidades foliares pódese aplicar os seguintes funxicidas autorizados: ciproconazol e mancoceb.

Tamén poden afectarlle os seguintes fungos do solo: pé negro, mal de pé e mancha oval. Para evitar as enfermidades do solo o mellor son as rotacións de cultivos.

Con respecto ás pragas, pode haber ataques de pulgóns nas follas, talos e espigas. Neste caso, se o ataque é severo, pódense aplicar os seguintes insecticidas autorizados: esfenvalerato 5% e lambda Cihalotrin 10%. Máis raros son os ataques de mosquito do trigo e os céfidos.

Colleita, rendemento e valor nutritivo:

Polo seu precoz crecemento outonal e invernal o centeo é un excelente cultivo forraxeiro de inverno cando se aproveita para pastoreo en estado de folla, sobre todo en zonas frías, onde é máis axeitado que a avea. Deste xeito, produce unha forraxe abundante, dende mediados de inverno ata ben entrada a primavera, moi palatable e de boa calidade (é o cereal con máis porcentaxe de proteína en estado de folla). Cando encana, endurécese rápidamente e baixa a súa palatabilidade.

Aproveitamento para ensilado en verde:

Tamén pode ser segado para forraxe verde ou ensilado. Neste caso, o rendemento que produce está entre as 8 e as 12 toneladas de materia seca por hectárea, con datos de ensaios no CIAM e abonado nitroxenado baixo.

Xeralmente, o seu uso principal é para a colleita de gran seco para engadir como penso á ración dos animais. Neste caso, o rendemento sole estar entre as 4 e as 6 toneladas por hectárea.

O valor nutritivo e o rendemento varían coa época de corte, fertilidade do solo e variedade. Na seguinte táboa móstranse os parámetros de valor nutritivo observados en ensaios levados a cabo no CIAM, nos cales a forraxe de centeo colleitouse para ensilar en estado fenolóxico de inicio do espigado, en sementeiras a finais de novembro (300 sementes por metro cadrado) e con baixa fertilización nitroxenada.

Estado fisiolóxico

Materia Seca

Proteína Bruta

DMO (Dixestibilidade da Materia Orgánica)

Inicio espigado

20

12

75

Descarga aquí o díptico sobre o cultivo do centeo elaborado polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información