Cultivos alternativos para o pago verde da PAC (V): a avea

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) presentou este ano unha serie de fichas de cultivos forraxeiros que poderían empregarse para cumprir cos requirimentos de diversificación do chamado pago verde. Seguimos a serie de cultivos de inverno coa avea.

Cultivos alternativos para o pago verde da PAC (V): a avea

Campo de Avena Sativa

A avea é un dos cultivos alternativos para cumprir co pagamento verde que establece a PAC. Nas explotacións gandeiras de Galicia o seu cultivo está a atopar un oco como cultivo de inverno, normalmente asociado coa veza, ou co triticale ou raigrás.

Esta é a guía de cultivo da avea para ensilar que elaborou o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

Calendario:

Tal e como se mostra no recadro, a época de sementeira da avea é dende mediados de outubro a mediados de novembro. Entre mediados de xaneiro e mediados de abril pódese pastorear e dende esa época ata finais de maio, en caso de optar polo ensilado en verde, sería a época recomendada. Se decidimos deixar a avea para grao, a seitura faise en xullo.

AVEA_calendario_sementeira

Requirimentos de solo e clima

A avea é un dos cereais de menores esixencias climáticas e edáficas, posiblemente o segundo, despois do centeo. Prefire climas relativamente frescos e húmidos, adaptándose ben ás zonas costeiras.

É sensible ás oscilacións de temperatura, afectándolle bastante as xeadas intensas de finais de primavera, e é sensible ás temperaturas cálidas durante a floración e maduración do gran. As necesidades hídricas da avea son as máis elevadas de todos os cereais de inverno.

No aspecto edáfico, prefire solos de ácidos a neutros (PH de 5 a 6), solos medios e profundos, textura franco a lixeiramente arxilosa e resiste mellor os solos compactos que os demais cereais. Non se recomenda o seu cultivo en solos delgados (de 10 a 20 centímetros) ou areosos.

Fertilización

A efectos do cálculo de fertilización, as producións medias de gran de avea están comprendidas entre 3,5 e 5,5 toneladas por hectárea. Para un solo con niveis medios de fósforo e potasio e para unha produción estimada de 4,5 tn/ha de gran de avea, deben aplicarse sobre 100-120 kg de N; 58 kg de P205 e 126 de K2O.

O abonado de fondo incluirá todo o fósforo e o potasio e entre un 25 e un 30% do total de nitróxeno. O resto aplícase entre o afillado e o encanado.

Se a finalidade é obter forraxe, para unha produción de 5 toneladas de materia seca por hectárea, a recomendación é aplicar 100 kg de N, 60 de P2O5 e 130 de K2O. O abonado nitroxenado repartirase nun 30% na sementeira e un 70% na saída do inverno.

A avea é máis sensible ao encamado que o trigo e o triticale.

Con respecto á acidez do solo, recoméndase que teña menos dun 10% de aluminio. Para doses de encalado, consultar o tríptico “A Fertilización dos cultivos”.

Variedades:

A especie máis empregada para forraxe e gran é a Avena Sativa. Débese ter en conta a precocidade: as variedades máis serodias son as máis axeitadas para o aproveitamento forraxeiro xa que desenvolven unha maior biomasa e permanecen máis tempo en estado vexetativo para que poidan ser pastoreadas.

Débense elixir variedades que se adapten ben ás condicións agroclimáticas da zona de sementeira e á data de aproveitamento que desexamos realizar.

Sementeira e preparación do solo:

O laboreo tradicional consta dunha labor profunda (de 20 a 30 centímetros) para alzar a terra, enterrando os residuos do cultivo anterior, e un laboreo superficial cunha fresa, un cultivador ou unha grade de discos en pase cruzado, para enterrar fertilizantes e obter unha cama de sementeira axeitada.

Para obter unha boa nacenza necesítase sementar nun leito fino e húmido. A preparación do terreo será máis coidadosa canto máis tarde se realice a sementeira. Unha maior simplificación proporciónana as máquinas combinadas, que realizan varias labores nun mesmo pase, ou a sementeira directa, na cal non se realiza laboreo e tan só se aplica un herbicida contra as malas herbas, seguido da sementeira cunha sementadora especial.

O momento da sementeira é fundamental para acadar unha boa produción. Por tanto, recoméndase en altitudes baixas realizar a sementeira entre o 15 de outubro e o 15 de novembro, xa que as sementeiras máis tardías poderían minguar os rendementos, ao producirse danos por xeadas en estado de plántula.

Se o destino é para aproveitamento por pastoreo, a sementeira adiantarase o máis posible.

A maquinaria que se utiliza na sementeira é unha sementadora de liña, con separación de entre 12 e 17 centímetros, e profundidade de sementeira de 2 a 4 centímetros. A dose de sementeira recomendada é de 250 sementes por metro cadrado, para produción de gran e de 300 se se destina a forraxe para ensilar.

Estas doses de sementeira poden varias segundo o clima, variedade, tipo de solo..etc. As doses de sementeira temperás sempre serán menores que as tardías. Se a sementeira se realiza a boleo, a dose terá que incrementarse nun 25-30%.

Cando existan malas herbas de folla ancha, débese utilizar un herbicida específico para avea no período de nacenza do cereal (bromoxinil, carfentrazona etil, dicamba, fluroxipir 20, tribenuron, bromoxinil + MCPA, ioxinil + MCPP, tifensulfuron metil 50 + tribenuron metil 25). É importante eliminar a competencia nos primeiros meses. Non existen herbicidas para control de gramíneas despois de nacer a avea.

Manexo fitosanitario: enfermidades e pragas

A avea, aínda que é menos sensible que a cebada e o trigo, pode verse afectada por: roia da avea (Puccinia coronata), oídio, septoria, pé negro, mal de pé, e mancha oval. A roia da avea é a que pode producir maior redución de rendemento.

En canto ao tratamento das enfermidades foliares, destacan os seguintes produtos: ciproconazol, mancozeb, metiltionafanto e triademol, entre outros. Para evitar as enfermidades do solo, o mellor son as rotacións de cultivos.

Con respecto ás pragas, pode haber ataques de pulgóns nas follas, talos e espigas. Neste caso, se o ataque é severo, pódese aplicar algún dos seguintes insecticidas: esfenvalerato 5%, lambda Cihalotrin 10%, cipermetrin 50%, alfacipermetrin 10% ou deltametrin 10%.

Colleita, rendemento e valor nutritivo

A avea ten un crecemento vexetativo relativamente rápido en inverno, e produce unha forraxe abondosa e de moi boa calidade, mellor que a cebada, moi apetecible e de gran valor nutritivo. Por isto, é idóneo para o seu aproveitamento en pastoreos sucesivos dende o afillado ata o inicio da maduración do gran.

Avea seca

Avea seca

Tamén se pode facer sega da planta, entre a floración e o estado de gran leitoso -xa que despois baixa moito a dixestibilidade e o contido en proteína- para aproveitamento en verde ou ensilado.

Neste caso, o rendemento que produce é e 8 a 12 toneladas de materia seca por hectárea, con datos de ensaios no CIAM e abonados nitroxenados baixos. Ademais, a calidade fermentativa do ensilado de avea é moi boa.

Existe tamén a posibilidade de colleita en gran seco -rendemento de 3,5 a 5,5 tn/ha- para engadir como penso á ración dos animais, aínda que debe recollerse con relativa rapidez para evitar perdas por caída do gran tras a madurez.

Ás veces, empréganse un sistema intermedio dos dous anteriores, consistente nun aproveitamento lixeiro por pastoreo a finais de inverno, tralo cal a avea volve agromar, e outro do gran, cunha produción algo inferior ao potencial.

O valor nutritivo e o rendemento varían coa época de corte, fertilidade do solo e variedade. Na seguinte táboa móstranse os parámetros de valor nutritivo observado en ensaios levados a cabo no CIAM. Neles a forraxe de avea recolleuse para ensilar en datas nas que o estado fenolóxico da planta foi dende o inicio do espigado ata gran en estado leitoso, en sementeiras a finais de novembro, cunha dose de 300 sementes por metro cadrado e sen abono nitroxenado:

AVEA_nutrientes

Descarga aquí a guía completa do cultivo da avea elaborada polo CIAM. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información