Cultivos alternativos para o pago verde da PAC (IV): a veza

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) presentou este ano unha serie de fichas de cultivos forraxeiros que poderían empregarse para cumprir cos requirimentos de diversificación do chamado pago verde. Seguimos a serie de cultivos de inverno coa veza.

Cultivos alternativos para o pago verde da PAC (IV): a veza

Veza

A veza é un dos cultivos alternativos para cumprir co pagamento verde que establece a PAC. Nas explotacións gandeiras de Galicia o seu cultivo está a atopar un oco como cultivo de inverno, normalmente asociado cun cereal, como a avea, ou co triticale ou raigrás.

Esta é a guía de cultivo da veza para ensilar que elaborou o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

Época de sementeira

A veza ou Vicia Sativa L, é un cultivo que se pode sementar para ensilar en verde tanto en inverno como en primavera. En inverno a época de sementeira vai dende mediados de setembro ata mediados de novembro, para ser ensilado nos meses de abril-maio. A sementeira de primavera iría dende mediados de abril a finais de maio para ser ensilada en xuño.

Nas sementeiras de outono o ciclo de cultivo será de 5-7 meses, colleitando no inicio da floración. Para o caso das sementeiras de primavera, o ciclo do cultivo será duns 4 meses ata o seu aproveitamento forraxeiro. No caso de querer colleitar para gran será preciso agardar ata mediados ou finais do verán.

Independentemente dos requisitos impostos aos cultivos que integran “as superficies de interese ecolóxico” da PAC, para evitar o encamado da colleita en etapas avanzadas do seu ciclo, recoméndase o seu cultivo asociado cun cereal, que polo xeral será triticale ou avea.

Como especie leguminosa, a veza é un cultivo mellorador do solo, xa que fixa nitróxeno atmosférico a través das súas raíces. Por iso, considérase unha boa cabeza de rotación e debe ser seguida na rotación por outro cultivo, como cereais ou colza, que aproveiten a fertilidade. Ademais de utilizarse para a produción de feo, ensilaxe ou en gran, tamén se pode enterrar como abono verde.

Requirimentos do solo:

A veza ten unha ampla adaptación a distintos tipos de solo, pero non convén sementala nos areosos e secos nin nos encharcados. As mellores producións obtéñense en solos fértiles, consistentes, profundos e frescos, con elevado poder de retención de auga. A veza soporta ben os solos ácidos (PH de 5.5 a 8.0) pero rende mellor se se fai encalado.

Encalado e fertilización:

As doses recomendadas de calcáreas e de fertilización para unha produción media do cultivo de veza detállanse a continuación.

Doses recomendadas de encalante (kg por hectárea) para corrixir a acidez en función do aluminio presente co complexo de cambio do solo.CADRO_VEZA_01Recomendacións de abonado fosfórico (en kg por ha de P205), segundo o nivel de fertilidade e modo de aproveitamento:

CADRO_VEZA_02

Recomendacións de abonado potásico (en kg por ha de K2O), segundo o nivel de fertilidade e modo de aproveitamento:

CADRO_VEZA_03

Variedades:

Existe un gran número de variedades de veza. En Galicia fixéronse estudos só con variedades de outono e, polo xeral, asociadas a un cereal. Nestes estudos, as variedades “Barvicos”, “Buza”, “Cumbre” e “Candy” renderon producións de entre 4,6 e 5,2 toneladas de materia seca por hectárea, en mesturas cunha mínima proporción de cereal de menos do 20%.

Para o cultivo de primavera recoméndase a utilización de variedades tardías que permitan un aproveitamento como forraxe durante o mes de xuño ou ata mediados de xullo como moi tarde, meses nos que a planta se atoparía en floración.

Nos estudos realizados no CIAM observouse que a especie Vicia Villosa variedade Látigo soportou os ataques de roia, unha enfermidade que ataca á veza durante as primaveras moi húmidas.

Doses da sementeira:

Cando a veza se sementa en asociación cun cereal, recoméndase unha dose de 150 a 180 sementes por metro cadrado, o que representa entre 60 e 120 kg por hectárea, dependendo da variedade.

A cantidade de semente de cereal na asociación sería igualmente de 150 a 180 sementes por metro cadrado. Iso tradúcese en entre 45 e 90 kg por hectárea de triticale ou 40 a 70 kg/ha de avea, dependendo das variedades.

En canto á sementeira da veza como cultivo único, a recomendación sería a de aumentar do 50 ao 80% as doses de veza no cultivo asociado.

Rendemento e valor nutricional:

veza-ray-grass-avena_STANDAR

Veza con raigrás e avea.

Ensaios realizados en explotacións gandeiras galegas por investigadores do CIAM reportan rendementos de entre 2,2 e 5,9 toneladas de materia seca por hectárea para a mestura do triticale “Noé” e de veza “Gravesa” e de entre 3,7 e 7,0 toneladas para a mestura do triticale “Bienvenu” e a veza “Platine”, colleitados para forraxe entre a última semana de abril e a primeira de maio.

Os resultados doutros traballos feitos no CIAM na finca de Mabegondo coa variedade “Jaga”, sementada en monocultivo en outono e colleitada no inicio da floración a finais de de abril, mostrou un rendemento de 5 toneladas por hectárea.

En canto aos rendementos de grao que ofrece a bibliografía para terreos secanos húmidos como os de Galicia, están no intervalo de 2 a 3 toneladas por hectárea.

A composición nutricional dos grans de veza común que ofrecen as táboas FEDNA son: materia seca 90%, cinzas 96,5%, proteína bruta 26,5%, graxa 1,7%, fibra bruta 6,5%, almidón 37,4% e azucres 4,3%.

O intervalo de valores observados para o valor nutricional do cultivo de veza (proxecto LEGA, realizado no CIAM), entre os estados de inicio da floración e a aparición de vainas indícanse na seguinte táboa:

CADRO_VEZA_04

Descarga aquí a ficha completa do cultivo da veza. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información