Cultivos alternativos para o pago verde da PAC (II): o sorgo

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) ven de presentar unha serie de fichas de cultivos forraxeiros que poderían empregarse para cumprir cos requirimentos de diversificación do chamado pago verde. Analizamos o cultivo do sorgo.

Cultivos alternativos para o pago verde da PAC (II): o sorgo

Campo de sorgo en Ávila.

O sorgo é un dos cultivos alternativos para cumprir co pagamento verde que establece a PAC. Esta é a guía de cultivo do sorgo para ensilar que elaborou o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

Calendario de cultivo:

Segundo a PAC, o sorgo é un cultivo de primavera, que se sementa no mes de xuño e se recolle para ensilado entre setembro e outubro.

Requirimentos edafoclimáticos e de fertilización:

O sorgo necesita temperaturas máis altas que o millo para a súa xerminación e desenvolvemento, de entre 12 e 13 graos. Resiste mellor que o millo a seca, as altas temperaturas e os ventos fortes.

Necesita solos profundos e aireados. Tolera a salinidade e diferentes niveis de acidez e de fertilidade, respondendo ben a unha diversidade de solos. Pode cultivarse dende os 0 aos 1.000 metros de altitude, aínda que o mellor é de 0 a 500.

En xeral, para unha produción esperada de 8 toneladas por hectárea de materia seca de sorgo e un solo de riqueza media, deben aplicarse 150 quilogramos por hectárea de N, 75 kg de óxido de fósforo e de 175 de óxido de potasio por hectárea.

O nitróxeno convén distribuílo en dúas metades: 0 40% en sementeira e o resto en cobertoira. Ademais, se o seu uso é para pastoreo ou corte en verde con posterior rebrote, é necesario fertilizar despois do pastoreo ou corte con 50 quilogramos de nitróxeno por hectárea.

Variedades:

A selección da variedade é importante en relación a características de rendemento, problemas de encamado, tolerancia a insectos e enfermidades, e calidade da forraxe.

No mercado existen variedades específicas para gran (granifero), pastoreo e ensilado (silero), pastoreo directo e henificado (forraxeiro) e para ensilado e gran (de dobre aptitude).

Tamén hai variedades BMR (Reducido Contido en Lignina), que teñen unha altísima palatabilidade. Tamén se diferencian variedades segundo o seu ciclo, de entre 80 e 120 días.

Segundo os resultados obtidos no CIAM con sorgos sileiros pódense recomendar as variedades Alfa e Ascoli.

Sementeira:

Previamente requírese unha boa preparación do terreo mediante unha labor profunda (de 20 a 30 centímetros) e un par de pases de cultivador para incorporar fertilizantes e lograr unha cama de sementeira adecuada.

Para programar a sementeira hai que ter presente o ciclo da variedade, zona onde se estableza e tamén outros cultivos implicados na rotación. Como regra xeral, a sementeira do sorgo deberá empezar de 15 a 30 días despois do usual no millo.

A densidade da sementeira dependerá da calidade da semente, tamaño e peso da mesma, sistema de sementeira, ciclo da variedade elixida, dispoñibilidade de auga e tipo de solo.

Campo de sorgo.

Campo de sorgo.

Segundo os ensaios realizados no CIAM con sorgos sileiros, pódese recomendar unha densidade de 155.000 plantas por hectárea. En xeral, recoméndase utilizar densidades de plantación menores en ciclos longos de cultivo, e usar maiores densidades en ciclos curtos ou intermedios.

A sementeira pódese realizar a voleo, de forma manual, ou mecanizada, ou en filas con diferentes sementadoras de grans regulando a separación de liña.

A voleo non require de equipo especializado, pero a distribución e profundidade da semente son menos homoxéneas. Ademais, dificultase a aplicación de agroquímicos e non é posible a realización de labores de cultivo.

Pola contra, a sementeira en filas facilita o control de herbas e de pragas e regula mellor a profundidade e distribución da semente.

En sementeiras para ensilado, a separación recomendada entre filas é de 80-90 centímetros.

Hai que ter en conta que a semente de sorgo é bastante pequena, polo que a profundidade da sementeira non debe ser excesiva: entre 2 e 4 centímetros, e variando co tipo de solo e o tamaño da semente. Xeralmente, necesítanse de 10 a 25 quilogramos de semente por hectárea.

Manexo sanitario:

No período de crecemento do sorgo pódense presentar malas herbas, principalmente de folla ancha. É importante mantelo limpo despois da nascencia, e para elo pódese aplicar en preemerxencia un herbicida a base de pendimetalina. En sementeiras en filas é factible o uso de cultivadores para o seu control mecánico.

Por outra parte, son utilizados para eliminar as herbas adventicias de folla ancha produtos químicos como o MCPA 50%, cando o cultivo teña 4 follas; bromoxinil 38,5%, cando o cultivo teña máis de 3 follas e as herbas adventicias menos de 6; ou 2-4D ácido 60%, aplicando cando o cultivo teña polo menos 15 cm de altura.

Dentro das pragas que poden atacar o sorgo atópanse o verme de arame (Agriotes sp), o verme cogollero (Spodoptera frugiperda), verme trozador (Agriotis ipsilon) e o mosquito do sorgo (Contarinia sorghicola).

Se a proporción de plantas afectadas é maior do 15%, será necesario a aplicación dalgún insecticida, por exemplo clorpirifos etil 44,50% á dose recomendada en cada caso. No caso de ataques de pulgóns, será necesario aplicar un piretroide.

As principais enfermidades que poden afectar ao sorgo na parte aérea son a roia do sorgo, Helminthosporium e Helminthosporium turcicum. Para o seu control recoméndase empregar variedades resistentes a cada unha delas.

As aplicacións de funxicidas poden ser convenientes cando se realizan no momento de aparición dos primeiros síntomas. Pódese lograr certo control a través da rotación de cultivos.

Para evitar danos por enfermidades do talo e raíces, como as ocasionadas por fusarium graminearum, recoméndase evitar as sementeiras demasiado densas e os excesos de nitróxeno, ou emprego de híbridos resistentes.

Colleita, rendemento e valor nutritivo

Hai diferentes formas de aproveitamento do sorgo: pastado, troceado en verde, henificado ou ensilado.

O pastoreo ou primeiro corte en verde pode facerse aos 50-60 días despois da xerminación, cando a planta ten unha altura de máis de 50 centímetros para evitar o risco de intoxicación do gando por ácido cianhídrico. Este ácido prodúcese cando as plantas de sorgo acumulan duralina -en plantas novas en crecemento, nos rebrotes e en plantas que detiveron o seu crecemento por condicións adversas- e desaparece despois da floración e do proceso de ensilado ou de henificado. Os cortes sucesivos realizaranse cada 45-50 días.

Ensilado:

Para ensilado, a colleita realízase cando o gran está en estado leitoso-pastoso, a finais de setembro e principios de outubro, para optimizar o valor nutritivo e obter a máxima produción, que en sega se obtén cun só corte.

O colleitar en momentos máis tenros podería provocar a perda de nutrientes e, pola contra, a colleita en estados máis maduros dificulta a compactación e fermentación da forraxe ensilada.

As producións obtidas son inferiores ás do millo, unhas 8 toneladas por hectárea, aínda que ten capacidade de rebrote. A súa forraxe ensilada é xeralmente menos dixestible (a dixestibilidade diminúe despois da floración, a diferenza do millo), menos enerxética e con menor grao de inxestión.

O valor nutritivo varía coa época de corte, fertilidade do solo e variedade. Na seguinte táboa preséntanse o rango de valores obtidos nos ensaios realizados no CIAM con sorgos sileros:

GRAFICA_SORGO_CIAM copia

Podes descargar a guía de cultivo do CIAM do sorgo para ensilar nesta ligazón:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información