Trala polémica suscitada polas acusacións de Agromuralla sobre presuntas irregularidades nas análises do Ligal, o director xerente do centro, Roberto Lorenzana, defendeu a fiabilidade das análises do leite que fan para o pago por calidades. A mesma liña manteñen as dúas organizacións agrarias presentes na directiva do Ligal, Unións Agrarias e Sindicato Labrego.
Consultamos a cuestión con Javier Iglesias, representante de Unións Agrarias (UU.AA) no Ligal, e coa secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba.
Tamén nos puxemos en contacto coa Asociación Galega de Cooperativas, que ostenta a presidencia de turno do Ligal, da que non foi posible obter declaracións, e coa Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil), que se remitiu as declaracións xa feitas polo propio Ligal.
O Ligal tamén conta coa presencia de Xunta de Galicia e Ministerio, con voz pero sen voto.
Detectáronse cambios ou problemas este verán nas análises do leite do Ligal?
Isabel Vilalba (SLG): Estes días falamos co director xerente do Ligal para plantexarlle tres cuestións. Primeiro, se houbera algún tipo de incidencia nos equipos ou nos reactivos empregados. Segundo, se houbera este verán un desvío dos datos medios de calidades, en comparación con outros anos. E terceiro, se chegaran queixas directas ó Ligal das granxas sobre os resultados das análises. Ás tres cuestións nos contestou que non.
Non houbo incidencias nin queixas e os datos medios das análises manteñen unha liña similar ó verán pasado.
Así as cousas, o Ligal é un laboratorio con procesos automatizados, que están auditados por terceiros independentes. É un dos sistemas máis verificados, un centro de referencia a nivel de toda España. Temos un sistema obxectivo e con garantías para a análise do leite. Outra cousa é que se poida mellorar porque todo é mellorable.
Javier Iglesias (UU.AA): Como todos os veráns, hai cambios estacionais nas analíticas do leite, derivados de cuestións como as temperaturas ou o estrés por calor que sofren os rabaños.
Quen afirme que as analíticas do leite en Galicia se manipulan para pagar menos por calidades, só ten que mirar os datos oficiais de graxa e proteína do leite galego: son os máis altos de España (Javier Iglesias)
En calquera caso, quen afirma que as industrias ‘manipulan’ as análises en Galicia para baixar a graxa e a proteína, e así pagar menos polo leite galego, só ten que mirar os datos oficiais da graxa e proteína do leite galego. Temos cada mes a calidade en graxa máis alta de toda España (só por baixo de País Vasco) e proteína por riba da media.
Sobre a fiabilidade das análiticas do Ligal, o que hai que subliñar é que as análises están sometidas a controis internos, automatizados, e auditadas por un terceiro, a Enac. Entón, se non cremos na tecnoloxía, pódese dubidar das análises, do mesmo xeito que unha persoa que non crea na ciencia pode cuestionar as vacinas.
A que atribuídes entón o malestar das granxas?
Javier Iglesias (UU.AA): Eu creo que ningún gandeiro pon en dúbida as analíticas do Ligal. O problema está nos descontos que aplican as industrias nos pagos do leite a raíz das analíticas.
En concreto, sobre o punto crioscópico, no Laboratorio sempre houbo consenso en que o punto de corte é – 0,512 ºC, pois con cifras maiores enténdese que puido haber adición de auga. Que haxa industrias que esixen un punto crioscópico de -0,515 ou – 0,518 para o pago de calidades é unha decisión da industria.
Ao final, o punto crioscópico o que mide é o punto de conxelación do leite. A menor temperatura, hai maior presenza de sólidos, que é un parámetro de interese para as industrias, pero a cuestión é que os sólidos xa se están pagando coas primas de graxa e proteína, polo que non lle vemos sentido a que se esixan puntos crioscópicos inferiores a – 0,512º C para o pago de calidades.
Isabel Vilalba (SLG): O problema vémolo no sistema de penalizacións das industrias. Sería preciso un sistema pactado entre granxas e industrias, menos arbitrario.
“As granxas galegas entregan leite cun punto crioscópico máis baixo de xeito natural, por cuestións climatolóxicas. Iso está comprobado en estudos científicos e debe terse en conta nos pagos por calidades” (Isabel Vilalba)
Co punto crioscópico, hai estudos científicos que demostran que as granxas galegas entregan leite cun punto crioscópico máis baixo por cuestións de climatoloxía, en especial en zonas como a Mariña lucense. Demostrouse que se entrega leite cun punto crioscópico baixo, de xeito natural, sen que haxa adición de auga. Iso é algo que se debería ter en conta.
Máis alá do Ligal, pensades que o actual sistema de toma e transporte de mostras pola industria pode xerar desconfianza?
Isabel Vilalba (SLG): É o sistema que está implantado en Europa. É certo que xera debate, porque as mostras recólleas a industria, pero facelo doutro xeito tería un custo importante que recaería no sector. No Ligal chegouse a valorar ter persoal propio para a recollida das mostras, pero é pouco viable.
“Chegouse a valorar ter persoal propio do Ligal para a recollida de mostras, pero non é viable. En calquera caso, pensamos que temos un sistema garantista”
En calquera caso, pensamos que temos un sistema garantista, pois en caso de dúbidas, calquera granxa pode pedir que un inspector do Ligal lle recolla mostras de xeito directo.
Javier Iglesias (UU.AA): Se nas analíticas non hai sospeitas, é certo que o proceso de toma e transporte de mostras pode xerar dúbidas, xa que non hai un control absoluto. Non sabemos como se conservan esas mostras, aínda que tamén hai que dicir que hai inspeccións nos muelles de descarga das industrias, para comprobar a temperatura das mostras e verificar que estean ben gardadas.
“Non hai control absoluto da toma de mostras e do seu transporte, pero si inspeccións en ruta e un sistema no Ligal para rexeitar posibles mostras deficientes” (Javier Iglesias)
A maiores, o Ligal ten control de calidade de tódalas mostras que entran e fórmulas estatísticas das calidades medias dunha granxa, de xeito que se unha mostra puntual entra mal ou presenta resultados que se desvían en moito, é rexeitada.
Como valorades a posibilidade dun sistema de dobre mostra, na que o gandeiro se quede cunha das mostras lacrada?
Javier Iglesias (UU.AA): Calquera granxa pode quedar a día de hoxe cunha segunda mostra e analizala no propio Ligal ou noutro laboratorio. É certo que se produce unha indefensión, xa que a industria non vai aceptar ese elemento de contraste, por cuestións de custodia e conservación da mostra.
Isabel Vilalba (SLG): Somos partidarios de que haxa as máximas garantías posibles. Calquera granxa pode quedar cunha segunda mostra, pero a cadea de custodia desa mostra é distinta e a conservación da mostra vai ser distinta, polo que a análise da segunda mostra pode ofrecer resultados distintos. O leite cru é un organismo vivo que experimenta cambios.
“Pode haber diferencias non significativas entre os laboratorios por factores como o calibrado dos equipos, os reactivos usados ou a marxe de erro de cada análise. Sería partidaria de lograr a maior homoxeneidade de resultados” (Isabel Vilalba)
Outra cuestión é a dos resultados distintos en función do laboratorio. Temos que ser conscientes de que pode haber pequenas diferencias, sempre que non sexan significativas, en función dos procesos, calibrado de equipos, marxe de erro e reactivos usados en cada laboratorio.
E mesmo se traballan con dúas mostras do mesmo tanque, o proceso de custodia e conservación desas mostras foi distinto. En calquera caso, si sería partidaria de que, con mostras idénticas, se logre a maior homoxeneidade de resultados entre os distintos laboratorios.