As técnicas de mantemento físico do solo en viñedo son o conxunto de operacións coa finalidade de crear e manter un medio favorable para a medra e actividade das raíces da cepa e facilitar as operacións de cultivo.
Existen distintas alternativas de mantemento: solo espido (libre de vexetación durante todo o ciclo anual, mediante laboreo ou uso de herbicidas), cuberta vexetal temporal (vexetación espontánea ou sementada en outono/inverno) ou cuberta vexetal permanente (vexetación espontánea ou sementada todo o ano).
Obxectivos básicos :
– Mellorar a estrutura e a estabilidade do solo, facilitar o manexo do cultivo e estabelecer un bo equilibrio entre os estados físico, químico e biolóxico do solo que permita un óptimo desenvolvemento radicular
– Permitir o máximo potencial de absorción de auga e elementos nutritivos dispoñíbeis no solo e suprimir ou limitar a vexetación adventicia (malas herbas) e a súa competencia en auga e nutrientes
– Manter a capa superficial nun estado físico adecuado para facilitar os cambios entre a atmosfera e o solo e facilitar as operacións culturais da plantación (rego, fertilización, circulación, etc).
Nun anterior artigo falamos do laboreo, como técnica do solo espido durante o ciclo anual da vide. Posiblemente sexa a técnica tradicionalmente máis utilizada en Galicia.
A cuberta vexetal permanente do solo: unha técnica cada vez máis implantada nos viñedos galegos
Nesta ocasión falaremos dunha técnica que cada vez conta cunha maior implantación nos nosos viñedos: a cuberta vexetal permanente do solo .
A técnica consiste en manter a superficie do solo con vexetación natural ou sementada durante todo o ano. Recoméndase en solos con moita pendente e suficiente dispoñibilidade de auga, e esixe labores de mantemento (fertilización e sega).
Pode ser cuberta total, en que a vexetación cubre toda a superficie da plantación (liñas e calles) ou parcial, en que a cuberta vexetal ocupa as calles, mentres que as liñas mantéñense espidas mediante laboreo, herbicidas ou mulching ou acolchados vexetais.
Os obxectivos fundamentais serían limitar a erosión e escorrentía, facilitar acceso á plantación en períodos chuviosas, mellorar as propiedades do solo e incluso o control do vigor das cepas.
Vantaxes: Diminúe a erosión e a compactación so solo e aumenta o contido de materia orgánica
-Diminúe a erosión ao estar o solo cuberto permanentemente e reduce a compactación do solo, xa que o entramado de raíces exerce unha función de colchón que amortece o peso da maquinaria e remolques.
-Aumenta o contido de materia orgánica, coas vantaxes que iso conleva en canto a mellora da estrutura, porosidade, aireación, infiltración de auga e aumento da fertilidade do solo.
Tamén se ocasiona unha menor lixiviación de nitratos e facilítase a translocación do fósforo e potasio en profundidade, que acaba derivando nun aumento do contido en antocianos no mosto e dos polifenois e sólidos solúbeis.
Inconvenientes:
-Favorece o desenvolvemento dalgunhas malas herbas e pode facilitar o desenvolvemento de pragas e enfermidades e a competencia hídrica en períodos secos.
-Tamén hai unha redución volume explorábel polo sistema radicular, xa que este permanece máis localizado en superficie.
-No mosto pode diminuír o contido de substancias nitroxenadas e unha cinética de fermentación mais lenta.
¿Como implantar unha cuberta vexetal no viñedo?
Esta técnica de mantemento do solo consiste en cubrir o solo da plantación de forma definitiva cunha pradería herbácea que se sega regularmente deixando a herba no terreo. Está limitada a zonas con precipitacións abundantes (superiores a 700-800 mm uniformemente repartidos ao longo do ano) ou para plantacións nas que a auga non sexa factor limitante. Tamén os terreos pedregosos ou irregulares, limitan esta técnica
É difícil de conseguir coa vexetación natural, polo que se recorre ao sementado dunha ou de varias especies na que a base a constitúen gramíneas, podéndose complementar con algunha leguminosa para aportar nitróxeno e así reducir a fertilización. Así, é frecuente o uso de raygrass inglés, festuca elevada, poa e incluso festuca roxa. En todo caso, a formulación da sementeira pode adaptarse a cada zona.
“É frecuente unha mestura de raygrass inglés, festuca elevada, poa e incluso festuca roxa”
Debemos buscar que sexan competitivas coas adventicias e o menos posíbel co cepa, especialmente pola auga, que teñan boa perennidade, sistema radicular fasciculado e bo enraizamento, medra lenta, para que os cortes sexan os menos posíbeis e abaratar o mantemento do solo. Tamén deben ser resistentes ao pisoteo e ao paso de maquinaria.
Para a implantación da cuberta pode ser preciso unha incorporación de fondo de 30-50 UF/ha de N e unha cobertoira 6 a 8 semanas despois 30-50 UF/ha de N. Con precipitacións insuficientes tras a sementeira é preciso regar a continuación.
Durante os primeiros anos débese suplementar a fertilización nitroxenada a base de 50-100 UF/ha de N (fraccionado en 2 ou 3 aportes). Debe facerse un control de Mg. En anos posteriores, estas doses pódense reducir sensiblemente debido á mineralización do N inmobilizado en forma orgánica.
Deberemos proceder a segas periódicas, que permiten reducir a transpiración da cuberta e limitar a competencia pola auga coa plantación. Realizarase fundamentalmente durante o período de competencia coa cepa (primavera e verán). En outono pódese deixar que se desenvolva até a saída do inverno. Convén manter a cuberta o máis corta posíbel durante o período de xeadas de primavera. Tamén debemos ter presente que a herba corta ten menos perdas por transpiración. A herba cortada pode deixarse no solo para conseguir efecto mulching.
Bibliografía:
LISSARRAGUE G-GUTIERREZ J.R. Técnicas de cultivo en viticultura. Master de Viticultura, Enología y Marketing del Vino. Torras y Asociados
CARBALLIDO PRESAS, X. et al. Apuntes de viticultura e enoloxía. (Consellería de Agricultura, Gandería e Montes – Xunta de Galicia 1996)
HERNÁEZ MAÑAS, J.L. Artigos do Suplemento ECOAGRO – La Región. Ourense. 2004/2007