Cuarta baixa polos lobos nunha granxa de Rodeiro en 6 meses

Os cánidos dan conta dunha xovenca que pasaba a noite nun prado nas proximidades dun núcleo de poboación. O resto da rabaño, acompañado por un mastín, fuxiu ata as cortes

Cuarta baixa polos lobos nunha granxa de Rodeiro en 6 meses

Restos da xovenca morta na noite de onte en Rodeiro.

Unha granxa de Carboentes (Rodeiro) sofriu xa catro ataques do lobo nos últimos seis meses. En xuño, o lobo deu conta de dúas xovencas nun prazo de dúas semanas. En agosto, os cánidos volveron para matar un burro e agora en novembro repetiuse o ataque, que se saldou coa baixa dunha xovenca. O gandeiro afectado, Carlos Daparte, vese impotente ante a presión da fauna salvaxe.

Tras os primeiros ataques, a granxa optou por gardar durante a noite os animais nas cortes, unha alternativa que se presenta como a única vía eficaz para evitar as mortes nocturnas. Na noite de onte, sen embargo, o rabaño permaneceu nun prado a carón do núcleo de poboación. “Non pensabamos que o lobo baixase ata as casas”, explica Carlos.

Os animais quedaban protexidos por un mastín, que optou por non facerlle fronte ó ataque. O can fuxiu coa maior parte do rabaño, unha vintena de animais, que regresaron durante a noite ó establo. “Probablemente eran moitos lobos e non puido enfrontarse a eles”, deduce o gandeiro. No prado só quedaron unha xovenca, que foi devorada polos cánidos, e unha vaca cunha pata coxa, que se librou de danos.

Ante a presión dos lobos, a granxa xa non sabe que medidas de prevención adoptar, pois as que tiña ata agora deron pouco resultado. Un burro que mercara para alertar dos ataques foi morto polos lobos en agosto, en tanto o mastín, por si só, non dá feito fronte á manda de cánidos.

Controis selectivos
Unións Agrarias pediu en reiteradas ocasións medidas de control poboacional do lobo na zona de Rodeiro, Dozón e Lalín, pero desde Medio Ambiente trasladáronlle ó gandeiro afectado que era complicado que se autorizasen esas batidas selectivas. “Falei tamén co presidente do Tecor de Rodeiro e confirmoume que lles denegaran unha batida por danos contra o lobo”, sinala Carlos Daparte.

Desde Unións Agrarias advirten da reiteración dos ataques e do temor das granxas a que os lobos cheguen a introducirse nas cortes durante a noite. A organización demanda a autorización de medidas de control selectivas. Pide que se faga un estudo técnico sobre a poboación de lobos no Deza e Terra de Montes e que se proceda a solucionar a “sobrepoboación” que entende que hai na zona. Unións calcula que só un 20% dos gandeiros afectados por danos estanos a denunciar, ante os retrasos que se adoitan producir no pago das axudas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información