Crotais electrónicos: un gasto innecesario ou unha oportunidade para a sincronización de datos?

Os animais nados a partir do día 1 de xullo deberán estar identificados cun crotal dixital na orella esquerda. As explotacións leiteiras agardan poder utilizalos no canto dos actuais colares e podómetros nas amamantadoras, robots e salas de muxido, mentres no vacún de carne pode axudar a avanzar na aínda incipiente dixitalización do sector

Unha xata nunha explotación leiteira co novo crotal electrónico na orella esquerda

Unha xata nunha explotación leiteira co novo crotal electrónico na orella esquerda

A medida que as cabanas gandeiras medran en número de cabezas, os sistemas de identificación individualizada e separación de animais cobran maior importancia. Sen embargo, os dispositivos que hai no mercado son caros e o ritmo de dixitalización moi diferente dunhas granxas a outras.

Pero en pouco tempo, todos os xatos e xatas terán de serie un chip dixital na súa orella esquerda que permitirá rastrear a súa identidade. Esa obriga legal é unha oportunidade para universalizar unha tecnoloxía que abre múltiples utilidades futuras, aínda que supón tamén un custo engadido para os titulares das granxas á hora de repoñer os crotais perdidos polo gando, xa que os novos crotais electrónicos custan o dobre que os usados até o de agora.

Como acontecía até o de agora, os novos crotais entregaranse nas oficinas agrarias comarcais

Ao naceren, as xatas e becerros seguirán levando dous crotais, un en cada orella, só que na esquerda substituiráse o crotal convencional que se puña até o de agora polo electrónico, mantendo o convencional na orella dereita.

Os veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural nas distintas oficinas comarcais repartirán os novos crotais ás explotacións, xunto cos correspondentes convencionais, en función do censo de animais da granxa.

As crotaladoras de tipo universal serven para colocar tanto os crotais convencionais como os electrónicos

Para colocalos, as crotaladoras de tipo universal serven tanto para os crotais convencionais como para os electrónicos. Sen embargo, explotacións que dispuñan de outro tipo de crotaladoras están a reportar problemas á hora de colocar os novos crotais, que ao non quedaren ben fixados á orella, o animal tende a perdelos con maior facilidade.

En caso de necesidade de reposición, o crotais electrónicos custan 3€ e os convencionais 1,5€

En caso de perda, o sistema segue funcionando coma na actualidade, correspondendo ás explotacións solicitar os duplicados para repoñer os distintivos extraviados. O prezo dos duplicados, segundo a tarifa vixente en Galicia, é de 1,5€ para os crotais convencionais e 3€ no caso dos crotais electrónicos, máis os custos do envío, que varían entre os 4€ da mensaxería ordinaria (5-10 días de prazo de entrega) e os 8 da urxente (1 día).

Distintos números en función da comunidade autónoma

A nova matrícula ou DNI do gando seguirá sendo un código alfanumérico, pero con leves variacións con respecto ao utilizado até o de agora. Os novos crotais empezarán polas letras ES (identificativas do país) e os números 22 (correspondentes ao gando bovino) e 11 (relativos á comunidade autónoma de Galicia). A continuación, outros 8 números identificarán o animal concreto.

No caso dos animais reidentificados, é dicir, aqueles nados antes do 30 de maio deste ano que teñan neste momento un crotal convencional e aos que se lles queira poñer o crotal dixital, os dous primeiros números serán o 27 no canto do 22 nos dous crotais, o electrónico e o convencional. Nos lectores, no canto de apareceren as letras ES, o código numérico correspondente a España que sairá será o 724 nos dous casos.

A normativa do Ministerio de Agricultura deriva dunha norma europea pero non se está a aplicar de igual xeito en todos os países

A entrada en vigor o vindeiro 1 de xullo da obriga de identificar a todos os animais nacidos a partir desa data cos novos crotais electrónicos, tal como se establece o artigo 5 do Real Decreto 787/2023, deriva dunha norma europea pero non está a ser aplicada de igual xeito en todos os países, xa que moitos deles outórganlle carácter voluntario.

En España, a aplicación estaba prevista para o 1 de xullo de 2024 pero retrasouse un ano para dar tempo ao sector a implantar a medida. Os servizos veterinarios oficiais das oficinas comarcais están a repartir xa os primeiros crotais electrónicos aos gandeiros que os solicitan e prevese que non haxa problemas de abastecemento cando a obriga de colocalos se faga efectiva.

Sincronización de dispositivos

A dixitalización, no caso das explotacións leiteiras, supuxo pasar de chamar ás vacas polo nome a identificalas por un número. Pero ese que levan na orella, o do crotal, non sempre coincide co que teñen asignado no establo nos rexistros da sala de muxido ou nas listaxes de reprodución.

Acabar con esa dualidade, habitual en moitas explotacións leiteiras, é unha das posibilidades que abre a incorporación dos crotais electrónicos nas granxas, xa que nun futuro podería empregarse o número de vida da etiqueta auricular do animal en todos os elementos de identificación electrónica da gandería.

En moitas explotacións leiteiras o nome é un privilexio reservado xa só ás vacas de concurso

“A nosa idea é ir aclimantando portas selectoras e sala de ordeño ao crotal, para non duplicar. No noso caso, se nos abren a sala, aforraríamos os podómetros. Só teriamos que poñer unha antena de lectura aérea, porque agora a lectura é no chan, ao ter os podómetros”, explica Román González, veterinario e encargado de Prolesa SAT.

Esta gandería, ubicada na parroquia de Goián, en Sarria, ten unha rotativa de 40 puntos de Gea, que debería permitir a sincronización de datos cos novos crotais. “Para poder vincular o sistema de identificación dixital dos novos crotais as principais empresas de sistemas de muxido, como son Lely, Delaval ou Gea, teñen que abrir os seus programas para permitir vincular neles o número do crotal electrónico. Iso o e o que che permitiría é asignar o mesmo número á vaca na sala que o que tes no libro, usando unha única identificación, a do crotal”, indica.

Este método de identificación individual, que non está aínda implementado nos sistemas de muxido, xa está incorporado sen embargo a algunhas marcas de amamantadora, o que permite o seu funcionamento sen necesidade de instalación de colares nas xatas. “Nós estamos neste momento mirando para poñer amamantadoras para a recría e algunhas das que se están montando xa veñen con lector de crotal. Por exemplo, tanto a Urban como a Förster, funcionan xa con este sistema no que o crotal electrónico vai ser o identificador”, detalla Román.

En canto á colocación dos novos dispositivos, explica que hai que ter unha serie de precaucións, como a de colocalo no lado correcto. “Vale a mesma pistola, pero tes que ter coidado de poñelo na orella esquerda e o máis centrado posible. Teño postos uns 15, porque o outro día fun buscar e van dando de poucos en poucos porque aínda non hai moita dispoñibilidade”, indica.

Realizar anotacións individualizadas

O novo sistema de identificación do gando mediante crotais con chip completase cunha aplicación informática na que se poderán facer anotacións individualizadas, por exemplo, de tratamentos realizados ou diagnósticos reprodutivos. Pero para iso, é necesario dispoñer dun lector específico.

“Á hora do manexo do gando o crotal electrónico abre un campo novo por explorar e desenvolver.  Pero se queres poder traballar cos novos crotais, a maiores hai que mercar un lector que custa uns 700 euros, hainos máis baratos pero non permiten realizar anotacións. A aplicación informática vai ser gratuíta, pero o lector non, hai que mercalo”, explica Rogelio Grille, veterinario de Seragro e socio da gandería Landeira SCG xunto ao seu irmán Carlos e ao seu curmán José Manuel Barbeira.

Un lector que permita facer anotacións custa uns 700 euros

Moitas granxas coma a súa xa teñen programas informáticos para a identificación dos animais e a xestión do rabaño mediante a introdución de datos reprodutivos ou veterinarios. “É unha pena que unha vez que fas o sistema obrigatorio, non poder sacarlle todo o partido, porque o resto é programar”, razoa.

A empresa que ten a concesión para a comercialización do novos crotais é AZASA, unha compañía vinculada a MSD, polo que Rogelio espera que os distintos dispositivos permitan unha certa sincronización co novo crotal electrónico.

“Eu penso que é unha cuestión de tempo e de vontade, e de que lles interese ás empresas avanzar niso. MSD xa o está a facer cos pendentes para mirar celos. Uniform xa capta os datos dos pendentes de MSD, xa teñen sincronización para non ter que duplicar información”, exemplifica.

Compatibilidade con robots de muxido

Landeira SCG, situada en Negreira, dispón de 4 robots de muxido, nos que se fai imprescindible a identificación dos animais. Na actualidade realízase mediante colares, o que permite despois no ordenador asignar permisos de muxido, controlar parámetros de produción e detectar problemas de células somáticas ou condutividade.

Polo tanto, dentro de dous anos, cando as xatas nacidas a partir do 1 de xullo deste 2025 entren en produción tralo proceso de recría, xa disporán dun sistema de identificación individualizado incorporado grazas ao crotal electrónico, que podería facer prescindible, en certa medida, o colar que se lles pon hoxe en día.

Prescindir dos colares e depender só do chip do crotal supón un risco, porque se a vaca o perde o robot non cha deixa muxir

“Nese momento vas ter xa un chip na orella, que é obrigatorio, e que che identifica a esa vaca. O seguinte paso necesario é que sexa compatible co robot de muxido”, pide Rogelio. Sen embargo, non é partidario de eliminar os colares, debido ás súas prestacións, superiores ás do crotal, xa que a maiores da identificación permiten o control da rumia, a monitorización de actividade e a detección de celos.

Tamén, argumenta, polo risco que supón a perda do crotal nun momento dado. “Desde o meu punto de vista, prescindir dos collares ten un pequeno inconvinte, porque se a vaca o perde tes un problema, xa que o robot non cha deixaría muxir”, razoa.

Dixitalización do vacún de carne

PROLESA SAT (Sarria) crotal electronicoAs ganderías leiteiras son a avanzadiña tecnolóxica fronte ao vacún de carne, onde a tendencia de asignar un número aos animais é pouco frecuente aínda, sobre todo nas explotacións de vacas nodrizas en extensivo, onde as cabanas gandeiras son xeralmente máis pequenas e o uso de dispositivos electrónicos de identificación e monitorización está moito menos estendido que no vacún de leite.

Aínda que a posibilidade de contar con dispositivos de xeolocalización do gando cando menos nun 20% do rabaño como unha das opcións válidas, xunto coa dos mastíns, para poder acollerse á axuda para a convivencia co lobo disparou a demanda deste tipo de colares no actual período PAC en granxas en extensivo, a maior parte dos animais seguen carecendo de calquera tipo de identificador dixital e as explotacións de aplicacións que faciliten a xestión informática dos datos produtivos e reprodutivos de cada vaca.  

As ganderías leiteiras son a avanzadiña tecnolóxica fronte ao vacún de carne

Por iso, para moitas ganderías de vacún de carne en extensivo, a obriga de instalar crotais electrónicos nos machos e femias que nazan a partir do vindeiro 1 de xullo supón unha oportunidade para avanzar de xeito paulatino na dixitalización das explotacións, pois a medida que esas xatas vaian pasando a reprodutoras e reemprazando as vacas nodrizas actuais da explotación, os seus titulares diporán dunha ferramenta dixital gratuíta para a xestión do rabaño.

A diferenza das explotacións de vacas nodrizas, traballar con números no canto de con nomes é o habitual nos cebadoiros, aínda que moi poucos dispoñen igualmente de sistemas dixitais de xestión de datos onde realizar as anotacións relativas a cada xato ou xata.

Pero a partir de agora, tanto os animais que lles cheguen de granxas de leite como os procedentes de explotacións de carne de vacas nodrizas virán xa con identificación dixital, que podería ser útil, por exemplo, para sincronizar datos coas básculas de pesaxe ou posteriormente á hora de facilitar a identificación dos animais nos matadoiros.

Rexeitamento das organizacións agrarias, que piden que sexa voluntario

Algunhas organizacións agrarias tanto de ámbito galego, como Fruga, como de ámbito estatal, como Asaja, COAG ou Unión de Uniones, rexeitan que este novo sistema de identificación sexa obrigatorio e pediron xa formalmente ao Goberno español que o crotal electrónico pase a ser voluntario, consideración que ten na maioría de países da UE.  

Alegan que o Ministerio decidiu implantalo “sen que medie unha obriga legal a facelo e sen que derive ningún beneficio adicional para o gandeiro ou para os consumidores”.

Asaja considera, por exemplo, que a trazabilidade da produción “é un asunto que quedou resolto fai máis de 30 anos” e que o novo crotal electrónico suporá “máis trabas, máis burocracia e maiores custos para os gandeiros de vacún en extensivo”.

A imposibilidade de realizar movementos de animais que perdan o crotal electrónico dificulta a xestión do rabaño (Asaja)

Entre outros prexuizos, Asaja argumenta que a imposibilidade de realizar o movemento de animais que perdan o crotal electrónico até a súa substitución “dificulta a xestión e o manexo do rabaño”. Ademais, indica, darase “unha distorsión” no caso dos animais importados de países nos que non será obrigatorio o crotal electrónico.

Obrigar a todo o sector a dar este paso sen unha dixitalización previa da cadea é poñer o carro antes que os bois (COAG)

Tamén COAG considera que “esta esixencia non ten respaldo na normativa comunitaria”. O Regulamento delegado (UE) 2019/2035 da Comisión, do 28 de xuño de 2019, polo que se completa o Regulamento (UE) 2016/429 do Parlamento Europeo e do Consello en relación coas normas sobre os establecementos que teñan animais terrestres, non establece a obriga de implantar este sistema de identificación electrónica no vacún.

Só 5 países europeos optaron por facer obrigatoria a identificación electrónicas dos animais en todo o seu territorio

De feito, segundo o informe da Comisión Europea publicado en agosto de 2023, só cinco países estableceron a identificación electrónica obrigatoria en todo o seu territorio, entre eles España, Dinamarca (que o estableceu xa no ano 2010) ou Austria (obrigatorio desde o 2019). Noutros países, como Alemaña, que posúe a maior cabana bovina da UE, é voluntario.

Ademais, desde COAG defenden que “sen unha dixitalización previa de toda a cadea gandeira, impoñer a identificación electrónica dos animais é precipitado e contraproducente”. Trátase, din, dunha “transición mal planificada, sen consenso e axena á realidade diaria das explotacións”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información