Crónica do III Foro de Agroecoloxía do Sindicato Labrego Galego

Crónica do III Foro de Agroecoloxía do Sindicato Labrego Galego

O Sindicato Labrego Galego, coa colaboración do Concello de Allariz, inaugurou este sábado a terceira edición do Foro Labrego de Agroecoloxía, que se desenvolve ao longo de toda a fin de semana nas instalacións do Fogar dos Maiores, na vila alaricana.

Antes do acto inaugural, ao longo da mañá, houbo unha visita organizada ao Mercado da Reserva da Biosfera, onde o concelleiro de Medio Ambiente de Allariz, Bernardo Varela, explicou a historia desta praza na que se venden alimentos de calidade cultivados e producidos no rural da bisbarra. Este mercado comezou a súa andaina en 2014 e é unha das mellores expresións de que, co apoio decidido das administracións municipais, é posible dinamizar o campo e pór en marcha todo tipo de iniciativas agrogandeiras viables. Así, carne de boi, mel, hortalizas, xabrón de leite de burra, pan, cervexa, embutidos, alimentos elaborados con fariña de castaña, queixo de ovella, lácteos, etc., foron exemplos de producións que os asistentes puideron coñecer de primeira man no mercado.

Xa pola tarde, tras un xantar no Mercado da Reserva da Biosfera con alimentos locais, inaugurouse o programa de actividades. As encargadas de facelo foron a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, e Sonia Vidal Lamas, gandeira de Xunqueira de Ambía que forma parte da Executiva do Sindicato Labrego Galego.

Previamente, houbo unha mística na que varias mulleres abandonaban un sistema industrial de alimentación no que as persoas son meros entes que consumen; para apostar por outro agroecolóxico que trata aos seres humanos de maneira integral e crea redes de relacións e afectos entre os labregos e labregas que producen os alimentos e as persoas que os consumen. Desta maneira, co berro de “Globalicemos a loita, globalicemos a esperanza”, arrincaba o Foro.

Proxectos innovadores en agroecoloxía

Tralas intervencións inaugurais, celebrouse unha palestra na que as persoas asistentes puideron escoitar a testemuña de proxectos innovadores que tiñan como denominador común, precisamente a agroecoloxía: Maskilu, unha conserveira colectiva de Zeberio onde calquera persoa pode levar as súas producións para transformalas en conservas de froitas, hortalizas ou cogomelos (maskilukontserbak.org); a Cooperativa Cume do Avia, que elabora viño ecolóxico no Ribeiro (https://es-la.facebook.com/Cume-do-Avia-259123744186431); a Asociación Noneomesmo, que está a crear unha rede entre labregos e labregas, tendas de alimentación e restaurantes de produtos ecolóxicos que procura a difusión dos valores da agroecoloxía (www.facebook.com/noneomesmo); ou Daqui e darredor, un proxecto colaborativo promovido polo Concello de Brión, a Deputación da Coruña e o GDR Terras de Compostela, que puxo en marcha un matadoiro móbil e unha cociña colaborativa para a transformación de alimentos (

daquidarredor.blogspot.com/

Xa cara a última hora da tarde, Isabel Álvarez Vispo presentou a rede internacional Urgenci, que promove a nivel internacional as comunidades mantedoras da agricultura; e realizouse un obradoiro práctico para ensinar técnicas e chaves para mellorar aspectos dos traballos colectivos.

slg_allariz_3

Xornada do domingo

A programación do domingo iniciouse retomando o fío práctico co que se rematou a xornada anterior cun obradoiro sobre a viabilidade económica dos proxectos agroecolóxicos. O encargado de impartilo foi Jorge Molero Cortés, agricultor ecolóxico, enxeñeiro agrónomo especializado en agroecoloxía e profesor da Universidade de Córdoba. Para lograr que un proxecto agrario sexa viable, máis alá de facer ben o traballo produtivo, é necesario xestionalo correctamente para que sexa sostible dende un punto de vista económico.

No obradoiro de Molero, a través do traballo en grupos, adquiríronse os coñecementos e ferramentas necesarias para saber se a xestión económica de cada proxecto está a ser a correcta, se é preciso cambiar o camiño trazado, ou mesmo pechar o proxecto antes de que sexa demasiado tarde e reiniciar outro nun lugar e cun enfoque distinto.

Proseguiu a mañá cunha exposición sobre o BOND Project (www.bondproject.eu). O BOND (das siglas en inglés “Bringing Organisations & Network Development to higher levels in the Farming sector in Europe) é un proxecto Horizonte 2020 no que participa o Sindicato Labrego Galego xunto a organizacións agrarias de toda Europa, universidades e entidades como a FAO. O seu obxectivo é acadar altos niveis de organización e creación de redes para desenvolver un sector agrícola máis forte, sostible e harmonioso en Europa a longo prazo.

Neste caso, Dora Cabaleiro, da Cooperativa Ribeiregas (Negueira de Muñiz), que representa ao SLG neste proxecto, explicounos as experiencias que coñeceu en senllas viaxes de traballo a Valencia e Gales e analizou, máis polo miúdo, aquelas que poderían aplicarse na Galiza. Posteriormente, realizouse un obradoiro práctico en relación coas liñas de acción do BOND Project, centrado en aspectos como a comercialización, as alianzas, as normativas públicas e a transferencia de coñecementos.

Xa pola tarde, nas instalacións da Fundación Ramón González Ferreiro, os profesores da USC, Emilio Carral Vilariño e Xoán Carlos Carreira, compartiron con nós a experiencia da Rede Revolta de Agroecoloxía (http://revolta.usc.es), composta por oito grupos de investigación das universidades galegas e que procura ser un lugar de encontro e debate ao redor da agroecoloxía e o medio rural galego. Trátase dunha rede de interacción entre diferentes grupos de investigación que traballan ao redor da disciplinas como a ecoloxía, as enxeñerías rurais (agronómica e forestal), a economía agraria, os estudos da cultura, a bioloxía e a historia agraria.

SLG_ALLARIZ_4

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información