A Asociación de Propietarios Forestais A Croa de Camariñas está a levar a cabo dous proxectos para os que conta co apoio da Deputación da Coruña. En concreto, a institución provincial achega un importe total de 24.000 euros.
“Xestión comunitaria das faixas secundarias” céntrase na coordinación dos labores de roza, desbroce e plantación de frondosas arredor do núcleo de Camariñas, coa finalidade de reducir o risco de incendios e crear unha infraestrutura verde comunitaria. A iniciativa aposta por un modelo participativo de gobernanza forestal que implica á veciñanza, ás persoas propietarias (moitas delas residentes fóra do municipio) e ás administracións locais, fomentando a cohesión social e participación das mulleres e a mocidade. A Deputación apoia esta iniciativa con 12.000 euros.
A Croa demostra que o asociacionismo é clave para avanzar cara unha xestión forestal sostible e coordinada
O segundo proxecto, “Xestión activa no minifundio de Camariñas para a prevención de lumes”, ten como obxectivo promover a multifuncionalidade do monte mediante repoboacións forestais, actuacións silvícolas e a diversificación de aproveitamentos como o resinado e a produción micolóxica. Inclúe tamén accións de formación e colaboración con centros educativos, como a EFA Fonteboa de Coristanco, e a elaboración de cartografía e monitorización con dron para mellorar a planificación forestal e a defensa fronte aos incendios.
A deputada de Medio Rural, Cristina Capelán, visitou a Asociación e destacou a súa labor “exemplar, que demostra que o asociacionismo é clave para avanzar cara unha xestión forestal sostible e coordinada, fundamental para previr os incendios e xerar novas oportunidades no rural”. A deputada subliñou tamén “o compromiso da Deputación coa conservación do territorio, o relevo xeracional e a posta en valor do monte como motor de desenvolvemento económico e social”.
Galego









Control OJD