Críticos de ACRUGA reclaman eleccións inmediatas ante o que califican de “bloqueo institucional”

David López García, gandeiro de Ternera Gallega Suprema da Mariña

David López García, gandeiro de Ternera Gallega Suprema da Mariña

Un grupo de gandeiros críticos coa actual dirección da Asociación de Criadores de Rubia Galega (ACRUGA) esixe que se celebren eleccións canto antes para elexir unha nova Xunta de Goberno da entidade.

Os críticos indican que “vivimos unha situación de bloqueo institucional. O mandato da actual directiva superou o prazo estatutario de catro anos e a asemblea xeral acumula exercicios sen que se aproben as contas nin os orzamentos. E para 2026 nin sequera foi convocada dita asemblea”, cuestionan.

David López García, gandeiro socio de ACRUGA, presentou un requerimento formal dirixido á Xunta de Goberno na que esixe a convocatoria inmediata do proceso electoral e da Asemblea Xeral Ordinaria.

López García considera imprescindible convocar as eleccións para preservar a igualdade de oportunidades entre as distintas candidaturas. E cita a Sentencia nº 138/2023 do Xulgado de Primeira Instancia nº 3 de Lugo que estableceu que a Xunta de Goberno non pode aprobar unilateralmente as normas do proceso electoral, ao corresponder esa competencia á Asemblea Xeral.

O sector crítico de ACRUGA afirma que “a recuperación da normalidade democrática esixe abrir un proceso de participación dos socios que permita actualizar os Estatutos, aprobar un marco electoral conforme á sentencia e recuperar o funcionamento ordinario da asociación”.

No requerimento dirixido á actual dirección, concédese un prazo de quince días para convocar a Asemblea Xeral e abrir o proceso electoral. De non atenderse as solicitudes, os críticos valoran emprender accións legais que “poidan resultar procedentes para garantir o cumprimento dos Estatutos e a defensa dos dereitos dos socios.”

Para López García, é necesario abordar, unha revisión do Plan Estratéxico, actualizar os Estatutos e definir os novos piares da xestión técnica da asociación para afrontar os retos do sector. Así, propón fortalecer o programa de mellora xenética da raza, a modernización dos servizos técnicos, a dixitalización, o apoio ás granxas, a promoción da raza, o relevo xeracional e unha maior participación dos socios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información