Críticas do Sindicato Labrego á xestión da couza guatemalteca da pataca

A organización agraria pide que se publiquen os resultados das capturas da praga nos concellos da Mariña lucense, pois considera que existe opacidade no mantemento do peche da maioría de municipios

Publicidade
Críticas do Sindicato Labrego á xestión da couza guatemalteca da pataca

Colleita de patacas. / Arquivo.

Trala decisión da Xunta de levantar a prohibición de plantar pataca nun total de 9 concellos que en anos anteriores estiveran afectados pola couza guatemalteca, o Sindicato Labrego emitiu un comunicado para demandar máis transparencia da Administración galega. Advirte a organización agraria de que todo o procedemento de peches e aperturas de concellos pola praga faise sen explicación dos datos que motivan esas decisións, polo que solicita maior claridade.

O Sindicato Labrego empraza á Xunta a facer públicos os datos de capturas de exemplares de couza guatemalteca por municipio e suxire que nos casos onde sexa posible, se vaia a prohibicións de sementeira por parroquias, en lugar de por concellos enteiros.

Desde a delegación do Sindicato Labrego na Mariña lucense tamén cuestionan que non exista información da Xunta directamente ás organizacións do agro nin ós produtores que viven da pataca, “que deberían ter unha información puntual por parte da Administración”, valoran.

Por outra banda, a organización entende que o anuncio do levantamento do peche coñeceuse en datas excesivamente tardías, a finais de novembro, “nunha época na que a semente estaba xa sendo encargada, xerando consultas e chamadas urxentes ás que non podemos dar resposta desde as organizacións agrarias nin desde as oficinas agrarias comarcais, pois só se coñecen os datos publicados pola prensa”, conclúen.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información