Críticas do Sindicato Labrego pola falta de solucións ós plans de mellora denegados no 2024

A organización agraria cuestiona tamén a supresión da axuda de incorporación para persoas maiores de 40 anos

Críticas do Sindicato Labrego pola falta de solucións ós plans de mellora denegados no 2024

Obras nunha gandería por un plan de mellora. / Arquivo.

A convocatoria dos plans de mellora 2025 inclúe unha serie de disposicións que prexudican ó sector, segundo entende o Sindicato Labrego. “En primeiro lugar, moi poucas granxas van poder pedir os plans de mellora, porque para poder pedilo precísase ter aprobado un expediente de incorporación o ano pasado ou este ano solicitar unha incorporación. É dicir, unha granxa que non teña persoas mozas incorporadas o ano pasado ou este, non pode pedir plan de mellora”, cuestionan.

Como exemplo, poñen o caso tipo dunha granxa cunha persoa de 37 anos ó fronte e que leve 10 anos incorporado. “Se precisa apoio para mellorar a granxa, non terá apoios, pois non ten a quen incorporar”, valora Brais Álvarez, responsable de Mocidade no Sindicato Labrego.

A organización cuestiona que non haxa solucións para os 434 expedientes de plans de mellora que se denegaron o ano pasado, fronte aos 180 aprobados. “Se non se cubren as necesidades dos profesionais que están no sector, como pretendemos incorporar máis persoas novas?”, cuestionan.

Outros elementos que critica o Sindicato Labrego é o da desaparición da liña para incorporacións de persoas maiores de 40 anos. “Había unha ilusión no sector, moita xente que por circunstancias da vida non se puido incorporar antes pero que agora si que tiña as condicións e viu nesta axuda unha oportunidade, que agora desaparece”, lamentan.

Do mesmo xeito, na convocatoria 2025 desaparece a liña de mitigación do cambio climático, que o ano pasado contou con fondos específicos para cuestións como cisternas ou foxos de xurro. “Este ano inclúense na mesma liña dos plans de mellora, co cal as solicitudes aprobadas poden verse reducidas”, critican.

Agravios comparativos

O Sindicato Labrego considera que Medio Rural está creando agravios comparativos entre granxas: “Hai un desánimo xeral entre a xente que ten entre 35 e 45 anos, xente que lle queda media vida no sector, porque non pode facer as melloras que necesita. Esa granxa que está competindo en desigualdade agora tampouco pode pedir un plan de mellora ao ano seguinte, é dicir, que se está perpetuando esa desigualdade entre granxas”, conclúen.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información