“As críticas do movemento animalista son froito da cada vez maior desconexión da sociedade coa natureza e o mundo rural”

Entrevista a Gonzalo Fernández Rodríguez, recentemente elixido novo decano da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC. Confía en que “a Granxa Experimental de Vacún de Leite estea a pleno funcionamento no segundo semestre deste curso

“As críticas do movemento animalista son froito da cada vez maior desconexión da sociedade coa natureza e o mundo rural”

Gonzalo Fernández Rodríguez, recentemente elixido novo decano da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC

O profesor da área de Sanidade Animal da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Gonzalo Fernández Rodríguez vén de ser elixido como decano da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, cargo no que sucede a Germán Santamarina Pernas. A candidatura de consenso liderada por Fernández Rodríguez obtivo o respaldo do 90,6% dos votos emitidos.

A mellora da docencia impartida tanto ao alumnado do grao en Veterinaria como do máster en Xenómica e Xenética e o reforzo da estratexia de formación permanente no centro (profesorado, estudantes, egresados e PAS) constitúe un dos piares sobre os que se asenta o proxecto de goberno presentado por Rodríguez Fernández, quen tamén asume como compromisos a progresiva implantación e desenvolvemento do sistema interno de garantía de calidade e o deseño dun novo plan estratéxico que, entre outros cometidos, contribúa a incrementar a visibilidade e o prestixio social da Facultade de Veterinaria da USC.

-A túa candidatura ao decanato da Facultade de Veterinaria ven de resultar gañadora co 90% de apoios. Como asumes esta nova responsabilidade?
Sobre todo con ilusión e sabendo que a comunidade desta Facultade entendeu e apoia o proxecto que este equipo decanal quere levar a cabo.

-Cal é a radiografía actual da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC?
Temos un profesorado moi comprometido coa súa docencia e un persoal de apoio con gran capacidade de servizo. Un dos problemas, sobre todo pensando nun futuro próximo e que é común a toda a universidade, é a necesidade de recambio xeracional, debido a limitación de contratación de profesorado nos momentos de crise económica. A demanda de formación no grado de Veterinaria é alta. O perfil do alumnado cambiou moito nestes anos, aumentando o alumnos/as con inquietudes cara a animais de compañía. Unha das informacións que queremos conseguir co tempo é coñecer máIs axeitadamente o tipo de inserción laboral de nosos egresados.
Pensamos que o nivel de empregabilidade é alto, aínda que en algúns campos como os de animais de compañía está un pouco saturado, o que leva a peores condicións laborais. Tamén aumentou nos últimos anos o alumnado que encontra oportunidades laborais noutros países onde a demanda de veterinarios é máis alta.

“O nivel de empregabilidade en Veterinaria é alto”

-Cales son os principais retos ou obxectivos que te marcas para o teu mandato?
Son varios. Por un lado seguir engraxando o sistema docente no sentido de que sexa capaz de responder de forma axeitada ás demandas da sociedade sobre os futuros veterinarios. Ademais, aproveitar más eficazmente a oportunidade que temos como facultade de estar en Galicia, onde a produción primaria e industria agroalimentaria ten tanta importancia. Tamén, dar a coñecer ao sector produtivo gandeiro e a toda a sociedade a importante labor que se está a desenvolver nesta Facultade en investigación e docencia.

-O sector agro gandeiro galego cambiou moito nos últimos anos, con cada vez menos explotacións e máis profesionalizadas. Como está afectando isto ao colectivo veterinario e as oportunidades de atopar traballo para o alumnado que finaliza a carreira?
Esta evolución da produción gandeira fai que tamén sexan necesarios veterinarios máis especializados para dar resposta a novos problemas e retos que se plantexan. A profesionalización das granxas tamén ten sido acompañada dunha maior especialización dos veterinarios. Campos como a gandería ecolóxica ou produción diferenciada, son exemplos onde a veterinaria ten que dar respostas a un sector que ten que ser competitivo e sostible.

-Hai unha precarización das condicións laborais da profesión de veterinario de gando en Galicia? A que se debe?
A precarización das condicións laborais non é soamente un problema dos veterinarios de gando. No caso de vacún depende tamén das condicións socioeconómicas dun sector con crise como as do prezo do leite. Sen embargo, nas dúas últimas décadas tamén se produciron cambios nas condicións de traballo, como a formación de equipos veterinarios que permite unha maior conciliación familiar e especialización.

-Que outras especialidades están a ter máis inserción laboral?
En produción como porcino, aves e coellos os retos sanitarios, a redución de uso de antibióticos, a bioseguridade son campos onde existe demanda de veterinarios. Pero son moitos os campos onde os veterinarios realizan a súa labor: a seguridade alimentaria, o control de zoonoses, a hixiene dos alimentos, na policía sanitaria veterinaria, na investigación, etc.

-Que suporá para a Facultade a entrada en funcionamento da Granxa Experimental de Vacún de Leite? Para cando a alumnado poderá facer prácticas alí?
Vai a ser una ferramenta moi útil para mellorar a nosa docencia. A Deputación de Lugo contou dende o principio coa Universidade de Santiago de Compostela, de xeito que o proxecto foi deseñado cunha vocación docente, o que se reflexa nas propias instalacións que nos van permitir facer prácticas dun xeito máis axeitado. Esperamos que estea en pleno funcionamento no segundo semestre deste curso, aínda que pode que algunhas prácticas xa podan realizarse antes.

 “Esperamos que a Granxa Experimental de Vacún de Leite estea a pleno funcionamento no segundo semestre deste curso”

-A Comisión Europea ten en marcha unha estratexia para reducir o uso de antibióticos en gandería. ¿Como está a afectar isto á profesión de veterinario?
Temos que seguir traballando en cuestións referidas á prevención que son a base principal da diminución do uso de antibióticos. A prohibición de uso de antibióticos en quimioprofilaxe afectará máis a algunhas especies que a outras. Pero para as especies máis afectadas por esta medida están a desenvolverse programas voluntarios que están a ter un importante éxito neste sentido.

 “A prevención é a base para reducir o uso de antibióticos en gandería”

As limitacións de usos dalgúns antibióticos tamén vai esixir unha maior utilización de laboratorios tanto para o diagnóstico etiolóxico como para a realización de antibiogramas. Neste xeito, por exemplo en vacún de leite, as actividades que leva anos facendo o LIGAL no seu laboratorio e na elaboración de documentos como a guía terapéutica de mamites son pioneiras a nivel nacional e internacional e son exemplos dos pasos a seguir para ir polo bo camiño.

-Como está afectando ao funcionamento da Facultade a pandemia da Covid-19?
O maior cambio produciuse co confinamento que pasamos antes do verán. O profesorado e alumnado mostraron, aínda así, unha gran capacidade de adaptación buscando alternativas docentes non presenciais. Agora, a presencialidade é a nosa primeira opción. Todas as prácticas son presenciais e a teoría realízase desta forma en dous cursos, pero no segundo semestre esperamos que sexa toda presencial. Para iso establecéronse diferentes medidas de bioseguridade que xunto co compromiso demostrado por alumnos/as e profesores/as permite asegurar que a asistencia a actividades docentes podamos considerala de baixo risco.

 “Na loita contra o coronavirus é clave facer unha vixilancia activa de grupos de poboación de risco”

-Os veterinarios están afeitos a loitar contra a propagación de coronavirus no gando. Que leccións se poden tirar para tamén controlar a Covid19 e porqué non están a ser efectivas as medidas que se están a tomar para controlar a expansión da pandemia?O principal cando se está a traballar neste tipo de enfermidades onde existen individuos sen síntomas que poden ser fonte de infección é considerar que unha parte importante do problema non é visible. Polo tanto, non se pode traballar unicamente desde un punto de vista clínico, senón tamén utilizando a análise de riscos como unha ferramenta fundamental.

En veterinaria estamos afeitos a traballar deste xeito á hora de establecer as medidas de control dunha infección nunha poboación. Para iso é fundamental establecer programas de vixilancia activa efectivos que inclúan non soamente aos individuos con contacto con enfermos, senón tamén grupos de poboación que deben ser definidos por unha análise de risco axeitada. Ademais debe ser organizada de forma que facilite a información necesaria para poder facer un proceso constante de avaliación das medidas establecidas. Os confinamentos son o froito do fracaso da aplicación axeitada das medidas de vixilancia activa e de inseguridade.

 “As críticas do movemento animalista son froito da cada vez maior desconexión da sociedade coa natureza e o mundo rural”

-O movemento animalista ten posto nalgunha ocasión na súa diana a realización de prácticas con animais nas Facultades de Veterinaria. Como valora estas campañas e como cre que lle está afectando ou afectará á profesión de veterinario?
Os veterinarios somos os primeiros garantes do benestar animal e desde fai anos existe unha lexislación a nivel comunitario moi esixente en relación ao benestar dos animais. Descoñezo como se pode formar en medicina veterinaria sen contacto con animais. Ademais, nas facultades de veterinaria, as actividades docentes que se realizan refírense a prácticas agropecuarias e clínicas non experimentais; que son de uso cotián na actividade dun veterinario. A veces o que hai é descoñecemento e as críticas son froito da cada vez maior desconexión da sociedade coa natureza e o mundo rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información