Críticas de técnicos e asesores gandeiros á falta de orzamento para produción ecolóxica

A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes considera a falta de fondos un “ataque frontal” a unha das principais prioridades da PAC e a Asociación de Asesores Rurais acusa á Xunta de enganar prometendo unhas axudas agora insuficientes

vacas ecoloxico Traloagro2Segue o malestar no sector agrogandeiro vinculado á produción ecolóxica coa decisión da Consellería do Medio Rural de non incrementar a partida orzamentada para as axudas agroambientais deste ano destinadas ao fomento da produción ecolóxica dentro do segundo pilar da PAC. 

Ás protestas dos sindicatos agrarios sumanse esta semana as queixas dos técnicos que asesoran aos gandeiros e de entidades que fomentan a extensificación das producións. A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes vén de remitir cartas á Xunta de Galicia, ao Ministerio de Agricultura e á Comisión Europea para denunciar o “ataque frontal a unha das principais prioridades da PAC” que supón a falta de orzamento para agricultura ecolóxica neste ano 2022 e pedir a ampliación das partidas.

Desde a SGPF consideran “grave” que “máis do 50% das solicitudes de axudas á gandería ecolóxica non vaian ser aprobadas nesta campaña”. “A causa dos criterios de priorización fixados pola Consellería, boa parte dos novos inscritos no 2021 así como importantes ganderías que levan máis de 10 ou 15 anos certificadas quedarán fóra das axudas”, asegura a nova presidenta da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, Isabelle Gómez.

As cartas van dirixidas ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda; ao ministro de Agricultura, Luis Planas, e ao Comisario europeo, Janusz Wojciechowski

Na súa carta ás institucións públicas, desde a SGPF explican que as axudas anuais que reciben os agricultores e gandeiros certificados polo CRAEGA débense “aos incrementos de custos que implica a produción ecolóxica e a menor rendibilidade desta fronte ás explotacións convencionais”.

Sen convocarse desde o ano 2016

“Nos anos 2015 e 2016 puidéronse solicitar estas axudas para un período de 5 anos, rematando no 2019 e 2020 respectivamente, sendo prorrogadas nos anos 2020 e 2021. Soamente aquelas explotacións que entraron antes do 2016 na certificación ecolóxica puideron solicitar estas axudas, quedando fóra as que mudaron o seu xeito de produción nos anos 2017, 2018, 2019 e 2020. Isto supuxo unha acumulación de explotacións sen axudas por falta de novas convocatorias”, detallan.

Estívose fomentando a conversión das explotacións e a superficie certificada polo CRAEGA aumentou en máis de 10.000 ha en só 2 anos

“No ano 2021 a Consellería do Medio Rural, a través do FOGGA, anunciou unha nova convocatoria de axudas no 2022 e desde a AGACAL realizáronse charlas formativas por todo o territorio galego coa finalidade de fomentar as novas incorporacións á gandería ecolóxica e informar dos trámites que se debían realizar antes do 31/12/2021 para poder solicitar a axuda no 2022”, lembra a SGPF.

Froito da falta de convocatorias en anos anteriores e do fomento de novas incorporacións, no 2021 xerouse unha grande expectativa no sector e moitos agricultores e gandeiros decidiron certificar a súa produción á espera da nova convocatoria.

O orzamento necesario para cubrir todas as solicitudes sería 5 millóns de euros, pero a Xunta só puxo 3

“A Consellería do Medio Rural, aínda sabendo que a superficie solicitada ía incrementarse en máis de 12.000 hectáreas, o que implicaría un aumento do orzamento necesario en máis de 3 millóns de euros, incrementou o orzamento respecto da convocatoria de 2015 unicamente nun millón de euros”, critica Isabelle.

“Todas as explotacións solicitantes deberon cumprir ao longo de 2022 as esixencias da axuda, entre elas facer a transición á gandería ecolóxica, cos seus custes de implantación e mantemento, e pagar os servizos de asesoramento necesarios”, indica, polo que solicita “que se incremente o orzamento da actual convocatoria 2022 para que todas aquelas explotacións que cumpran os criterios poidan ter as axudas”.

“Sentimos que a Administración non está cumprindo co que ata agora estivo promovendo”

Tamén a Asociación de Asesores Rurais de Galicia mostra a súa “preocupación” pola actual situación das axudas a explotacións en ecolóxico. “Todo facía prever un apoio total da Consellería do Medio Rural á agricultura e gandería ecolóxica e os gandeiros responderon. Moitos dos nosos socios séntense desilusionados e desamparados despois de volcarse en informar e animar aos nosos clientes para que deran o paso. A falta das axudas prometidas poden xerar problemas de falta de confianza nos asesores”, asegura a presidenta da asociación, Elena Piñeiro.

“A transformación de convencional a ecolóxico supón un grande esforzo persoal e económico para os produtores, que teñen que realizar investimentos nas súas explotacións e pagar as taxas de certificación e o asesoramento específico”, asegura.

Estas axudas deberían ser o motor para afianzar o paso progresivo cara a unha gandería máis sostible en Galicia

Desde a Asociación de Asesores Rurais piden á Xunta que incremente o orzamento para que poidan ser aprobados todos os expedientes que cumpren os requisitos e que a Consellería deixe claro cales van ser os fondos planificados para o novo período da PAC 2023-2027.

“O orzamento previsto para esta liña de axudas en 2022 foi de 3.180.000 euros, polo que o desfase entre o solicitado e o presupostado é de máis de 2 millóns de euros”, calcula a asociación.

“Os técnicos temos que ter información veraz de se realmente vai haber fondos suficientes para impulsar a agricultura ecolóxica en Galicia para poder así dar un asesoramento de calidade e real”, conclúe Elena.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información