Critican que a nova norma de etiquetaxe do mel non cumpre as demandas dos apicultores

Critican que a nova norma de etiquetaxe do mel non cumpre as demandas dos apicultores

A pasada semana o Goberno anunciaba a aprobación en Consello de Ministros do novo decreto de etiquetaxe do mel, unha norma que obrigará a algo tan básico como que na etiquetaxe do mel se indique o país ou países de procedencia, un cambio que permite a lexislación da Unión Europea e que xa aplicaron estados como Francia ou Italia.

Porén, a información que transcendeu da norma aprobada en Consello de Ministros non cumpre coas demandas dos apicultores e asociacións de consumidores, xa que non se obriga a indicar a porcentaxe de mel que procede de cada país, así como se este foi sometido a pasteurización.

Neste sentido, distintas organizacións esixiron ao Goberno que cambie a norma antes de publicala no Boletín Oficial do Estado e que non ceda aos intereses das industrias envasadoras e ás presións de países como China, principal exportador de mel e sucedáneos á Unión Europea.

Así, desde a Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG), o seu responsable do sector apícola, Pedro Loscertales lamenta que “o Ministerio de Agricultura deixou ao consumidor co mel nos beizos. Que non se inclúan porcentaxes de cada país nos casos que haxa mesturas suporá que, un mel cunha porcentaxe de mestura do 1% colleitado en España e do 99% producido en China, teña a mesma lenda na etiquetaxe que outro cun 49% de mel español e 51% chinés, cando son produtos substancialmente diferentes”.

Os apicultore tamén reclaman que se indique se o mel foi sometido a tratamentos de quecemento por riba de 45°C ou microfiltrados que eliminen o pole intrínseco do mel.

Os produtores e as organizacións agrarias xa sinalaron que seguirán reivindicando como o levan facendo hai máis de 15 anos para que a etiquetaxe do mel recolla a realidade do produto e non “se engane aos consumidores”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información