Critican que Medio Rural aprace as axudas á produción de carne

Unións Agrarias reprocha a cancelación desta liña de achegas. Pide que se manteñan polo valor social e ambiental destas ganderías. Insta a cambiar o modelo para asignación da subvención e que se inclúan na PAC

Critican que Medio Rural aprace as axudas á produción de carne

Unións Agrarias condena que Medio Rural aprace sine die a convocatoria de axudas para o vacún de carne da IXP Ternera Gallega, tal e como informou no Parlamento de Galicia na última Comisión de Agricultura o director xeral de Gandería da Consellería de Medio Rural, José Balseiros.

A organización apunta que esta decisión supón un claro desprezo a un sector estratéxico para o rural galego que nestes momentos enfronta serios retos no que a adaptación a novos requirimentos e relevo xeracional se refire. “É un desprezo ao sector produtor de carne de vacún que non pode tolerarse, posto que foron unhas achegas creadas hai un ano para facer fronte á suba de custos e á difícil situación económica que atravesaba o sector e que o propio presidente Rueda se tiña comprometido a manter por dous anos”, valoran dende Unións.

A organización agraria reprocha que a Xunta dea marcha atrás e retire este apoio a un sector en reconversión, lastrado pola alta media de idade dos titulares de explotacións e que neste momento debe realizar investimentos para cumprir cos novos requerimentos de benestar animal, ou cos retos que marcan as últimas modificacións sobre acabado de animais realizadas no prego de condicións de Ternera Gallega.

Dende Unións Agrarias instan á Xunta a rectificar e a manter un apoio esencial para o sector, xa que alén de criterios económicos deben valorar o papel social e ambiental que desempeña. Así, a organización entende que o apoio a este modelo de produción debe manterse e garantirse neste e en anos sucesivos.

Cambio de modelo e incluilas na PAC

A organización agraria fai un chamamento para que a Xunta habilite os mecanismos precisos para que no futuro as axudas á gandería de carne de vacún se integren na PAC. Ademais pide que se busque xa unha fórmula para que no actual exercicio poidan chegar á totalidade do sector.

Por outra banda, tamén lembra os problemas que o ano pasado supuxo que as achegas estean ligadas ós tenreiros comercializados dentro da IXP Ternera Gallega, un modelo que a organización agrogandeira criticou dende o comezo e que supuxo importantes desaxustes e levou á saturación do mercado. Así, como xa fixera daquela UUAA, volve instar á administración autonómica a mudar uns criterios de concesión que xa o ano pasado deixaron fóra a unha importante parte do sector.

Unións Agrarias fai un chamamento para que os esforzos que xa se realizaron no pasado coa creación da Estratexia de Dinamización do Sector Cárnico non caian en saco roto e se traduzan en medidas e accións promocionais que aporten estabilidade e garantan o relevo xeracional nun sector imprescindible para as áreas máis castigadas do rural galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información