Critican que 5 grandes adegas acaparan o 43% das axudas á reestruturación do viñedo en Galicia

Publicidade
Critican que 5 grandes adegas acaparan o 43% das axudas á reestruturación do viñedo en Galicia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba a resolución das axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia o pasado 15 de xaneiro. Tras unha primeira análise, dende o Sindicato Labrego Galego advirten de que “do mesmo xeito que na pasada convocatoria destas subvencións, son as grandes adegas as grandes beneficiadas en detrimento das pequenas e dos viticultores e viticultoras”

Desta vez, tocaba repartir unha partida de 668.893 € entre as 59 persoas beneficiarias que superaron os requisitos esixidos. “Deses cartos, 46.242 € foron caer de novo na adega rioxana Ramón Bilbao, propietario da adega Mar de Frades, en Rías Baixas. Nas axudas da convocatoria pasada xa levara 156.710 €, acaparando o 21% do orzamento destinado a esa fin en 2017-, que este ano acadou o terceiro posto no podio das subvencións máis grandes. Entre as axudas á reestruturación de 2017 e 2018, Ramón Bilbao suma 202.952 €”, explican dende o SLG.

Seguiulle, no cuarto posto, con 44.858 €, a empresa Agrogalir, propiedade tamén das adegas rioxanas CVNE que mercaron en 2017 Virxe de Galir, da DO Valdeorras. Con importes máis humildes, tamén recibirán subvención de Medio Rural González Byass (Xérez, Cádiz), con 8.983 €, e Envinate SL (Albacete), con 5.069 €. “Todas estas empresas de fóra de Galiza quedaron con case o 16% do orzamento”, advirten dende a organización agraria.

Ademais, dende o Sindicato Labrego lembran que nos primeiros cinco postos absolutos, en primeiro lugar sitúase Lagar de Fornelos (Rías Baixas), con 105.179 €; en segundo, Terras Gauda (51.159 €, despois dunha axuda o ano pasado de 61.907 €); e tras Ramón Bilbao e CVNE, repite tamén no podio Adegas Campante no quinto posto, con 38.320 € (en 2017, levou 27.451). En total, os cinco primeiros beneficiarios das axudas á reestruturación do sector vinícola na Galiza de 2018 suman 285.758 €, que supoñen case o 43% do orzamento destinado a estas axudas.

“As regras do xogo de Medio Rural favorecen a concentración en poucas mans e o abandono”

Dende o Sindicato Labrego Galego consideran unha vez máis que “este reparto de fondos públicos é inxusto, pois se está a utilizar para concentrar cada vez máis a produción vitícola en menos mans, favorecéndose o crecemento das adegas máis grandes que, de seguir así, terán cada vez un maior dominio sobre a produción, os prezos da uva, o mercado e o sector”.

“Pola contra, as regras do xogo que impón Medio Rural condenan os proxectos de menor dimensión a ficar marxinados. E unha boa proba son as bases destas subvencións, moi difíciles de cumprir e custear para as pequenas adegas e os viticultores e viticultoras””, advirten.

“Por exemplo, a Consellaría de Medio Rural obrígache a encargar os traballos de nova plantación de viñedo, con independencia da superficie da que se trate, a unha empresa, co cal a cativa subvención á que podes aspirar, cobre unha parte ridícula dos gastos. As grandes adegas, pola contra, con persoal técnico en nómina e grandes sumas de capital para investir, téñeno moito máis doado”, explica Bernardo Estévez Villar, responsable do sector do viño no SLG.

“Con estas regras do xogo, o abandono no sector vitícola seguirá in crescendo, como até agora, e as grandes empresas do sector acaparando terras e mercados en detrimento dun medio rural vivo con familias traballando e vivindo da terra e na terra”, advirte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información