O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas solicita resposta por escrito a Consellería do Medio Rural a cuestións relacionadas coas solicitudes de poda en verde para a Ribeira Sacra que virán reguladas segundo as bases recollidas no DOGA do 9 de abril. Concretamente, sinala o SLG, queren saber “o importe que estaba previsto pagar por hectárea, cales ían ser os termos exactos da convocatoria e cal o procedemento para xustificar o acceso á mesma.“, algo imprescindible a xuizo do sindicato para que os donos de viñedos poidan tomar unha decisión.
Nun comunicado, o SLG asegura que “Estes datos xa obraban previamente en poder da Consellería, dado que se requiría o seu envío ao Ministerio de Agricultura para a propia solicitude por parte de Galiza da colleita en verde, pero nunca obtivemos resposta.”
No comunicado tamén se fala de “indignación” pola actitude da Consellería na xestión da crise de excedentes na Ribeira Sacra e din sentir “unha fonda tristeza ao confirmar que no caso da Ribeira Sacra as actuacións propostas están feitas ás presas, sen entaboar comunicación co sector e, en definitiva, sen adaptarse á realidade.”
O SLG presaxia que “vai ser outro ano máis perdido para o viñedo da zona e, polo tanto, para as persoas viticultoras que veñen de ter que afrontar as perdas derivadas da imposibilidade de vender -ou vender a prezos de miseria- a colleita do 2024.“
Critícanse tamén os prazos do proceso. “A convocatoria publicouse o 9 e o prazo remata o 25 de abril, cos días inhábiles da Semana Santa polo medio, e sen ningunha información previa ás produtoras nin ás entidades que imos xestionar as solicitudes”. Unha demora na publicación que consideran inxustificable, pois “sabíase dende hai meses que ía ter lugar” e hai outras comunidades autónomas do Estado que levan varios anos tramitando a colleita en verde coas que se podería ter consultado. Non entendemos por que se atrasou tanto no caso galego.
O SLG enumerou os principais puntos da súa protesta:
1. Para acceder ás axudas da colleita en verde establécese que a parcela de viñedo terá unicamente variedades de uva tinta. Sen embargo, non temos os datos de cantas parcelas teñen só variedades de uva tinta, e en moitos casos hai presenza residual de brancas -ou non tan residual.
2. Tamén é preciso dispoñer da declaración da colleita da campaña vitícola. Pero se no ano 2024 houbo viticultores e viticultoras que malvenderon a uva a particulares ou quedou sen vendimar, descoñecemos que declaración de colleita van aportar.
3. A Orde establece que os datos para o cálculo da compensación pola perda de ingresos vanse extraer do “rendemento medio da parcela obxecto da axuda, considerando para o seu cálculo a media aritmética das tres derradeiras campañas vitícolas”. Descoñecemos de onde pensa sacar a Consellaría o rendemento medio da parcela, e no caso de que sexan consideradas as dúas últimas campañas, nas que xa houbo problemas de recollida de uvas por parte das adegas, resulta obvio que os importes a conceder non van aportar un apoio acorde cos impactos económicos que sufriu o sector produtor, polo que dificilmente será unha medida que implique un reforzo tal que permita sobrevivir á denominada viticultura heroica nos termos nos que a coñecemos actualmente.
O SLG ten previsto desenvolver nos vindeiros días unha campaña informativa que incluirá as redes sociais entre os viticultores e adegueiros que teñan interese na poda en verde para dar a coñecer a actual situación e requisitos das axudas. Tamén instan a “Xunta de Galicia a abandonar a súa negativa a manter unha interlocución co sector e condenamos a súa irresponsabilidade. Solicitamos, unha vez máis, a convocatoria dunha Mesa do Viño con representación dos axentes do sector, onde podamos elaborar un plan integral de actuación para o sector vitivinícola galego que aborde as necesidades máis inminentes pero tamén actuacións a longo prazo que permitan verdadeiramente protexer a esta Denominación de Orixe.”