Critican os atrancos da administración ás granxas que apostan por modelos alternativos

Critican os atrancos da administración ás granxas que apostan por modelos alternativos

Palestra no Festival Son Labreg@

A aldea de Garabelos, no concello de Chantada, foi este sábado o escenario da segunda edición do Festival Son Labreg@, que comezou xa de mañá cunha palestra na que participaron mozos e mozas que están a desenvolver interesantes proxectos gandeiros en clave agroecolóxica.

Así, Ana Corredoira (Lácteos A Cernada, Palas de Rei), Alberto Santín (gandeiro de ovino e caprino, Samos), Xosé García (Casa da Fonte, lácteos, Pantón) ou Mónica Llenderrozos (gandeira de Oscos, Asturies) foron as persoas encargadas de iniciar un rico diálogo no que participou o público asistente. Nesta conversa, un dos principais denominadores comúns foi a enorme cantidade de atrancos legais e a burocracia, moitas veces insuperable á que teñen que facer fronte dende o primeiro momento.

“A falta de conexión da Administración coa realidade ou o apoio interesado que se lle dá a un modelo agrícola produtivista e en clave industrial, fai que as granxas familiares de pequeno e mediano tamaño, ou aquelas que apostan por modelos alternativos, como as agroecolóxicas, queden sempre marxinadas e cun sistema legal e administrativo que vai contra elas e as súas realidades”, sinalan dende a organización do Festival Son Labreg@.

Reclaman á Administración que apoie os proxectos a pequena escala de produción no rural

Neste sentido, demandaron que as diversas administracións, tanto Consellaría de Medio Rural como Ministerio de Agricultura, deberían facer moito máis por este tipo de proxectos aprobando leis e normas que favorecesen este tipo de producións a pequena escala que apostan por transformar e comercializar os seus propios produtos.

Sen embargo, os gandeiros e gandeiras participantes afirmaron que se conforman “con que non nos amolen. Xa que non nolas queren dar, que non nos dean axudas pero, polo menos, que non nos poñan continuamente atrancos”.

Tras unha sesión vermú na que Anxo Moure actuou para a rapazada, e despois do xantar, as palestras continuaron centrando a ollada na cultura que se está a desenvolver no rural.

Participaron, desta vez, Antón Bocixa (cineasta, xestor da produtora audiovisual Tingalaranga e cantante do grupo Zënzar), Anxo Moure (Cinema Palleiriso e Asociación Cultural Papaventos de Educación Ambiental), Lola Tourón (Cestería Viva) e Rural CE.

Unha vez remata debates, a programación estivo máis centrada no lecer, con obradoiros de cestería e de regueifas, un torneo de billarda, ou a realización dun túnel de cata de viños no que participaron tres adegas da Ribeira Sacra.

Ademais, durante toda a xornada houbo diversos postos de venda no entorno do Cinema Palleiriso nos que se podía mercar queixos, mel, produtos do comercio xusto, libros, cosmética natural, xoguetes ou pezas artesás de roupa, ourivaría, cestería e encadernación. Xa para a noite, a partir das 23:00 horas, chegaron os concertos da man das Punkdereteiras (Chantada), Liviao de Marrao (Chantada), Quinta Xusta (Melide) e DJ Peter.

mocidade_labrega_son_18_2

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información