Unións Agrarias considera escasas as axudas destinadas pola Consellería de Medio Ambiente para enfrontar danos no agro pola fauna salvaxe. En total, a organización sinala que a Consellería destina 2,6 millóns de euros para cubrir tanto danos (2 millóns de euros) como medidas de prevención, “o que representa un 12% menos que o pasado ano”.
“É unha partida escasa que non significa máis que un parche a unha situación que está totalmente desmandada”, valora Unións. A organización agraria considera prioritario afrontar o control das poboacións de xabarín e lobo, pois entende que os danos evidencian o progresivo aumento das mesmas.
Tamén advirte Unións da conveniencia de ter controladas as poboacións de xabarín para o caso de que chegue a peste porcina africana a España. Para o seu control, Unións subliña a importancia da caza e chama a non limitar o esforzo de caza debido a un menor número de días hábiles, “pois poderíase dar lugar a situacións insostibles en moitas comarcas”.
Outra cuestión que se critica desde o sector é o atraso no pago das axudas, xa que hai gandeiros con danos por fauna salvaxe denunciados no 2019 que aínda non percibiron as correspondentes indemnizacións.