Critican a suba do IBI para os bens rústicos no concello da Pastoriza

Critican a suba do IBI para os bens rústicos no concello da Pastoriza

Explotación gandeira no concello da Pastoriza

O Sindicato Labrego Galego (Slg) denuncia o que considera unha “excesiva suba” do Imposto de Bens Inmobles (Ibi) para os bens rústicos no concello da Pastoriza.

En concreto, dentro do proceso de regularización catastral o goberno local deste municipio lucense eminentemente gandeiro optou inicialmente por aplicar o gravame máximo que permite a lei: un 0’9% para os bens rústicos. “Dende o Sindicato Labrego Galego denunciamos o que nos parecía unha fiscalidade excesiva e, no pleno do pasado 17 de setembro, o equipo de goberno aprobaba un gravame para o IBI de rústica máis baixo que o decidido nun principio -o 0’6%- pero que a nós segue a parecernos excesivo”, aseguran dende a organización agraria.

Por todo isto, e aproveitando que a ordenanza fiscal que regula o IBI na Pastoriza aínda se atopa en fase de alegacións, dende o Slg demandan ao goberno municipal que aplique a suba mínima que permite a lei, do 0’3%. Dende o Concello argumentan que, desta maneira, “o tipo quedaría homoxeneizado co fixado para os bens urbanos”. Para o Sindicato Labrego “isto é un despropósito, habida conta que a propia lei dá a entender, a través dos tipos máximos e mínimos que fixa, que o rústico debe tributar menos que o urbano”.

A lei permite bonificacións do 95% no IBI para cooperativas agrarias ou actividades económicas de interese especial como a gandería

Ademais, unha vez que modifica o IBI, dende o Slg consideran que “o concello debería ser sensible cos colectivos sociais máis necesitados de exencións fiscais”. Por exemplo, a lei permite bonificacións do 95% neste imposto aos bens rústicos das cooperativas agrarias e de explotación comunitaria da terra, ou a aquelas actividades económicas que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico-artísticas ou de fomento do emprego. Para o Sindicato Labrego Galego, os sectores agrogandeiros deste concello eminentemente rural “deberían beneficiarse destas bonificacións, xa que constitúen o sostén económico da economía municipal e os principais -vacún de leite e carne- están atravesando unha crise de prezos sen precedentes”.

A maiores, dende a organización agraria demandan que o concello da Pastoriza “debería facer un estudo dos núcleos de poboación para ver se hai algún que poida beneficiarse da bonificación do 90% que contempla a lei para asentamentos de poboación singularizados pola súa vinculación ou preeminencia de actividades primarias de carácter agrícola, gandeiro, forestal, pesqueiro ou análogas e que dispoñan dun nivel de servizos de competencia municipal, infraestruturas ou equipamentos colectivos inferior ao existente nas áreas ou zonas consolidadas do municipio”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información