A crise do piñeiro xera incertidume sobre o seu futuro no monte galego

A caída de demanda e de prezos que sofriron as coníferas na última década están a levar a unha redución das novas plantacións. O reto sitúase en lograr unha mellora de mercado que defenda á especie

A crise do piñeiro xera incertidume sobre o seu futuro no monte galego

As novas plantacións de piñeiro están reducíndose nos últimos anos.

Coa crise da construción a partir do 2008, o mercado do piñeiro desplomouse e desde aquela nunca se chegou a recuperar por completo. Primeiro baixou a demanda e o prezo, pecharon aserradoiros e caíron as cortas no monte. A consecuencia última de todo ese proceso é que están a reducirse as plantacións de piñeiro. As coníferas perden superficie nos últimos anos fronte ó eucalipto nitens, que sustitúe en moitas ocasións a masas de coníferas recén cortadas.

O escenario polo que atravesa o piñeiro deixa incertidumes sobre o seu futuro no monte galego. A primeira cuestión a valorar é se sería de interese que as coníferas mantiveran a súa actual presenza no monte, onde representan case a metade das cortas para destino industrial.

“O piñeiro é un can sen dono. Hai unha polaridade mediática irreal entre eucaliptos e frondosas e préstaselle pouca atención ó piñeiro” (Juan Picos)

Situación
“Preocúpame que o piñeiro sexa unha especie de can sen dono. Hai unha polaridade mediática irreal entre eucaliptos e frondosas e préstaselle unha escasa atención ó piñeiro, cando ten un papel vital no monte. Pode que non sexa a guinda do pastel nin o chocolate, pero é o bizcocho e sen o bizcocho non hai pastel”, compara Juan Picos, decano do Colexio de Enxeñeiros de Montes de Galicia.

O papel da especie á hora de diversificar tanto a superficie forestal coma os seus aproveitamentos é un dos factores que destacan os axentes do sector. “O piñeiro é clave para manter unha estrutura monte – industria de aserradoiros e empresas. Na actualidade, está a facilitar transformacións moi diversas, como madeira aserrada, taboleiro ou pellets para biomasa”, salienta Picos.

Perspectivas
A importancia que se lle recoñece á especie choca coas dificultades para a súa defensa no monte, onde os propietarios venlle nos últimos anos perspectivas limitadas. O impacto dos lumes sobre o piñeiro, sobre todo nos últimos anos, e a ameaza da praga do nematodo, polo de agora limitada á zona fronteiriza con Portugal, son outros dous factores que inciden negativamente sobre as coníferas.

“Se un propietario quere producir piñeiro de calidade, non ten quen lle faga rareos de pés intermedios” (Francisco Dans)

Como mellorar o seu futuro? “O aproveitamento integral do piñeiro, con destino para madeira aserrada, trituración e outros usos debería permitir a defensa do seu prezo no monte. Esa é unha das claves”, sinala Jacobo Feijoo, secretario xeral da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), unha organización de propietarios ligada a Unións Agrarias.

Unha valoración similar é compartida por Francisco Dans, director da Asociación Forestal de Galicia. “Se o piñeiro é unha especie necesaria, que se pague. Agora mesmo, se un propietario quere producir madeira de piñeiro de calidade, non ten quen lle faga rareos de madeira intermedia. Non hai empresas dispostas a pagar pola saca deses pés para trituración”, cuestiona.

Longo prazo
As asociacións de propietarios forestais tamén sinalan a conveniencia de analizar as perspectivas a longo prazo.

“Cando se corte o piñeiro que se planta hoxe, en 30 anos, descoñecemos cal vai ser a saída que terá esa madeira. É certo que hoxe non hai mercado nin bos prezos, pero o futuro pode ser outro” -destaca o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, Alfredo Pereira.- “O piñeiro ten na actualidade unha presenza importante nos montes veciñais e pensamos que debe seguir téndoa nun futuro”.

“O futuro do piñeiro dependerá do factor pragas e do mercado, no que cobrarán importancia os novos usos da madeira” (Jacobo Feijoo)

Sobre a necesidade dunha visión a longo prazo incide tamén Jacobo Feijoo, de Asefoga: “O primeiro que hai que pensar é que nun futuro non vai sobrar madeira. As perspectivas de mercado son boas, así que non hai que ter medo a que quede madeira no monte sen cortar”.

En segundo lugar, o responsable de Asefoga apunta a un cambio de paradigma: “O uso principal que ten hoxe o piñeiro, ben para madeira maciza, ben para taboleiros, será menor no futuro e cobrarán importancia novos destinos, como a produción de materiais innovadores, caso dos biopolímeros, ou a extracción de sustancias para a industria química”, sinala.

“Que vai pasar en 30 anos co piñeiro?” -pregúntase Jacobo Feijoo-. “Dependerá do factor mercado e do factor pragas, tanto polas pragas que poidan afectar ó piñeiro como polas pragas que poidan incidir nas especies que compiten polo espazo coas coníferas, como o eucalipto. O que si é importante resaltar é que para defender o monte das pragas, resulta de interese manter a maior diversidade posible”, valora.

Regulación do eucalipto e coníferas

O borrador de decreto sobre o eucalipto que presentou a Xunta vén motivado en parte por un intento de preservar as actuais masas de piñeiro do interior de Lugo e da provincia de Ourense. A Administración autonómica baralla prohibir o eucalipto en todo Ourense e en 21 Concellos da provincia de Lugo, nunha aposta por conservar algunhas das principais zonas produtoras de coníferas.

Desde o sector forestal cuestiónase que o apoio ó piñeiro chegue pola vía da prohibición. O que hai que facer, din, é lograr que as masas de piñeiro funcionen. Potenciar a mellora xenética das plantas, apoiar os tratamentos silvícolas para a obtención de madeira de calidade e buscar vías para fortalecer a rendibilidade que obteñen os propietarios son os camiños polos que avogan os axentes consultados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información