Crise láctea no campo, negocio no supermercado?

As cadeas de distribución mantiveron no 2015 a facturación en produtos lácteos, en tanto o prezo do leite caiu nas granxas un 14,3 % de media. O consumo interno permanece estable

Crise láctea no campo, negocio no supermercado?

Acción dos gandeiros ante o centro loxístico de Dia o pasado decembro. / Arquivo.

Os números revelan que algo marcha mal na cadea de valor do leite. En tanto as granxas atravesaban no 2015 a peor crise dos últimos anos, cunha caída de prezos do 14,3 %, os supermercados mantiveron no mesmo periodo unha facturación e uns volumes de venda estables en produtos lácteos.

O sector gandeiro non atopa explicación para a diferenza, máis alá de que alguén se estea quedando cos cartos entre o supermercado e a granxa. Os gandeiros cobraron o leite no campo no 2014 a 36,2 céntimos de medio. No 2015, a cotización media do ano situouse nos 31 céntimos, o que supón unha caída superior ó 14%, sen que houbese baixadas paralelas nas cadeas de distribución.

O decreto sobre prezos de cesión do leite, xa aprobado, permitirá identificar ós supermercados ou industrias que presionen os prezos á baixa

O leite líquido, que move 3,2 millóns de toneladas en España, baixou de prezo no supemercado no 2015 un 1,4%. Se se ten en conta que as vendas cairon un 0,5%, a facturación da distribución en leite líquido reduciuse en total un 1,9 por cento. Sen embargo, esa lixeira baixada compénsase coas boas cifras dos derivados lácteos. En volume, as vendas de derivados lácteos subiron un 1%, en tanto en facturación aumentaron un 0,6%.

Cómpre precisar que nas contas da distribución relativas a derivados lácteos tamén se teñen en conta os derivados de leite de ovella e de cabra, se ben dáse a circunstancia de que o prezo do leite de cabra baixou no campo no 2015 aínda máis que o leite de vaca.

Balance
En definitiva, facendo o cálculo total, a facturación das cadeas de distribución en produtos lácteos baixou un 0,1% no 2015, segundo se deduce do ‘Informe del consumo de alimentación en España en 2015’ (Ministerio de Agricultura). A facturación dos gandeiros caiu no mesmo periodo arredor dun 11%, descontando da caída de prezos os aumentos de produción.

Ante esta situación, as organizacións agrarias pregúntanse quen se leva o beneficio do diferencial. Cadeas de distribución e industrias están no punto de mira. O Ministerio de Agricultura aprobou recentemente o decreto sobre prezos de cesión do leite, que permitirá clarificar cales son os prezos de venda da industria á distribución.

Deste xeito, Agricultura dispón xa de instrumentos para identificar ‘con nomes e apelidos’ ás partes da cadea que presionan á baixa os prezos no campo. A pregunta que se fan as organizacións agrarias agora é se hai vontade e capacidade política e lexislativa para modificar ese panorama.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información