Crise de fertilizantes: Europa prepara axudas para o agro e flexibilizará o uso de lodos e dixestatos

O Plan de Acción sobre Fertilizantes na UE pretende fomentar a produción comunitaria e as alternativas orgánicas ante a actual escalada de prezos provocada pola guerra en Oriente Medio, reducindo a dependencia das importacións

LODOS

Os fertilizantes son esenciais para a produtividade agrícola, a viabilidade das explotacións e a seguridade alimentaria e representan unha parte significativa dos custos de produción para os produtores. A Comisión Europea témese que o aumento dos custos dos fertilizantes pode obrigar aos agricultores a reducir as taxas de aplicación ou reducir as superficies cultivadas, poñendo en perigo o rendemento dos cultivos, a produción de alimentos e a resiliencia do sector agroalimentario da UE.

As perturbacións xeopolíticas e as interrupcións da subministración fixeron subir considerablemente os prezos dos fertilizantes, exercendo unha presión cada vez maior sobre os agricultores de toda Europa.

Ante esta situación, a Comisión Europea adoptou esta semana o Plan de Acción sobre os Fertilizantes, unha iniciativa destinada a apoiar aos agricultores que se enfrontan ao aumento dos custos e á escaseza de fertilizantes, reforzar a produción nacional e reducir a dependencia de Europa das importacións de abonos químicos.

A UE adoptará medidas para garantir subministracións estables e reducir a dependencia das importacións, con apoios á industria de fertilizantes europea para evitar a desindustrialización

“O Plan contribuirá directamente a garantir a seguridade alimentaria e a reforzar a autonomía estratéxica da UE, ao tempo que persegue ambiciosos obxectivos climáticos e ambientais”, destaca o Executivo comunitario nun comunicado.

evolucion precio urea

As recentes perturbacións da subministración e a volatilidade dos prezos someteron aos agricultores de toda a Unión Europea a unha presión cada vez maior, expoñendo a vulnerabilidade da UE ás perturbacións externas na subministración de fertilizantes.

Sobre a base da Comunicación sobre fertilizantes adoptada en 2022, o Plan de Acción combina medidas de apoio inmediatas destinadas a garantir a accesibilidade e a seguridade da subministración con accións a máis longo prazo, para reforzar a produción nacional de fertilizantes, mellorar a resiliencia da subministración e acelerar a transición cara fertilizantes de orixe biolóxica, hipocarbónicos e circulares.

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, asegurou que “con este Plan de Acción estamos investindo nunha industria europea de fertilizantes máis forte, apoiando aos agricultores europeos e acelerando a innovación en solucións sostibles e autóctonas”.

“A actual crise dos combustibles fósiles pon de manifesto que o liderado climático e a resiliencia económica están interrelacionados. Esta é a razón pola que Europa está construíndo un futuro baseado na sostibilidade, a accesibilidade e a capacidade industrial”, remarcou.

Axudas aos agricultores vía PAC

A Comisión prestará un apoio excepcional específico aos agricultores europeos que se enfrontan a elevados custos dos fertilizantes a través dos instrumentos existentes no marco da política agrícola da UE.

A Comisión proporá así mobilizar o orzamento da UE para reforzar a reserva agrícola “nunha cantidade substancial”. Este paquete financeiro presentarase antes do verán para proporcionar un alivio inmediato da liquidez aos agricultores antes do próximo ciclo de produción.

Como axuda adicional a curto prazo, a Comisión presentará un paquete lexislativo específico que permita aos Estados membros facer pleno uso da axuda dispoñible no marco dos seus actuais plans estratéxicos da política agrícola común (PAC).

A Comisión tamén estudará como ofrecer os incentivos axeitados para a captura de carbono en solos agrícolas e a absorción de carbono, con medidas de apoio aos agricultores no marco da PAC que fomenten unha mellor xestión dos nutrientes e a adopción de prácticas agrícolas máis eficientes en materia de nutrientes por parte das explotacións.

Flexibilización do uso de lodos e dixestatos

Para impulsar a circularidade e reducir as emisións, a Comisión fomentará o uso de alternativas europeas. Isto inclúe un uso máis amplo de fertilizantes orgánicos de base biolóxica e alternativas aos produtos minerais tradicionais. Outras vías inclúen biomasa de algas, outros potenciadores do solo, solucións microbianas, bioestimulantes e recuperación de nitróxeno e fósforo dos lodos de depuradora.

A Comisión tamén presentará medidas para facilitar o uso de dixestatos, con salvagardas ambientais axeitadas. Ademais, tras a próxima avaliación da Directiva sobre nitratos, a Comisión aclarará determinadas normas de aplicación para adaptalas mellor á realidade da agricultura.

Bruxelas pretende evitar a desindustrialización do sector de produción de fertilizantes na UE, fomentando a transición das plantas cara o uso de biometano

A Comisión tamén velará por que o sector dos fertilizantes non quede rezagado con respecto a outros sectores no acceso ao financiamento para a innovación e a modernización ecolóxicas.

Os fondos existentes, en particular os fondos de cohesión, mobilizaranse para apoiar a produción de biogás e biometano e os investimentos en infraestruturas de augas residuais que poidan aumentar a valorización dos lodos e a recuperación de nutrientes.

Para seguir racionalizando as prácticas da economía circular, a Comisión avaliará medidas no contexto da avaliación da Directiva marco sobre residuos para simplificar a xestión dos animais e outros subprodutos.

Reforzar a transparencia do mercado

“Un mercado de fertilizantes que funcione correctamente require unha maior transparencia”, argumenta o Executivo comunitario. Neste contexto, a Comisión traballará nun informe que avalíe como se repercuten os custos relacionados co Mecanismo de Axuste en Fronteira por Carbono (MAFC) e o Réxime de Comercio de Dereitos de Emisión (RCDE) nos prezos dos fertilizantes pagados polos agricultores e, en última instancia, nos prezos dos alimentos.

Para garantir a dispoñibilidade, a Comisión avaliará o almacenamento e outras opcións para garantir os fertilizantes e insumos clave. Isto podería incluír existencias estacionais ou mínimas e, cando proceda, contratación pública conxunta ou outros instrumentos para aumentar a resiliencia fronte a perturbacións externas e mitigar a volatilidade dos prezos.

Outras medidas xa en vigor

Como parte da súa resposta á situación creada pola guerra en Oriente Próximo, a Comisión xa adoptara varias medidas con anterioridade. Introduciuse, por exemplo, unha excepción ás normas estándar de cálculo para reducir o impacto do MAFC nos fertilizantes, converténdoos na única materia prima que se beneficia desta excepción (utilización dunha marxe do 1 % en lugar do 10 %, cun aumento progresivo ata o 30 % para todos os demais sectores).

Ademais, en febreiro de 2026, a Comisión tamén propuxo continxentes arancelarios temporais libres de dereitos para varios fertilizantes nitroxenados e insumos clave para a súa produción (amoníaco, urea). En abril de 2026, a Comisión adoptou un marco temporal de axudas estatais para apoiar aos sectores afectados pola crise de Oriente Próximo, incluída a agricultura.

As organizacións agrarias consideran “insuficientes” as medidas

As organizacións agrarias europeas, convocadas por COPA_COGECA, manifestaron xa o seu rexeitamento ao plan comunitario cunha protesta este martes fronte ao Parlamento Europeo en Estrasburgo coincidindo coa presentación do Plan Europeo de Acción sobre Fertilizantes.

A protesta, que se desenvolveu durante toda a mañá fronte á sede da Eurocámara, pretendía lanzar unha mensaxe clara á Comisión Europea: a agricultura europea non pode seguir soportando uns custos de fertilizantes desorbitados que poñen en risco a viabilidade económica das explotacións, a produción de alimentos e a seguridade alimentaria de Europa.

Desde a Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA), o seu secretario xeral, Cristóbal Cano, cualificou o plan de “vago, pouco ambicioso e raquítico a nivel orzamentario”. UPA bota en falta especialmente medidas urxentes, que sirvan para garantir a subministración de fertilizantes a un prezo accesible a curto prazo.

“As vinte e unha páxinas do plan enumeran unha estratexia a medio-longo prazo con medidas interesantes, algunhas delas propostas previamente por UPA, pero en ningún caso veñen acompañadas de novos fondos nin dun orzamento adicional e extraordinario neste contexto de crise”, indica. “Necesitamos un paquete de axudas valente que inxecte liquidez rápida aos agricultores para reducir os nosos custos de produción”, reitera Cano.

Esta situación é hoxe unha crise de rendibilidade para os agricultores europeos, pero a situación pode transcender e converterse nunha crise alimentaria e fame no mundo, segundo advirten desde UPA. “Necesitamos reducir a dependencia e non depender tanto do que nos vén de fóra”, insisten.

Europa non pode seguir mantendo a súa estrutura produtiva sobre a base duns fertilizantes nitroxenados producidos a partir dun gas que non temos

“Europa non pode seguir mantendo a súa estrutura produtiva sobre a base duns fertilizantes nitroxenados producidos a partir dun gas que non temos. Necesitamos reformar unhas cadeas loxísticas que son moi vulnerables ante calquera conflito xeopolítico”, declarou.

UPA lamentou tamén que a Comisión non propuxese a suspensión total da taxa CBAM, que o sector reclama para aliviar a carga deste arancel sobre os fertilizantes nitroxenados importados, o que suporía 39.000 millóns de aforro en sete anos para os produtores europeos.

Ademais, sobre o Sistema de Créditos ao Carbono, que debe compensar a absorción de carbono por parte dos agricultores, UPA cre que todo o recadado debe destinarse de forma directa aos agricultores e gandeiros.

Redución do abonado até nun 50%

Pola súa banda, desde a Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG) advírtese de que a actual conxuntura xeopolítica evidenciou novamente a enorme vulnerabilidade estratéxica da Unión Europea en materia enerxética e de subministración de fertilizantes.

“Os agricultores afrontan a próxima campaña de compras cunha incerteza extrema, tanto polos prezos como pola dispoñibilidade real de materias fertilizantes esenciais para manter os rendementos produtivos”, aseguran.

Os elevados prezos dos fertilizantes están levando xa a moitos agricultores europeos a formular reducións de abonado de entre o 40% e o 60%. Segundo estimacións técnicas baseadas en referencias oficiais do Ministerio de Agricultura, este recorte podería traducirse en perdas de rendemento de ata o 45% en cereais e de ata o 35% en oliveiral tradicional. A consecuencia directa sería unha forte caída da produción agraria europea, máis dependencia exterior e novas tensións sobre os prezos dos alimentos.

Os elevados prezos dos fertilizantes están levando xa a moitos agricultores europeos a formular reducións de abonado de entre o 40% e o 60%

A situación resulta especialmente grave en sectores estratéxicos como os cereais, onde a caída de prezos en orixe está coincidindo con elevados custos de produción. COAG lembra que os fertilizantes son un insumo imprescindible para garantir rendementos produtivos sostibles e reclama á Comisión Europea medidas urxentes e eficaces.

“Europa non pode permitirse perder capacidade produtiva agraria pola falta de fertilizantes accesibles. Se non se actúa de forma inmediata e contundente, haberá consecuencias directas sobre a produción, os prezos dos alimentos e a soberanía alimentaria europea”, sinalou Jaume Bernis, responsable de COAG no Comité Económico e Social Europeo (CESE).

Ademais, COAG alerta do impacto crecente que está tendo o mecanismo CBAM (Mecanismo de Axuste en Fronteira por Carbono), que ameaza con encarecer aínda máis os insumos agrarios e reducir a competitividade das explotacións europeas fronte a terceiros países.

Desde a organización agraria reclaman medidas que inclúan:

  • Suspensión inmediata do CBAM (mecanismo de axuste en fronteira do carbono) sobre fertilizantes e creación dun mecanismo estrutural para compensar o seu custo para os agricultores.
  • Supresión temporal dos aranceis Nación Máis Favorecida e os dereitos antidumping sobre todos os fertilizantes procedentes de países distintos de Rusia e Bielorrusia, para diversificar as fontes de subministración.
  • Maior flexibilidade na Directiva de Nitratos para ampliar o uso de xurro e dixestato máis aló do límite de 170 kg N/hectárea en zonas vulnerables, para levalo aos 250, para seguir na senda marcada pola UE para impulsar un maior uso dos fertilizantes orgánicos.

Desintensificación da produción de alimentos

“As medias propostas pola UE son medidas a corto prazo e que nin tan sequera garanten o subministro a un prezo razoable e estable”, alerta Brais Álvarez, secretario de Acción Sindical do Sindicato Labrego Galego.

O SLG solicita medidas reais que favorezan unha transición cara a un modelo de produción de alimentos máis resiliente e non dependente das importacións e do consumo de altas cantidades de fertilizantes.

É necesario iniciar xa unha transición cara un modelo agrícola máis resiliente e baseado na agroecoloxía

“O modelo de produción agroindustrial fainos terriblemente dependentes destes insumos, que non controlamos e que son os que de verdade son altamente contaminantes. É necesario iniciar xa unha transición cara un modelo agrícola máis resiliente e baseado na agroecoloxía”, pide Brais.

“Crises como a provocada pola guerra en Oriente Medio fainos ver o fráxil que é o noso modelo de produción e como se compromete o acceso á alimentación da nosa sociedade. A UE ten que ter claro que para non ser tan dependentes das importacións destas materias primas ten que garantirnos prezos estables aos produtores, protexer os nosos mercados de produtos importados de terceiros países e apostar claramente por axudas que fomenten a desintensificación”, defende.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información