“A crise do coronavirus fainos apreciar máis o valor do colectivo, da colaboración e das cooperativas”

Isolina Raña Fraga é unha gandeira coruñesa da cooperativa Clun que leva anos participando en experiencias de cooperación internacional agraria. Con ela coñecemos máis sobre esta colaboración entre cooperativas agroalimentarias tamén nesta crise polo Covid-19

“A crise do coronavirus fainos apreciar máis o valor do colectivo, da colaboración e das cooperativas”

Isolina Raña, cooperativista de Clun e agripooler, xunto ó seu rebaño en Cerceda.

Gandeira e cooperativista de Clun, Isolina Raña Fraga (Cerceda, A Coruña) leva anos participando en proxectos de cooperación agraria con países en desenvolvemento. A súa experiencia de máis de 10 anos no Consello de dirección de Feiraco Pensos e Feiraco Lácteos, así como a súa formación especializada en gobernanza de entidades agrarias, foron determinantes para participar neste tipo de proxectos internacionais.

No seu día a día, Isolina xestiona unha gandería familiar que conta cunhas 80 cabezas de gando de vacún de leite en semiextensivo, cun desprazamento diario ós pastos.

O seu labor en cooperación internacional foi xa recoñecido con distincións, como a que lle entregaron o ano pasado no Encontro Nacional de Agripooler (cooperantes agrarios), que organiza Acodea, a primeira agriaxencia de cooperación internacional para o desenvolvemento agrario de fala hispana, coa que leva anos colaborando. Con ela coñecemos máis sobre esta colaboración que ofrecen profesionais do mundo agragandeiro galego para fomentar o cooperativismo noutros países.

-Cando comezou a involucrarse en proxectos de cooperación internacional agraria?
-Todo comezou no 2016, cando dende a agriaxencia de cooperación internacional Acodea me propoñen participar como agripooler (cooperante agraria) nunha experiencia en Nicaragua. Daquelas, como lle pasa aínda a moita xente hoxe, eu nin sequera sabía cal era a función de agripooler. Neste proxecto tratábase de facer un diagnóstico e asesoría sobre gobernanza na cooperativa Ríos de Auga Viva, centrada na produción de café e cacao. A experiencia foi moi gratificante ó descubrir que cun pouco que poidas aportar nestas xornadas pode significar tanto para estas entidades.

“Os agripoolers ofrecen un asesoramento entre iguais, polo que se tenta aportar solucións dende a empatía”

-Como ben dicía, a figura do agripooler é aínda moi descoñecida, cal é o seu cometido?
-Os agripooler son socios, empregados ou directivos de cooperativas agroalimentarias que transladan a súa experiencia e habilidades a outras entidades que o poidan precisar. Trátase dun asesoramento entre iguais, xa que a problemática á que teñen que facer fronte as entidades agrarias son similares, polo que se tenta conectar e aportar solucións dende a empatía. Estes agripoolers conforman unha rede baseada na aprendizaxe e no intercambio de experiencias para fortalecer asociacións agrarias que o soliciten.

-En que liñas se centrou o proxecto que desenvolveron en Nicaragua?
-Ó ser un proxecto centrado na asesoría e a gobernanza (o consello reitor), o primeiro é analizar as debilidades da entidade e identificar aqueles aspectos que se poderían potenciar para mellorar a súa xestión. Nese momento, nesa cooperativa o tema da gobernanza e a división de roles eran algúns dos aspectos nos que cumpría incidir. Faise un diagnóstico, confecciónase un plan de acción e por último faise un monitoreo e avalíase a súa evolución. Así, estes proxectos orixinan anos de cooperación.

“Os proxectos de cooperación internacional teñen unha gran acollida entre o persoal de Clun”

-Que acollida teñen este tipo de propostas entre os gandeiros de Clun?
-Xa con Feiraco e agora con Clun, este tipo de iniciativas sempre tiveron unha moi boa acollida. Así é que o ano pasado, a maioría dos técnicos galegos que participaron en proxectos con Acodea eran profesionais de Clun.

Por que é importante para unha cooperativa como Clun, participar nestas iniciativas?
-Ademais do seu valor social, xa presente no ADN das cooperativas, este tipo de iniciativas permite ampliar a visión que se ten do sector vendo outras realidades e obrigan, moitas veces, a reflexionar sobre o xeito propio de traballar. Estas experiencias son moi enriquecedoras para ambas partes. De feito, a min persoalmente este tipo de experiencias permitíronme achegarme dun xeito moi directo a outros valores.

Estes proxectos fan que te deas conta de que as realidades das cooperativas son moi diferentes, porén os obxectivos que se perseguen son moi similares, o que fai que os participantes enseguida conecten, ó ver que hai moitos asuntos que os unen e que comparten. É realmente moi enriquecedor, tanto a nivel profesional como persoal, participar neste tipo de iniciativas. Aínda que sexamos nós os que prestamos o asesoramento, as outras cooperativas adoitan aportarnos moito tamén a nós. É moi gratificante ver que con pequenos xestos se pode mellorar a realidade de moitas persoas.

-Tamén participou doutras experiencias formativas con cooperativas do sector lácteo do norte de España e de Holanda, da man de Acodea. Que destaca diso?
-A xira foi todo un éxito polos logros que se acadaron na Federación Departamental de Produtores de Leite (Fedeple) de Santa Cruz (Bolivia) que, a través de visitas a ganderías galegas e asturianas, puideron buscar solucións a problemáticas que se lle presentan no seu día a día e que compartimos. Logo da xira implantaron medidas que afectaron á súa produción, á xestión dos seus recursos, á organización…

A cooperación permite ver que, a pesar de ser realidades moi diferentes, ó traballar dentro dun mesmo sector e ser a mesma actividade hai problemáticas comúns. No norte de España, o nivel do sector lácteo está entre os mellores de Europa, polo que a estas entidades a nosa experiencia élles de gran interese, non hai máis que recordar o peso que ten o sector lácteo galego no conxunto do Estado, xa que un 40% da produción de leite estatal é galega.

“A cooperativa é unha ferramenta de desenvolvemento, creación de riqueza e protección para os gandeiros e o seu entorno”

-Como gandeira, que aspectos valora de formar parte dunha das cooperativas máis importantes de Galicia como é Clun?
-Meu pai xa era socio de Feiraco e eu agora son socia de Clun. No noso caso mantivemos a tradición familiar. Para min é un orgullo ser cooperativista e creo que o proxecto de Clun é imprescindible para Galicia. De non ter existido Clun, a situación do sector lácteo galego sería moi diferente, e dende logo sería peor. Como gandeira, se estamos sós, os problemas acrecéntanse e xuntos é máis fácil facerlle fronte. A cooperativa é unha ferramenta de desenvolvemento, creación de riqueza e protección para os gandeiros e o seu entorno. Teño claro que a cooperación é necesaria e xuntos somos máis fortes.

Brinde-lacteo-Isolina-Clun-

Isolina participa do brinde lácteo realizado durante unha das sesións de videoconferencia con motivo da pandemia do coronavirus.

“Se o país non fose autosuficiente en materia de alimentación, a corentena tería sido peor”

-Nestes momentos, en plena pandemia polo Covid-19, tamén ten participado en encontros virtuais de líderes cooperativistas de organizacións, tanto de Latinoamérica como de España, en que se centraron?
-A crise do coronavirus limitounos poder reunirnos de xeito presencial, pero nestes momentos aínda se volve máis importante este tipo de asesoramento, posto que a situación pode volverse máis crítica para moitas entidades.

Na primeira destas reunións centrámonos en ofrecer recomendacións en materia de prevención na cadea de produción láctea, así como a reacción axeitada ante a aparición de casos de contaxio de coronavirus. No segundo dos encontros abordamos as perspectivas do mercado mundial lácteo. Neste caso participaron como poñentes o director de recursos lácteos de Clun, Pablo Gómez, así como Emilio Ponce de León, director de Actividade Láctea e de Compras da cooperativa gandeira andaluza do Val dos Pedroches (Covap), Rafael Prieto, director xeral de Clun, e Kees Blokland, director xeral de Agriterra, a agriaxencia holandesa.

-Hai un momento significativo deses encontros, un brinde con leite, a que se debeu?
-Todos os que participabamos nesta reunión estabamos moi concienciados coa importancia de tratar asuntos que poden ser transcendentais para o sector, como pode ser a comercialización do leite e decidimos facer un brinde. Neste contexto non cabía facelo doutro xeito que non fose cun brinde de leite!

-Como valora o escenario que deixará para o sector lácteo a crise do Covid-19?
– A crise provocada do coronavirus estanos deixando ver a importancia do colectivo, tamén da cooperativa. Fomenta que non sexamos tan individuais e estanos permitindo valorar máis a comunidade. O leite é un produto que se vai seguir consumindo, é fundamental para o ser humano, aínda que haxa variacións vaise seguir producindo e vendendo leite.

-Está axudando a crise a valorar máis ós gandeiros e o seu esforzo?
-Dende logo. Ás veces non se lles daba a importancia que teñen tanto agricultores como gandeiros. De feito, se España non fose autosuficiente en canto a produción de alimentos e estes tivesen que vir doutros países, ó mellor a corentena era máis complicada de pasar. É moi beneficioso que sexamos autosuficientes na produción, polo menos dános unha maior seguridade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información