Cría de raíñas, a experiencia do recoñecido apicultor francés Gilles Fert

O experto apicultor francés Gilles Fert apunta algunhas das claves que segue no seu día a día para a cría de raíñas. Reivindica a importancia de conservar a abella local e de traballar por conseguir colmeas fortes a través da selección xenética

Cría de raíñas, a experiencia do recoñecido apicultor francés Gilles Fert

O apicultor Gilles Fert durante a súa participación na Feira Apícola de Lalín, Alvariza, na que apuntou as claves sobre a cría de raíñas.

O apicultor galo Gilles Fert é un destacado criador de raíñas e aínda que se adica tamén á produción de mel e outros produtos da colmea, como o própole, boa parte dos seus apiarios e do manexo que fai están orientados á produción de raíñas. Así é que das 400 colmeas que ten, dedica a metade a ter núcleos para esta fin. Comercializan tanto raíñas virxes como fecundadas. “É unha actividade para a que non se precisa moito material e que abre novos mercados, polo interese que suscita a mellora da colmea coas raíñas, gañando tempo”, apunta.

Durante a súa participación na II Feira Internacional de Apicultura de Lalín nun encontro con apicultores, Fert foi debullando algunhas das claves para a cría de raíñas de abella, unha actividade que leva desenvolvendo durante os últimos 40 anos e na que tamén está involucrado o seu fillo. Ó longo deste tempo tamén estivo en contacto con outros criadores de distintas zonas e participou en proxectos para a recuperación e conservación de abellas locais. “Nestes anos puiden observar que a cría de raíñas pouco varía entre países. Poucas diferenzas hai entre os métodos empregados en Francia, España, Canadá ou Nova Zelandia, entre outros”, explica.

Fert leva 40 anos adicándose á cría de raíñas e escolleu apiarios resgardados do vento para favorecer a fecundación

Un dos primeiros aspectos a ter en conta á hora de proceder á cría de raíñas é a localización do apiario. Pese a que é natural de Normandía, Fert decidiu instalar os seus apiarios no sur de Francia para contar cunhas mellores condicións. As súas colmeas están situadas apenas a unha altitude de 150 metros sobre o nivel do mar e en zonas sen moito vento, para favorecer a fecundación da raíña.

A importancia da abella local

Fert é un defensor da conservación da abella local. Nos seus apiarios traballa coa abella negra, especie con maior presenza en Francia. “Dise que en Francia hai moita abella bufa, pero a maioritaria segue sendo a abella negra, seguida da abella caucásica”, apunta o apicultor facendo referencia a un estudo do 2015.

“A abella negra vólvese agresiva cando está cruzada con outras razas, senón é unha abella mansa”

Para o apicultor, a raza de abellas negras ten calidades destacadas, como a súa rusticidade, a resistencia a enfermidades que amosa, o ben que inverna ou o ben que sabe aproveitar as meladas tardías e o melato. Entre os puntos menos vantaxosos desta especie está a tendencia a enxamear, o agresiva que pode volverse e a lingua curta que ten en comparación con outras razas. “A abella negra vólvese agresiva cando hai contaminación xenética, é dicir, cando está cruzada con outras razas, senón é unha abella mansa”, explica o abelleiro, que entre outros traballos, está a participar nun estudo para manter a abella negra local en Canarias.

Criterios de selección

Os principais criterios que Gilles Fert segue á hora da selección de colmeas é a produción de mel, o consumo que fan no inverno das reservas e a resistencia a enfermidades. “A estes criterios súmase o traballo que van facendo os clientes e que tamén contribúe a establecer outros obxectivos para a selección”, explica. Con todo, Fert recoñece que é difícil satisfacer todas as necesidades solicitadas polos apicultores, que buscan colmeas que cumpran cada vez con máis requisitos.

“É difícil obter unha abella ideal, xa que nos insectos resulta máis complexo transmitir estes criterios á seguinte xeración”

Ademais, a diferenza do que ocorre con outros animais, a selección e mellora xenética resulta máis complexa que noutras especies. “É difícil obter unha abella ideal. Ás veces aínda que se atope unha colmea ideal, nos insectos resulta máis complexo transmitir estes criterios á seguinte xeración”, recoñece.

Á hora de seleccionar colmeas, a mansedume é o criterio máis fácil de lograr transmitir, tal e como asegura o criador. Ademais, Fert incide en rachar coa idea de que a mansedume da colmea está relacionada coa súa produción. “Unha colmea mansa pode ter igualmente unha moi boa produción”, reivindica. De feito, recomenda eliminar a raíña naquelas colmeas máis agresivas para que críen unha nova, dando lugar a que poida ser máis mansa.

O enxambrazón é o segundo criterio máis doado de transmitir, xa que é un trazo xenético. De feito en zonas de América onde a apicultura foi introducida e practicada a base de reprodución e cría de raíñas sen recoller os enxamios salvaxes, non se transmitiu este carácter. Así, o experto recomenda substituír a raíña daqueles enxamios que se recollen, para evitar que siga a transmitirse ese trazo e volvan producirse novas divisións da colmea.

Fert recomenda prestar atención tanto ó comportamento da colmea como á cría

Para a selección dunha colmea, Fert recomenda prestar atención tanto ó comportamento da colmea como á cría. Aconsella observar o funcionamento e traballo da colmea fóra da campaña de produción de mel, xa que nesta época o seu comportamento pode variar.

Fert considera a cría un dos mellores indicadores sobre a calidade da raíña, a saúde e a viabilidade da colmea. O experto recomenda seleccionar aquelas colmeas con reservas de alimento preto da cría. “Hai unha relación entre a disposición das celas e a supervivencia no inverno. Unha colmea onde as reservas de alimento estean afastadas da cría terá maiores dificultades para pasalo inverno”, explica. Ademais, cómpre seleccionar aquelas que teñan unha cría compacta, é dicir, que teñen menos dun 20% de fallos na zona da cría.

Para comprobar a saúde e a resposta da colmea ante enfermidades, adoita empregarse o coñecido como Test de Limpeza, unha metodoloxía utilizada pola maioría dos apicultores antes de seleccionar unha colmea. Esta técnica consiste na rotura dunha parte da cría, que introduce no conxelador durante 24 horas e que volve a colocar na colmea para así observar o tempo de resposta das abellas, xa que ese labor de limpeza é fundamental para reducir o risco de enfermidades. Se nun prazo de 24 horas ten o 90% desa cría morta limpa é unha colmea axeitada para seleccionar para a reprodución, xa que ten un grao de comportamento hixiénico axeitado.

Gilles Fert tamén incide na importancia de coidar aquelas raíñas con boas aptitudes e tentar prolongar a súa vida o máximo posible. “Cando tes unha raíña de moi boa calidade é un erro mantela en calquera colmea. O ideal é empregar esta raíña de alto valor cunha colmea especial de maneira que se poida frear a posta e prolongar así a vida da colmea, podendo manter viva e produtiva esta raíña mesmo 5 anos”, indica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información