A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Cría de porco celta de alto valor xenético: un novo servizo da Granxa Gayoso Castro para os produtores

A Deputación de Lugo porá en marcha no 2026 unha explotación porcina para preservar e mellorar a raza autóctona e facilitar ao alumnado do Campus Terra a realización de prácticas formativas

porco celtaA Deputación Provincial de Lugo iniciará en 2026 as obras para contar cunha explotación piloto de cría de porco celta nas instalacións da Granxa Gayoso Castro, en Castro de Rei, co obxectivo de avanzar na conservación, mellora e profesionalización desta raza en perigo de extinción que conta na actualidade con 137 criadores en Galicia, máis da metade na provincia de Lugo.  

Cunha capacidade máxima de 24 porcas de cría e 5 porcos reprodutores, o proxecto desenvólvese en colaboración coa Asociación de Criadores de Porco Celta (Asoporcel) e a Universidade de Santiago de Compostela, xa que a nova granxa porcina permitirá a realización de prácticas formativas ao alumnado do Campus Terra.

O proxecto conta cun orzamento de máis dun millón de euros e combina recursos institucionais, científicos e sectoriais co fin de garantir a conservación da raza, mellorar o seu rendemento produtivo, favorecer a formación de novos profesionais e desenvolver novos avances vinculados aos sistemas de cría.

O proxecto está centrado na conservación e mellora da raza porco celta e na formación universitaria

Esta instalación estará ao servizo dos profesionais da Facultade de Veterinaria e da Escola Superior de Enxeñería para que desenvolvan proxectos de investigación que redunden na conservación e no impulso desta raza, así como dos criadores de porco celta para o crecemento e mellora xenética das súas explotacións.

A nova granxa funcionará como centro de reprodución e selección de animais, proverá aos produtores de novos exemplares e servirá tamén como centro de transmisión de coñecemento sobre a raza grazas aos proxectos que desenvolva o Campus Terra e que se porán a disposición dos profesionais deste sector.

A granxa piloto: un modelo a seguir

As instalacións terán unha superficie de máis de 1.000 m2 e contarán cun espazo multifuncional que incluirá unha nave de produción, zona de corentena, aularios, vestiarios e almacenaxe.

A nave de produción será a estrutura principal da granxa, onde se desenvolverá a maior parte da actividade. A nave dividirase en distintos módulos que separarán as diferentes etapas da produción. Haberá unha zona de corentena, unha área separada da nave principal que será utilizada para illar os animais en caso dalgunha enfermidade.

Na granxa haberá tamén aularios, vestiarios, 4 silos para almacenar alimento, depósitos de auga, grupos electróxenos, unha fosa de purín, ademais de pistas para comunicar as diferentes zonas e os correspondentes peches perimetrais do recinto.

As instalacións contan cun orzamento de máis dun millón de euros e a súa posta en marcha está prevista para o ano 2026

Desde o punto de vista do deseño das instalacións e a súa dotación, para a cría de porco celta pode considerarse unha granxa piloto, xa que actuará como modelo de referencia para programas de selección, reprodución e manexo. Ao mesmo tempo, a incorporación de tecnoloxías de automatización permitirá realizar ademais outras tarefas que serán precisas no futuro, ampliando a súa utilidade e facendo que o modelo sexa máis completo e adaptable a novas necesidades do sector.

Espazo de formación para os futuros veterinarios

Esta nova granxa nace como un espazo de formación, que conectará a teoría e a práctica, permitindo aos estudantes da Facultade de Veterinaria e aos Enxeñeiros Agrónomos que se formen no Campus Terra realizar prácticas formativas de gran valos, afianzando así a posición da provincia de Lugo no mapa do ensino superior europeo vinculado ao sector primario.

De feito, para que a Facultade de Veterinaria de Lugo siga superando as inspeccións europeas e manteña un alto posto no ránking de Shangai, onde se atopan as mellores do mundo, precisaba contar cunhas instalacións porcinas onde poder facer prácticas co alumnado, do mesmo xeito que xa acontece no ámbito do vacún na Granxa Experimental de Leite.  

Para renovar a acreditación europea, a Facultade de Veterinaria de Lugo precisaba contar cunha granxa porcina onde o alumnado puidera realizar prácticas

A formación práctica é esencial para que os alumnos e alumnas adquiran as competencias necesarias para facer fronte aos retos que presenta o sector, polo que desde o punto de vista académico tratáse dunha instalación estratéxica e necesaria para a formación dos futuros profesionais veterinarios encargados de velar pola sanidade animal e a seguridade alimentaria.

Esta nova explotación de porco celta complementa o resto de actividades que xa se desenvolven na Granxa Gayoso Castro, como a Granxa Experimental de Leite, o Centro de Recría de gando frisón, a cría de xovencas de rubia galega ou a conservación doutras razas autóctonas como as vacas cachenas ou o cabalo galego, demostrando o compromiso e apoio da Deputación Provincial de Lugo ao sector primario.

“Optouse por unha instalación confinada para garantir a máxima bioseguridade”

porco celta2Coa detección dun gromo de peste porcina africana en xabaríns en Cataluña, o risco de contaxio mantén nestes momentos en alerta a todo o sector. Ante esta situación, cobra se cabe maior importancia o feito de que se optara por un sistema confinado para a cría dos animais na nova granxa.  

Xa que aínda que tradicionalmente o porco celta en Galicia críase en extensivo, eses exemplares atópanse máis expostos en caso de epidemia, de maneira que as instalacións que se porán en marcha na Granxa Gayoso Castro servirían para ter un núcleo de cría que garantiría a preservación da raza.

Falamos con Iván Rodríguez Paz, veterinario e director técnico de Asoporcel, sobre o modelo das instalacións, os obxectivos do centro e outros aspectos como a remuda xeracional no sector ou a tecnificación das novas granxas que se están a crear en Galicia.

– Do total de produtores de porco celta que hai nestes momentos en Galicia, cantos se atopan na provincia de Lugo?
– Segundo os datos oficiais de 2024 do rexistro ARCA, o censo de explotacións de Porco Celta pechouse con 137 ganderías activas a nivel estatal. Cómpre salientar que máis do 50% destas explotacións están situadas na provincia de Lugo, o que evidencia o forte peso territorial da raza neste ámbito xeográfico e o papel estratéxico da provincia na súa conservación e desenvolvemento.

Preténdese acadar maior uniformidade, mellorar o rendemento global e asegurar produtos finais de calidade, favorecendo un menor engraxamento xeral pero cunha maior deposición de graxa intramuscular

– Cales son os obxectivos que perseguides con este proxecto?
– Poderiamos resumilos en catro:

  • Crear un núcleo seguro de conservación: Establecer un grupo de animais mantido baixo condicións de alta bioseguridade que actúe como reserva estratéxica fronte a riscos sanitarios graves, como a Peste Porcina Africana (PPA), garantindo así a preservación e continuidade do Porco Celta.
  • Formar unha colonia fundacional sometida a criterios de selección: Desenvolver unha poboación inicial sometida a procesos de selección baseados en caracteres produtivos, morfolóxicos e adaptativos, co obxectivo de acadar maior uniformidade, mellorar o rendemento global e asegurar produtos finais de calidade.
  • Impulsar a formación de futuros profesionais: Promover accións formativas dirixidas a estudantes de veterinaria, persoal técnico e gandeiros interesados na raza e nos seus sistemas de cría. As actividades incluirán formación teórica e práctica en manexo, saúde, benestar, reprodución e conservación.
  • Dispoñer dunha fonte de reposición segura e mellorada: Producir reprodutores (femias e verracos) con garantías sanitarias e un nivel mellorado de calidade xenética, de maneira que poidan abastecer as explotacións e favorecer unha reposición sostible e orientada á mellora continua da raza.

– En Galicia, o porco celta criouse tradicionalmente en extensivo. Por qué optastes por unha instalación confinada?
– Optouse por unha instalación confinada para garantir a máxima bioseguridade e controlar de forma eficiente todos os factores que poden afectar á saúde e á reprodución dos animais, reducindo ao mínimo o risco de enfermidades, como a Peste Porcina Africana (PPA), e permitindo unha xestión óptima dos programas de selección e mellora xenética.

Implementaranse tecnoloxías de reprodución asistida para a obtención de seme

Ademais, unha instalación confinada facilita o manexo preciso dos animais, o seguimento individualizado dos rendementos produtivos e reprodutivos e a implementación de tecnoloxías avanzadas de reprodución asistida, garantindo animais de alta calidade xenética e sanitaria para a reposición.

– Unha das necesidades habituais dos produtores de porco celta é a renovación dos machos que teñen como sementais para evitar a consanguinidade. A nova granxa vén a resolver este problema?
– Todas as gandarías participantes no programa de cría poderán adquirir exemplares de reposición, tanto machos como femias, para as súas granxas xa que se implementarán tecnoloxías de reprodución asistida, incluíndo unha estación de obtención de seme.

– En que aspectos incidiredes no eido da selección xenética?
– Os aspectos nos que podemos influír céntranse principalmente nos rendementos reprodutivos e na calidade da carne, favorecendo un menor engraxamento xeral pero cunha maior deposición de graxa intramuscular, que é a que aporta sabor e calidade. Ademais, perseguirase eliminar todas as alteracións morfolóxicas indesexables co obxectivo de mellorar o estándar da raza e optimizar os resultados no proceso de mellora.

A renovación xeracional no sector trae consigo maior tecnificación e explotacións máis grandes, pero isto non entra en conflito coa esencia tradicional do porco celta

– A remuda xeracional no sector está a traer unha maior tecnificación e a vir da man de explotacións de maior tamaño. Supón isto perder a esencia da cría tradicional do porco celta ou era un salto necesario para a consolidación da raza e a viabilidade das explotacións?
– A renovación xeracional no sector trae consigo maior tecnificación e explotacións máis grandes, mais isto non entra en conflito coa esencia tradicional do Porco Celta, senón que se converte nun factor clave para a consolidación da raza, permitindo combinar o coidado da tradición coas oportunidades que ofrece a profesionalización, a dixitalización e modernización.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *