Créase o Observatorio para a Mobilidade de Terras de Galicia

Os conselleiros do Medio Rural, Facenda e Medio Ambiente e Ordenación do Territorio asinaron un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Juana de Vega para poñer a andar este organismo que identificará as problemáticas do mercado e buscará posibles solucións

Créase o Observatorio para a Mobilidade de Terras de Galicia

Sinatura do convenio esta mañá en Santiago

Os conselleiros do Medio Rural, Ángeles Vázquez, de Facenda, Valeriano Martínez, e de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinaron este xoves un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Fundación Juana de Vega para a observación da mobilidade e o mercado da terra agraria en Galicia, así como para o intercambio de información entre estas entidades.

A través da sinatura deste documento búscase a posta en marcha dunha metodoloxía de seguimento da mobilidade de terras rústicas de Galicia para mellorar a transparencia dos mercados e coñecer as dinámicas que se dan a nivel parroquial/municipal e no conxunto da Comunidade, co obxectivo de ofrecer a todos os axentes implicados información válida para a toma de decisións. O fin último é poder deseñar e implantar políticas que melloren o aproveitamento da terra o dos recursos do territorio.

A través desta colaboración espérase identificar os obstáculos e problemas existentes para o funcionamento dos mercados da terra e buscar posibles solucións, co fin de redimensionar as explotacións a través do aumento da súa base territorial e facelas máis competitivas.

Inicios do observatorio

Este convenio dá continuidade ao proxecto “Propiedade, mobilidade de terras e valorización territorial” levado a cabo no 2013 e 2014 entre Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), a Fundación Juana de Vega e a USC e que asentou as bases deste observatorio.

Deste proxecto concluíuse que as fontes máis axeitadas para obter información sobre as dinámicas de mobilidade de terras son os datos xestionados directamente polo Banco de Terras e os derivados do Imposto de Transmisións Patrimoniais. Tamén era preciso acceder ao Sistema de Información Xeográfica Catastral (Sixca) e ao Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (Sixpac), que permiten obter unha aproximación a mecanismos de mobilidade de terras non documentados como os contratos orais de arrendamento, cesións e/ou permutas.

Analizaranse ademais os indicadores do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e ao mapa de aptitude produtiva do solo, entre outros, para facer unha aproximación sistemática ao comportamento da oferta e a demanda potenciais.

Por iso era necesaria a implicación da Axencia Tributaria de Galicia e do Instituto de Estudios do Territorio neste convenio, para establecer un marco de colaboración institucional co que se compartan datos de xeito habitual.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información