A Universidade de Vigo e a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) da Xunta de Galicia promoven unha investigación sobre o uso da madeira como elemento de mitigación acústica, que contribúa á posta en valor de novos usos deste recurso. Deste xeito, levouse ao desenvolvemento dun prototipo de pantalla acústica, realizada con madeira de piñeiro termotratada, que permitiría reducir o nivel de ruído en preto dun 15 %.
As diferentes fases dos traballos desenvolvidos no Laboratorio de Madeira da Escola de Enxeñaría Forestal, baixo a coordinación do profesor Óscar González, foron presentados este luns nunha xornada que permitiu tamén contemplar seis prototipos de pantalla acústica deseñados no marco deste proxecto. A xornada foi inaugurada pola vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, o director de Xera, Jacobo Aboal, e a directora da EE Forestal, Ángeles Cancela, e constituía a acción final dun convenio centrado no estudo e desenvolvemento de elementos de madeira para a mitigación acústica en infraestruturas de transporte, como estradas, vías do tren ou áreas industriais.
O director de Xera sinalou que os prototipos foron desenvolvidos con “recursos endóxenos”, como madeira de piñeiro e cortiza termotratadas, aspecto no que incidiu tamén Lantarón, destacando a aposta pola “bioeconomía local” deste proxecto, no que os prototipos deseñados foron construídos por unha empresa galega.
Durante a xornada, tamén se falou das diferentes fases desta investigación, nunha conferencia de González Prieto, que explicou que estas pantallas se empregarían “en condicións de exposición á intemperie, polo que sofren os efectos da chuvia, dos raios ultravioleta, de organismos biolóxicos…”, o que fai preciso materiais “cunha durabilidade e unha resistencia adecuada”. Isto motivou o uso de “madeira termotratada” de Pinus pinaster para dar forma a uns prototipos cos que realizáronse unha serie de ensaios, co obxectivo de coñecer a súa capacidade “de absorción e illamento acústico”. Nese senso, a falta de concluír “as últimas comprobacións” nun laboratorio sónico, estas pantallas acadaron “valores de redución de son superiores ao 15 %”, sinala González.
Previamente, a profesora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Soledad Torres impartiu un relatorio centrado nos efectos do ruído ambiental e no seu marco lexislativo, así como nos procesos de illamento acústico.