Crean o selo Carne de Rubia Galega ó amparo das IXP Vaca e Boi Galego

A asociación de criadores Acruga e os Consellos reguladores das IXPs de carne de vacún galega asinaron o convenio para o fomento da produción e a comercialización. Continúan a liña de colaboración iniciada no 2010 coa IXP Ternera Gallega

Crean o selo Carne de Rubia Galega ó amparo das IXP Vaca e Boi Galego

Participantes no acto de sinatura do convenio de colaboración entre Acruga e as IXP de vacún de carne galegas.

Unir forzas para desenvolver e potenciar o sistema de produción, promoción e comercialización da carne de vacún maior de calidade en Galicia, así como a promoción e difusión da raza Rubia Gallega e os seus produtos, baixo a marca Carne de Raza Rubia Gallega, no marco da IXP Vaca Galega/Boi Galego, en base ao carácter específico e diferenciador da xenética desta raza acreditada por Acruga.

Éste é o obxecto do Convenio de colaboración, subscrito hoxe na Facultade de Veterinaria de Lugo, entre os presidentes do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas de Carne de Vacún de Galicia, Jesús González Vázquez, e da Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Gallega (Acruga), César Dorado Pin. O acto de sinatura tivo lugar no marco da Facultade de Veterinaria de Lugo e estivo presidido polo seu decano, Gonzalo Fernández Rodríguez.

Acruga e o Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia determinarán as condicións específicas que deben cumprir as gandarías, previamente inscritas nas dúas entidades, para que as súas vacas e bois se poidan sacrificar e comercializar a súa carne ao abeiro da marca Carne de Rubia Gallega / Carne de Raza Rubia Gallega, dentro das categorías Vaca Galega, Vaca Galega Selección, Boi Galego e Boi Galego Selección. Farano de acordo co establecido no Regulamento da IXP Vaca Galega/Boi Galego e no seu Manual de calidade, incidindo por parte do Consello Regulador nas condicións de manexo, alimentación e engorde das vacas e bois. Mentres, por parte de Acruga centraranse nas condicións raciais dos animais e na comprobación de que estean inscritos no Libro Xenealóxico da raza Rubia Gallega.

1x1.8m carne de rubia_vertical_v3

Novo selo para a comercialización de carne de Rubia Galega baixo a IXP Vaca e Boi de Galicia.

Con este convenio tamén se busca acadar unha maior transparencia comercial, mellorar o prezo que reciben os gandeiros polos seus animais e loitar contra a picaresca e o fraude no mercado. Queren evitar que se venda carne de vaca ou de boi co nome de Galicia ou da raza Rubia Galega, sen que o sexa. Por iso, o Consello Regulador encargarase de garantir a orixe dos animais e a trazabilidade da carne ata chegar aos consumidores, e Acruga dará fe da autenticidade da xenética de raza Rubia Gallega. “O obxectivo final que se busca é ofrecer unha carne de excelente calidade e coas máximas garantías, para poder contar coa confianza dos consumidores”, sinalan.

Compromiso global co sector de vacún de carne

Tanto o Consello Regulador como Acruga consideran fundamental a colaboración entre as dúas entidades, así como coas demais organizacións con intereses e competencias en relación co sector de vacún de carne de calidade, para o desenvolvemento dun programa de difusión da raza Rubia Gallega e a súa promoción e potenciación no conxunto do sector en Galicia. As dúas entidades traballarán en común para desenvolver e potenciar o sistema de produción que se corresponde coas categorías Vaca Galega, Vaca Galega Selección, Boi Galego e Boi Galego Selección, así como para imprimirlles valor engadido mediante a marca Carne de Rubia Gallega / Carne de Raza Rubia Gallega.

Acruga promoverá que os seus gandeiros asociados se inscriban nos rexistros da IXP Vaca Galega/Boi Galego. O obxectivo é que polo menos un 80% da súa actividade gandeira se desenvolva no marco da IXP. Pola súa banda, o Consello Regulador encargarase de dispoñer do orzamento para as iniciativas para a promoción da marca. Tamén determinará no seu Manual de Calidade as medidas de control e as instrucións necesarias para garantir o benestar dos animais e a certificación da carne baixo a IXP Vaca Galega/ Boi Galego.

O novo acordo terá unha duración de 20 anos e continúa a liña de colaboración aberta xa no 2010 coa IXP Ternera Gallega. No marco deste convenio tamén crearán un comité técnico de seguimento que prestará especial atención ao seu desenvolvemento, así como á difusión e evolución da marca Carne de Rubia Gallega / Carne de Raza Rubia Gallega no marco do Consello Regulador e no mercado.

Cada cinco anos teñen previsto realizar unha avaliación dos resultados do Convenio e da súa repercusión no sector gandeiro. Ademais, solicitarán o apoio das Administracións públicas, en especial da Consellería do Medio Rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información