A creación da Mesa da Castaña e da Mesa da Madeira, dous organismos que se viñan anunciando desde hai meses, vén de plasmarse no Diario Oficial de Galicia (DOG). A Consellería do Medio Rural pon en marcha ambos foros co obxectivo de reunilos alomenos dúas veces ó ano.
A Mesa da Castaña contará coa participación de 13 vogais, 5 por parte da Xunta e 8 por parte dos axentes sociais relacionados coa castaña (1 persoa da IXP Castaña de Galicia, 3 de asociacións de propietarios forestais, 1 persoa produtora, 1 persoa en representación do sector de almacenistas e comercializadores en fresco, 1 persoa en representación do sector industrial transformador e outra en representación dos viveiros).
O obxectivo da Mesa da Castaña pasa por establecer un foro continuado de diálogo e por estudar e impulsar medidas que contribúan a fortalecer ó sector.
Mesa da Madeira
En canto á Mesa da Madeira, estará composta pola presidencia e 22 vogais, correspondendo a presidencia á persoa que encabece a Dirección Xeral de Montes. Haberá 5 vogais en representación da Xunta e o resto corresponderanlle ás asociacións máis representativas do sector madeireiro, coa seguinte división: 7 vogais en representación das organizacións de propietarios forestais, 2 persoas en representación das empresas de servizos, 7 nomeadas polas empresas e industrias de primeira transformación e unha polo Colexio de Enxeñeiros Forestais de Galicia.
O obxectivo da Mesa da Madeira sitúase na creación dun foro que permita facer un seguemento do mercado da madeira e das necesidades da industria. Tamén posibilitará o intercambio de información fitosanitaria e buscarase consenso para as liñas de investigación e traballo no sector.
‘Saluscastanea’, grupo operativo para promover a sanidade do castiñeiro
As dificultades sanitarias que está a experimentar o castiñeiro nos últimos anos, con problemas como o chancro, a tinta ou a avespiña do castiñeiro, levaron á constitución dun grupo operativo a nivel de toda España, Saluscastanea, para promover a mellora da sanidade vexetal dos soutos.
O grupo Saluscastanea, que conta con axudas do Ministerio de Agricultura, está integrado por sete entidades en representación de distintas zonas produtoras. Por parte de Galicia están a empresa Alibos Galicia e a Asociación de Productores y Exportadores de Productos Agrosilvestres de Galicia (Proagrosilga). Tamén participan a Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España -na que está integrada a Asociación Forestal de Galicia-, o Centro de Servicios y Promoción Forestal de Castilla y León, a cooperativa andaluza ‘Castañas Valle del Genal’, a agrupación de cooperativas ‘Valle del Jerte’ y la Asociación de Productores de Castaña de Villuercas (Cáceres).
A estes representantes do sector produtor, súmanse a Universitat de Lleida, a empresa pública Tragsa, o Institut de Recerça y Tecnologia Agroalimentarie de Cataluña (Irta), o servizo de investigación e desenvolvemento agrolimentario de Asturias (Serida) e a Asociación Berciana de Agricultores (Aba).